A normativa que regula a produción ecolóxica en Europa data de 1991 e actualmente está determinada polo Regulamento (CE) n° 834/2007 sobre produción e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos, e polo Regulamento (CE) nº 889/2008 polo que se establecen normas detalladas con respecto á produción, a etiquetaxe e o control ecolóxicos para a aplicación do Regulamento (CE) nº 834/2007.
Pero esta normativa vai ser derogada polo novo Regulamento (UE) nº 848/2018 do Parlamento e do Consello de 30 de maio do 2018 sobre produción ecolóxica e etiquetado de produtos ecolóxicos, que estaba previsto que entrara en vigor o 1 de xaneiro de 2021 pero que a propia Comisión Europea acaba de propor aprazar a súa aplicación un ano, até o 1 de xaneiro de 2022.
Polo tanto, a partir desta data para que un produto sexa certificado como ecolóxico deberá cumprir coa nova normativa, que supón algún cambio a respecto do Regulamento vixente, endurecendo nalgúns casos os requisitos para que unha produción sexa considerada ecolóxica, biolóxica ou orgánica.
O salón de actos do Recinto feiral de Curtis acolle hoxe e mañá unhas xornadas organizadas polo Craega onde se abordarán estas modificacións. Analizamos con Xisela Fernández, enxeñeira agrónoma que forma parte do equipo técnico de Agronovo Ecoloxía SL, algúns aspectos a ter en conta para seguir producindo en ecolóxico a partir de 2022.
A Comisión Europea decidiu adiar durante un ano a entrada en vigor da nova normativa por non estaren aínda definidas determinadas cuestións técnicas sobre a súa aplicación
Aínda que os cambios aprobados no que respecta á produción de leite e carne de vacún no novo Regulamento son poucos comparados cos que se fixan para outras producións, como por exemplo as avícolas, onde haberá importantes novidades sobre todo en materia de instalacións, haberá menor permisividade na convivencia entre ecolóxico e convencional ou na entrada de insumos ás granxas.
Así, malia que a entrada en vigor do novo Regulamento europeo foi adiada durante un ano e outras modificacións serán aplicadas de maneira escalonada, as explotacións deberán camiñar cara a autosuficiencia, tanto a nivel de forraxes como de adquisición de gando, incrementando a súa porcentaxe de alimento e de recría.
As excepcións que permiten o uso de sementes e animais convencionais na produción ecolóxica expirarán no 2035
Os cambios afectarán tamén ao período de conversión. “Até agora no período de transición dos dous anos podíase seguir dando penso convencional até os últimos 6 meses, por exemplo, pero agora iso vaise cambiar. A nova normativa é un pouco máis complexa e vai afectar sobre todo aos que empezan de novo porque lles inflúe no período de reconversión”, explica Xisela.
Só poderá estar preso o gando en explotacións de menos de 50 cabezas
Entre as principais novidades que afectarían á produción de leite e carne ecolóxica estaría unha mellora do benestar animal cun aumento das superficies mínimas nas que están os animais, tanto en interior como en exterior, e a fixación dun límite no caso de explotacións que manteñen presos aos seus animais (só poderán ter os animais atados aquelas explotacións de menos de 50 animais adultos).
Esta medida afectaría por exemplo a aquelas explotacións de maior tamaño (ganderías de leite e de carne que no inverno meten pola noite dentro ao gando), e que, en caso de teren máis de 50 vacas adultas terían que adaptar as súas instalacións para que estivesen ceibas, máis alá do tempo necesario para a alimentación, aplicar tratamentos, etc.
Aínda que un medicamento poña que non é necesario período de prescrición, haberá que agardar cando menos dous días para volver entregar o leite dese animal
Outro dos cambios previstos é que as esperas logo dun tratamento en ecolóxico serán do dobre do tempo indicado no prospecto, como até agora, só que se engade que polo menos será de 48 horas, polo que aínda que un medicamento poña que non é necesaria agarda, esta terá que ser de polo menos 2 días para volver entregar o leite dese animal.
Prohíbense os substitutivos do leite materno nos primeiros meses
Ademais, búscase que cada vez as explotacións sexan máis autosuficientes e o 70% da alimentación terá que ser producida na propia explotación (a porcentaxe está agora fixada no 60%). Esta medida, que entraría en vigor no 2023, obriga a que a practicamente toda a forraxe sexa de produción propia ou en colaboración con outro produtor da zona para poder empregar a porcentaxe do 30% restante de insumos que permite a normativa para mercar o penso, a palla ou outros elementos non producidos localmente.
