A promoción do consumo de produtos lácteos na infancia é o obxectivo do Día Mundial dos Lácteos na Escola, unha data na que a Interprofesional Láctea programa cada ano actividades nos colexios. A edición deste ano, baixo o lema ‘Compartindo o auténtico’, orientouse a fomentar un estilo de vida saúdable a través do vínculo dos netos cos avós, que constitúen un exemplo para os rapaces. En Galicia, o acto principal do Día Mundial dos Lácteos nas Escolas celebrouse no colexio Froebel de Pontevedra.
Algo máis de medio cento de alumnos de quinto e sexto de Primaria participaron nun evento no que interviu unha representante do comité científico da Interprofesional Láctea, Rosaura Leis, así como Román Santalla, gandeiro e representante na Inlac, e a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez. Tamén falou un dos avós do centro, que despois compartiron actividades de xogos tradicionais cos rapaces.
No acto, a conselleira do Medio Rural quixo poñer en valor o papel dos lácteos para a saúde: “É importante volver a introducir produtos sans na nosa dieta e na dos nosos fillos”, sinalou a conselleira, que propuxo o consumo de leite enteiro entre os pequenos en lugar de produtos industriais e bebidas vexetais que carecen dos nutrientes necesarios que si teñen os lácteos.
Día Mundial dos Lácteos
O Día Mundial dos Lácteos na Escola é unha iniciativa da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), que ten como obxectivo celebrar os beneficios asociados ao consumo de leite na idade escolar na saúde nos nenos. Ten lugar o último mércores de setembro e en España é a Interprofesional Láctea (INLAC) a que, en representación de todo o sector lácteo, pon en marcha unha serie de accións en colexios co obxectivo fomentar o consumo en nenos e preadolescentes en idade escolar.