“Podemos presumir da calidade de leite que temos en Galicia”

A resistencia das bacterias é un dos maiores riscos tanto para a saúde do gando como das persoas e a diminución no uso de antibióticos é un camiño sen retorno que irá acompañado dunha lexislación cada vez máis estrita. María Luisa Barreal, directora técnica do Ligal, destaca a redución de inhibidores no leite que se ten producido nos últimos anos

Marisa Barreal Lopez, directora técnica do Ligal, nas instalacións do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite

Marisa Barreal, directora técnica do Ligal, nas instalacións do Laboratorio Interprofesional Galego en Mabegondo

“O leite é hoxe un dos alimentos máis controlados a nivel de presenza de antibióticos, a mellora foi moi grande nese campo, igual que no da calidade hixiénico-sanitaria do leite”, afirma María Luisa Barreal, directora técnica do Ligal, o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite, que cumpre 30 anos.

Segundo a lexislación comunitaria vixente na actualidade (Regulamentos UE 852/2004, 853/2004 e 854/2004 polos que se establecen os criterios de hixiene e seguridade alimentaria), o titular da explotación é o responsable de garantir a seguridade do leite que produce. Esta seguridade inclúe bactereoloxía, reconto de células somáticas e presenza de antibióticos, un problema sanitario en aumento para o que se prevé un endurecemento a curto prazo da normativa que permite o seu uso.

A normativa europea fai responsable ao gandeiro da calidade do leite que produce

Segundo os datos aportados pola directora técnica do Ligal nas últimas xornadas técnicas de vacún leiteiro organizadas por Seragro, no ano 2018 (o último exercicio cos datos de detección de antibióticos publicados na memoria anual do Ligal) fixéronse en Galicia analíticas a un total de 7.907 explotacións leiteiras, das que só o 8% deron algún positivo en presenza de inhibidores nas máis de 1,3 millóns de mostras realizadas. Desas 630 explotacións que tiveron algún positivo, un total de 87 (o 14%), foron reincidentes, é dicir, tiveron máis de 2 positivos no ano.

Ligal antibioticos 2001-2018Segundo explica María Luisa, “os inhibidores son calquera tipo de substancia que evita que se desenvolvan bacterias no leite, polo que poden ser restos de antibióticos procedentes de tratamentos mal aplicados ou nos que non se respecta o periodo de supresión ou residuos de produtos de limpeza empregados en concentracións moi altas”.

A presenza de antibióticos no leite é 10 veces menor hoxe que fai 20 anos

Polos datos que se desprenden das analíticas de detección de inhibidores, a presenza de antibióticos no leite é 10 veces menor hoxe que fai 20 anos. Se no ano 2001 o 0,59% do total de mostras tomadas daba positivo en presenza de inhibidores, no ano 2018 este dato situábase no 0,056%. Aínda que a baixada no uso de antibióticos nas explotacións aínda ten certa marxe de mellora, é difícil que os positivos nas analíticas do leite poidan diminuir moito máis e, de feito, nos últimos dous anos os positivos practicamente están estabilizados. “Débense a pequenos descoidos que sempre pode haber nas explotacións”, explica.

En 2018 só o 8% das explotacions galegas tiveron algún positivo por presenza de inhibidores, que se debe na maior parte dos casos a descoidos á hora de separar o leite de vacas tratadas

En canto ao tipo de antibióticos detectados, o 97,4% son betaláctámicos, sós ou asociados, e a causa principal da presenza de antibióticos no leite son os tratamentos para a mamite (61% dos casos detectados), seguidos do uso de cánulas de secado (23% dos positivos).