O 70% da alimentación deberá proceder da propia explotación (a porcentaxe está agora fixada no 60%) e prohíbense os substitutivos de leite materno cando menos nos primeiros tres meses
Asimesmo, no novo Regulamento foméntanse os circuítos curtos de distribución e as producións locais nos territorios da UE, refórzase o concepto de produción ligada ao chan e promóvese o uso de novos materiais de reprodución vexetal ecolóxicos, así como de razas de animais cun alto grao de diversidade xenética, resistencia ás enfermidades e lonxevidade.
Promóvese o uso de razas de animais cun alto grao de diversidade xenética, resistencia ás enfermidades e lonxevidade
Do mesmo xeito, a nova normativa europea reforza o leite materno e prohibe os substitutivos nos primeiros meses de vida dos becerros e becerras. Deberán recibir leite materno procedente da propia explotación durante un período que está aínda sen definir pero que podería ir desde os 3 aos 5 primeiros meses de vida dos animais.
Certificación en grupo
Tamén se inclúe a posibilidade de que os pequenos produtores europeos poidan acollerse á certificación de grupo. Esta modalidade, fixada no artigo 36 do novo Regulamento, está pensada para explotacións dun máximo de 5 hectáreas e non máis de media hectárea de invernadoiros ou 15 hectáreas exclusivamente no caso de pastos permanentes.
O volume de negocio de produción ecolóxica anual de cada membro non poderá superar os 25.000 euros e o custo de certificación individual deberá representar máis do 2% do volume de negocio.
Esta modalidade podería beneficiar a pequenos produtores de horta sempre que non cultiven máis de media hectárea en invernadoiro e 5 ha totais contando as fincas ao aire libre
Este modelo de certificación estará composto unicamente por membros que desenvolvan as súas actividades de produción en lugares próximos xeograficamente e establecerá un sistema conxunto de comercialización para os produtos que produce o grupo.
A certificación de agricultura ecolóxica en grupo abre un abano de posibilidades interesante por exemplo para pequenos produtores de horta, aínda que en caso de incumprimento por parte dalgún membro correríase o risco da perda da certificación á totalidade do grupo.
Harmonización dos controis no conxunto da UE
Aínda que é unha das cuestións que aínda está pendente de concretar, refórzanse os controis aos operadores: como mínimo un control in situ a todos os operadores ao ano, ou cada dous anos se non se detectan fraudes nun operador durante o últimos tres anos.
No que fai referencia á etiquetaxe, non se poderá utilizar o logotipo de certificación ecolóxica naqueles produtos en conversión, salvo sementes e material de reprodución vexetal, así como alimentos para animais e pensos de orixe vexetal.
Unha vez entre en vigor o novo Regulamento, os produtos certificados de conformidade co Regulamento anterior poderán comercializarse até esgotar existencias
Tamén se indica a incompatibilidade co concepto de produción ecolóxica de técnicas como a produción hidropónica, a clonación de animais ou o uso de organismos modificados xenéticamente (OMG).
Ademais, prohibirase definitivamente o uso de animais ou plantas provintes de sistemas convencionais para introducilos en produción ecolóxica en 2035. Actualmente certas producións ecolóxicas requiren de animais ou plantas provintes de sistemas convencionais, por non existir oferta destes en sistema ecolóxico.
Produtos importados
Un dos aspectos máis relevantes é o establecemento dun novo marco para o comercio con terceiros países que, ademais de abordar por primeira vez as exportacións, establece como norma xeral o sistema de cumprimento, que garante que o produto a importar desde un terceiro país tivo que ser producido conforme á normativa europea, co que se restrinxe o modelo de equivalencia ao marco dun acordo comercial vixente.
Os produtos ecolóxicos importados deberán cumprir exactamente as mesmas condicións de produción e certificación que cumpren os agricultores ecolóxicos da UE
A redución da pegada de carbono da produción agrogandeira europea, tanto en convencional como en ecolóxico, e a súa contribución á conservación e mellora da biodiversidade serán outros dos ámbitos de traballo que guiarán o manexo das explotacións nos vindeiros anos, impulsado por unhas axudas da PAC que primarán os aspectos ambientais na procura dunha produción de alimentos en Europa máis sustentable e respectuosa co medio ambiente.
Retraso dun ano na aplicación do novo Regulamento
Aínda que inicialmente o novo Regulamento de produción ecolóxica debería entrar en vigor dentro de tres meses, sen apenas tempo de adaptación para o sector, Bruxelas propuxo a principios de setembro aprazar a 2022 a entrada en vigor da nova normativa.
Malia que a aprobación definitiva do novo Regulamento chegou en 2018 tras catro anos de discusións e negociacións entre os Estados membros, faltan aínda por detallar as medidas de execución para especificar a través delas as normas técnicas de aplicación da nova normativa. E a estas alturas, a tres meses do prazo inicial de entrada en vigor, algúns destes elementos normativos secundarios aínda non están definidos, polo que as Autoridades comunitarias preferiron darse máis tempo para finalizar este traballo.
