O minifundio no que se viña movendo o cooperativismo galego está a dar pasos para gañar en unión e dimensión, coa idea de que ese crecemento repercutirá nunha maior competitividade. O proceso arranca con Feiraco, Os Irmandiños, Melisanto e Xallas, se ben está aberto a novas incorporacións. Os consellos reitores destas catro cooperativas xa aprobaron a súa integración a través da creación dunha cooperativa de segundo grado. Queda agora por coñecer a opinión dos socios, que deberán ratificar esa decisión nas asembleas que cada cooperativa manterá o 31 de outubro.
A presentación pública do proceso de integración fíxose esta mañá nunha rolda de prensa en Santiago na que participaron os presidentes das catro entidades promotoras: José Montes, por Feiraco; José Ángel Blanco, por Os Irmandiños; Pablo Costoya, por Melisanto; e José Manuel Castro, por Xallas. Tamén interviu o director xeral de Feiraco, José Luis Antuña, para ofrecer detalles técnicos da iniciativa.
“O reto que temos é estruturar o sector lácteo a nivel galego e,quizais nun futuro, a nivel nacional” (José Montes, Feiraco)
O obxectivo inicial da unión céntrase en reducir os custos de produción das explotacións socias en base ó fortalecemento duns servizos técnicos conxuntos e á optimización dos prezos dos suministros (pensos e outros). É o beneficio que se espera que as granxas perciban nun curto prazo. O gran reto, con vistas nun medio prazo, pasa por asumir a industrialización de todo o leite producido polas catro cooperativas.
Proxecto industrial
Feiraco, Os Irmandiños, Melisanto e Xallas suman unha produción anual superior ós 400 millóns de litros de leite, dos que as cooperativas só transforman na actualidade un 36%, principalmente a través de Feiraco e, en menor medida por Clesa, un proxecto no que xa viñan participando Feiraco, Os Irmandiños e Melisanto, entre outras cooperativas.
Polo de agora, as cooperativas eluden valorar o proxecto industrial de futuro, pero o obxectivo téñeno claro. Sacar máis valor polo leite e amortiguarlle ás granxas socias periodos de crise como o actual. Na rolda de prensa houbo tamén mensaxes claros sobre as perspectivas de futuro do sector: “De aquí ó 2025, os pronósticos apuntan a un crecemento mundial da demanda do 25%” -apuntou o director xeral de Feiraco, José Luis Antuña-, “se ben tamén é previsible que no mesmo periodo pechen o 40% das granxas de Europa occidental”.
A participación na nova cooperativa de segundo grado sería a seguinte: Feiraco (45%), Os Irmandiños (30%), Melisanto (12%), Xallas (11%)
“O reto que temos é estruturar o sector lácteo, en primeiro lugar a nivel galego, e quizais nun futuro a nivel nacional”, expuxo o presidente de Feiraco, José Montes, na rolda de prensa. Os presidentes das cooperativas sinalaron en especial o interese dunha integración a nivel da Cornisa Cantábrica. De feito, tres das cooperativas, Os Irmandiños, Melisanto e Xallas xa participan dunha cooperativa de segundo grado que aglutina a toda a zona cantábrica, Delagro, orientada á produción e compra de suministros en conxunto.
Proceso de integración
Como se executará o proceso de integración? As conversas para a unión das cooperativas comezou hai un par de anos, a iniciativa da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), e contou co asesoramento dunha empresa consultora externa, AT Consultores, que elaborou unha proposta de participación de cada entidade na futura cooperativa de segundo grado. En función da valoración económica de cada cooperativa, a proposta prevé que Feiraco dispoña dun 45,3% de participación, Os Irmandiños un 30,7%, Melisanto un 12,6% e Xallas un 11,4%.
De aprobarse a integración nas asembleas de socios do 31 de outubro, a intención é que a nova cooperativa de segundo grado estea constituída formalmente o 1 de xaneiro do 2017. Se algunha das cooperativas decide apearse do proceso, a iniciativa de integración continuaría sempre que houbese tres cooperativas que seguisen adiante.
Está garantido o mantemento dos 437 postos de traballo actuais que xeran as cooperativas
O director xeral de Feiraco, José Luis Antuña, subliñou na presentación de hoxe que a integración farase con garantías de mantemento de emprego para os 437 traballadores que suman na actualidade Feiraco, Os Irmandiños, Melisanto e Xallas. A idea das cooperativas pasa por fortalecer os servizos técnicos, de xeito que se amplíe a oferta e se faga homoxénea para todas as granxas socias, pois se ben hai moitos servizos que xa son comúns, outros existen nalgunha das cooperativas e noutras non.
A nova cooperativa de segundo grado terá un peso importante conxunto nas sociedades nas que xa viñan participando Feiraco, Os Irmandiños, Melisanto e Xallas, caso de Clesa (Acolact), Delagro, Ucoga ou Artesáns Gandeiros. A súa liña de traballo fundamental centrarase no sector lácteo, pero tamén abarcará a horta, que conta cunha sección propia en Melisanto, e a produción de vacún de carne.
Cifras da integración
– Socios: 4.340
– Produción de leite: 410 millóns de litros
– Elaboración de piensos e forraxes: 240.000 toneladas
– Facturación agregada (2015): 196 millóns de euros