O Consello de Ministros vén de aprobar o proxecto de Lei de Prevención das Perdas e o Desperdicio Alimentario, unha norma que se atopaba xa no Senado durante a pasada lexislatura, pero que decaeu pola disolución das Cortes Xerais. A motivación da lei responde ao “imperativo categórico que teñen os poderes públicos de reducir drasticamente o volume de desperdicio alimentario”, sinalou o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas.
“O desperdicio prexudica especialmente aos máis necesitados, ao encarecer o acceso a bens de primeira necesidade; malgasta recursos naturais escasos e aumenta os residuos e o impacto ambiental; e lastra a eficiencia do sector produtivo e a súa competitividade. É, por tanto, unha obrigación tamén para todos os operadores da cadea, e unha tarefa que debe implicar ao conxunto da sociedade”, avanzou.
Segundo o Ministerio, “as causas do desperdicio están relacionados con erros na planificación e calendario de colleita, emprego de prácticas de produción e manipulación inadecuadas, deficiencia nas condicións de almacenamento, malas técnicas de venda polo miúdo, prácticas dos provedores de servizos ou comportamento inapropiado dos consumidores”.
Achegas da lei
Desta forma, a futura lei establece unha xerarquía de prioridades para o destino dos alimentos que inevitablemente se convertan en desperdicio alimentario. Establécese como prioridade máxima o consumo humano, a través da doazón ou redistribución dos alimentos.
En seguintes chanzos, contémplase a transformación dos alimentos (zumes, marmeladas) e, cando non sexan aptos para o consumo humano, a preferencia de uso será a alimentación animal, a fabricación de pensos ou a obtención de compost ou biocombustibles.
“As empresas de hostalaría terán a obrigación de facilitar ao consumidor que poida levar os alimentos que non consumise sen custo adicional algún, en envases reutilizables ou facilmente reciclables, aínda que debe cobrar polos envases de plásticos dun só uso, como establece a Lei de residuos 7/2022”, detallan desde o Ministerio.
A lei tamén articula medidas de boas prácticas en cuestións como a venda de produtos ‘imperfectos’; de produtos de tempada, de proximidade ou ecolóxicos. E tamén para a venda de produtos de consumo preferente ou de caducidade próxima.
“A norma, que iniciará agora a súa tramitación parlamentaria, fundaméntase en valores amplamente compartidos pola maioría da sociedade e é unha lei con máis vocación de convencemento e sensibilización que de coerción. Como todas as leis conta cun réxime sancionador, aínda que o seu obxectivo é a concienciación”, amplían.
O proxecto de lei está en liña co cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, da Axenda 2030 de Nacións Unidas, que establece no seu punto 12.3 a necesidade de reducir á metade o desperdicio de alimentos por habitante correspondente aos niveis de venda polo miúdo e consumo, así como diminuír as perdas ao longo das cadeas de produción e subministración para o ano 2030.
Plan de prevención de perdas e desperdicio
Para lograr estes obxectivos, a nova lei establece a obrigatoriedade para todos os axentes da cadea alimentaria de contar cun Plan de prevención de perdas e desperdicio. O propósito é que as empresas realicen un autodiagnóstico dos seus procesos produtivos, identifiquen áreas onde se producen perdas de alimentos e implementen medidas para minimizalas, así como para asignar usos alternativos, seguindo unha xerarquía de prioridades adaptada ás características de cada axente.
Un aspecto esencial da lei é a xerarquía de prioridades, que permite aos axentes establecer unha prelación no destino dos alimentos para evitar o seu desperdicio. Neste sentido, a prioridade máxima será sempre o consumo humano, a través da doazón ou redistribución de alimentos.
Para a doazón dos excedentes de alimentos, os axentes da cadea deberán subscribir convenios de colaboración con empresas, entidades de iniciativa social e outras organizacións sen ánimo de lucro ou bancos de alimentos. Nestes acordos deberanse recoller de forma expresa as condicións de recollida, transporte e almacenamento dos produtos, entre outras cuestións. Quedarán exceptuados da obrigación de realizar estes convenios de doazón as actividades de distribución alimentaria desenvolvidas en establecementos cunha superficie útil de exposición e venda ao público inferior ou igual a 1.300 m2.
Na segunda orde de prioridades contémplase a transformación dos alimentos que non se venderon, pero que manteñan as súas condicións óptimas de consumo, noutros produtos como zumes ou marmeladas. Cando os alimentos xa non sexan aptos para o consumo humano, a preferencia de uso será, por esta orde, a alimentación animal e fabricación de pensos; o uso como subproductos noutra industria e, xa como residuos, a obtención de compost ou biocombustibles.
Así mesmo, o proxecto de lei establece medidas de boas prácticas, tanto para a administración como os distintos elos da cadea, para evitar o desperdicio de alimentos. Por exemplo, que os establecementos comerciais dispoñan de liñas de venda de produtos considerados feos, imperfectos ou pouco estéticos, ou promover o consumo de produtos de tempada, de proximidade ou ecolóxicos.
Ademais, a norma anima a incentivar a venda de produtos coa data de consumo preferente ou de caducidade próxima, de acordo coa xerarquía de prioridades de uso. O Goberno adoptará políticas e medidas para fomentar a adecuación das datas de consumo preferente á prevención do desperdicio, para o que levarán a cabo acciones formativas e divulgativas sobre a correcta interpretación das datas de caducidade e consumo preferente.
Pola súa banda, o executivo deberá elaborar un Plan Estratéxico para a prevención e redución de perdas e desperdicio alimentario. Este plan, que se revisará cada catro anos, definirá a estratexia xeral contra o desperdicio alimentario, así como as orientacións e estrutura que deberán seguir as comunidades autónomas nas súas actuacións neste ámbito.