Á Comisión Europea colleuna o touro á hora de detallar as normas técnicas de aplicación do novo Regulamento e preferiu darse un ano máis de prazo para finalizar estes traballos
Así, a Comisión Europea propón darse un ano máis de prazo, ata o 1 de xaneiro de 2022, para a aplicación dos novos criterios de certificación e apraza algunhas das medidas cun calendario progresivo de entrada en vigor, unha decisión que foi ben acollida polo sector.
Bruxelas considera “prioritario” garantir que o sector da agricultura ecolóxica dispón “dos instrumentos adecuados e dun marco legal consensuado e eficiente“, sinalou o Executivo comunitario nun comunicado a principios deste mes de setembro.
Suxestións até decembro para o Plan de Acción comunitario sobre Agricultura Ecolóxica
Como complemento ao novo Regulamento, a Comisión Europea acaba de poñer en marcha unha consulta pública sobre o seu futuro Plan de Acción sobre Agricultura Ecolóxica, que se enmarca no Pacto Verde Europeo.
O comisario europeo de Agricultura, Janusz Wojciechowski, sinalou que a agricultura ecolóxica “será unha aliado clave na transición que estamos a liderar cara a un sistema alimentario máis sostible e unha mellor protección da nosa biodiversidade”. “A Comisión apoiará ao sector ecolóxico na consecución do obxectivo de dedicar un 25 % das terras agrícolas á agricultura ecolóxica para 2030 coa política e o marco xurídico adecuados“, engadiu.
Brexelas pretende estimular a demanda de produtos ecolóxicos e incrementar a superficie de cultivo
O plan de acción pretende estimular a demanda de produtos ecolóxicos, por exemplo nos centros escolares mediante a contratación pública ecolóxica; fomentar o incremento da superficie dedicada a eses cultivos e impulsar a contribución da produción ecolóxica á loita contra o cambio climático e a perda de biodiversidade. Este tipo de medidas contarán cun orzamento de 40 millóns de euros en 2021.
A consulta pública que se puxo en marcha ten por obxecto solicitar as opinións dos cidadáns, as autoridades nacionais e as partes interesadas e estará en liña durante un período de 12 semanas, ata de decembro de 2020.
Principais modificacións en materia de produción, trazabilidade e etiquetaxe
O Regulamento (UE) nº 2018/848 do Parlamento e do Consello de 30 de maio do 2018 sobre produción ecolóxica e etiquetado de produtos ecolóxicos, que substituirá aos actuais Regulamentos (CE) nº 834/2007 e 889/2008, entrará finalmente en vigor o 1 de xaneiro de 2022 e aínda que pode haber algún cambio ou modificación na súa redacción definitiva, froito de que dos 61 artigos que compoñen a nova normativa en 49 deles é necesario aprobar aínda actos delegados ou de execución, as principais novidades serían as seguintes:
- Fomentar os circuítos curtos de distribución e as producións locais.
- Promover o desenvolvemento de actividades de mellora vexetal de plantas ecolóxicas
- Novos produtos certificados: sal, corcho, capullo de verme de seda, algodón, gomas e resinas, cera de abella, aceites esenciais, la, peles, etc.
- Simplificaranse as normas de produción grazas á supresión progresiva dunha serie de excepcións e exclusións.
- Reforzarase o sistema de control mediante medidas preventivas máis estritas e controles rigorosos ao longo de toda a cadea de subministro
- Os produtores de países non pertencentes á UE terán que cumprir as mesmas normas que os produtores da UE.
- Posibilidade de certificación en grupo
- Novas especies animais: coellos e cervos.
- Tempo de espera despois dun tratamento, será do dobre do indicado e polo menos de 48 horas.
- Posibilidade de manter atados animais adultos por seguridade ou benestar en explotacións de máximo 50 animais adultos.
- Introdución de animais non ecolóxicos: 10% anual, sempre que sexan nulíparas. Posibilidade de creación dunha base de datos de animais ecolóxicos.
- Emprego de leite materna, prohibido os substitutivos do leite.
- Alimentación con leite materna durante tres meses (posibilidade de que sexan 5 meses).
- A partir do 1 de xaneiro do 2023 o 70% da alimentación será da propia explotación ou en colaboración con outros operadores da mesma rexión.
- As excepcións que permiten o uso de sementes e animais convencionais na produción ecolóxica expirarán en 2035 cun calendario de aplicación progresivo: alimentos a base de proteínas para porcos e aves até o 31/12/2025; machos adultos e femias nulíparas até o 01/01/2028; material de reprodución vexetal non orgánico, pitas de menos de 3 días e animais novos de recría até o 31/12/2035.
O obxectivo de Bruxelas: triplicar a superficie adicada a produción ecolóxica nunha década
A nivel europeo, a agricultura ecolóxica é un sector que aglutina o 8% da superficie agraria, sumando un total de 13 millóns de hectáreas, con máis de 186.000 explotacións e que medra de forma acelerada a un ritmo medio de 500.000 hectáreas ao ano.
A intención da Comisión Europea é triplicar a superficie actual dedicada a agricultura ecolóxica nunha década, para chegar a 2030 co 25% da superficie agraria comunitaria con plantacións ecolóxicas.
A Estratexia ‘Da Granxa ao Garfo’ ten como obxectivo facer que o 25 % da superficie agraria total da Unión Europea sexa orgánica en 2030
Este obxectivo foi expresado explicitamente este ano dentro do Pacto Verde Europeo e, en concreto, nas Estratexias Da granxa ao Garfo e Biodiversidade 2030, presentadas o pasado mes de maio. Para lograr unha produción alimentaria máis sostible, Bruxelas quere que o uso de fertilizantes se reduza polo menos nun 20% e o de fitosanitarios nun 50%. Tamén propón, con vistas a 2030, recortar nun 50% as vendas de antibióticos tanto para animais de granxa como na acuicultura.
Grazas á produción de horta ecolóxica en zonas de Levante e Andalucía, España mantén, con máis de dous millóns de hectáreas, o seu liderado como primeiro país produtor da UE e cuarto do mundo.
Países como Suecia ou Austria teñen máis do 20% da súa superficie agraria adicada a agricultura ecolóxica. En España é o 9% e en Francia e Alemaña o 7%
Aínda así, a superficie agraria dedicada a agricultura ecolóxica en España supón só o 9,3% do total, moi por detrás do que representa en países como Austria (24,1%), Estonia (20,6%), Suecia (20,3%) ou Italia (15,2%), aínda que por diante de países como Alemaña (7,3%) ou Francia (7%).
En Galicia, segundo a memoria do Craega do 2019, a superficie ecolóxica total certificada é de 34.738 hectáreas. A tendencia positiva mantense nos últimos anos (nunha década a superficie medrou un 143,9%) e en 2019 rexistrou unha suba do 2,9% con respecto a 2018.
Lugo concentra case a metade (48,1%) da superficie ecolóxica, cun incremento dun 1% no último ano e tamén encabeza os procesos de conversión (42,6%), aínda que A Coruña é a provincia que máis medrou en 2019 (case o 10%).
Da superficie total, 27.446 hectáreas son de pasto permanente, 5.477 ha de cultivos permanentes e 1.815 de terras arables con distintos usos. As plantas colleitadas en verde (millo forraxeiro, chícharos, nabos e praderías) acaparan o 74,2% dos cultivos arables; a hortalizas frescas e amorodos dedícanse 124,56 ha (o 44,2% na provincia da Coruña) e os cereais ocupan unha extensión de 234,2 ha (o 52,7% atópase en Lugo).
Algo máis da metade dos cultivos permanentes (2.769,44 ha) dedícase a froitas, bagas e froitos secos. Con 2.321 ha, a castaña ten especial relevancia. O 42,3% da superficie permanente dedícase a este cultivo e case toda a produción (93,7%) concéntrase en Lugo.
O sector eco galego ten dous motores: a provincia de Lugo leva o peso da produción e a de Pontevedra, o da industria
En Galicia existen 1.182 operadores ecolóxicos, dos que o 75% son produtores e o 25% elaboradores. Os elaboradores case se cuadriplicaron na última década e hoxe representan o 25,7% dos inscritos.
En total, a produción ecolóxica facturou o ano pasado en Galicia 92,7 millóns de euros. A produción animal leva o peso do Craega no que a volume de vendas certificadas se refire. Cun beneficio de 56,5 millóns de euros, supón case o 70% do balance de 2019.
As 109 ganderías de leite ecolóxico que hai en Galicia facturan 32,9 millóns de euros ao ano, sendo a produción que máis valor crea seguido da carne e os ovos
O leite e derivados segue a ser o produto con maior volume de vendas (32,9 millóns de €). As 109 ganderías de leite certificadas en Galicia incrementaron o pasado ano o valor dos seus produtos un 26% con respecto ao ano anterior, o que supuxo 6,8 millóns de euros máis de valor. Á marxe do leite, os ingresos do sector eco galego apóianse, por esta orde, nas carnes (15,7 millóns de €) e nos ovos (6,3 millóns de €).