A causa principal da presenza de antibióticos no leite son os tratamentos para a mamite (61% dos positivos), seguidos do uso de cánulas de secado (23%)

“Unha das cousas das que podemos presumir en Galicia é que o 84% das explotacións teñen mostras de pago por calidade con cada recollida, o que implica que cada vez que se lles recolle o leite tamén se lles fai análise de presenza de antibióticos”, afirma María Luisa. No Ligal analízanse unha media de 12.000 mostras ao día e en base a elas efectúase o pago por calidade ao gandeiro, tómanse os datos para o control leiteiro e efectúase a detección de antibióticos.

Límites legais moi estritos

O Regulamento Comunitario 37/2010 relativo ás sustancias famacoloxicamente activas e a súa clasificación establece límites máximos de residuos nos produtos alimenticios de orixe animal, entendidos como o contido de residuos resultante da utilización dun medicamento veterinario legalmente autorizado pola UE e considerado como admisible desde o punto de vista da seguridade do consumidor.

“Os límites legais son moi estritos”, asegura a directora técnica do Ligal. Pon un exemplo: “unha única cánula de penetamato que lle poñamos a unha vaca que dá 10 litros de leite se logo entregamos ese leite á industria, contamina unha cisterna enteira de 10.000 litros de leite cunha concentración de residuo en leite que vai ser catro veces superior ao que a lexislación permite que haxa dese antibiótico”, explica.

Unha única cánula de penetamato que lle poñamos a unha vaca que dá 10 litros de leite contamina unha cisterna enteira de 10.000 litros de leite cunha concentración de residuo en leite catro veces superior ao permitido

Para a detección destes residuos de antibiótico procedentes dos tratamentos é obrigatoria a realización de analíticas. O Real Decreto 1728/2007 sobre mostreo diferencia tres tipos de probas para a detección de inhibidores de bacterias no leite: na explotación, é dicir, no tanque antes de ser cargado o leite no camión de recollida; na propia cisterna antes da súa descarga na planta de transformación; e en laboratorio.

O laboratorio de referencia en Galicia desde o ano 1990 é o Ligal, que analiza anualmente máis de 3,3 millóns de mostras, a metade para o Control Leiteiro das explotacións efectuado a través dos Africor e a outra metade para o pago por calidades que realizan s industrias. Estas probas tratan de detectar tamén os principais antibióticos, entre outros amoxicilina, ampicilina, oxitetraciclina e quinolonas.

Protocolo para a inmobilización de explotacións

analiticas leite

No Ligal realízanse 12.000 analíticas diarias

Na análise que se realiza no Ligal para o pago por calidades por parte das industrias aos gandeiros inclúese un test lento para a detección de inhibidores cuxo protocolo determina que en caso de producirse un positivo este será comunicado tanto á industria como ao gandeiro mediante unha mensaxe SMS.

As mostras de leite son tomadas polas industrias nas distintas explotacións e mantidas a unha temperatura inferior a 8ºC, pois en caso contrario son rexeitadas. O Real Decreto 1728/2007 obriga aos tomadores de mostras, tanto nas explotacións como nas industrias, a pasar un curso que deben renovar cada 4 anos para lograr uns protocolos que fagan que as mostras tomadas sexan fiables.

As mostras refrixeradas chegan ao Laboratorio Interprofesional de Galicia, onde son analizadas a primeira hora do día seguinte. En caso de que haxa un positivo comunícase nese mesmo momento e un inspector desprázase ese mesmo día á explotación para a realización dun test rápido co obxectivo de poder liberar canto antes á gandaría para que poida seguir entregando o leite. Permítese ou non a entrega dese leite en función de se se mantén ou non o positivo detectado no tanque do día anterior. En caso de que persista o positivo inmobilízase a gandaría e colócase unha pegatina vermella que impide a entrega do leite á industria.

Un positivo en antibióticos supón a baixa do Recaldi durante seis meses

O obxectivo da rapidez na comunicación e na detección é garantir, por un lado, a seguridade alimentaria e, por outro, que os gandeiros non se vexan obrigados a tirar leite apto para o consumo. Tamén se remite comunicación á Consellería do Medio Rural, xa que este positivo implica a baixa da explotación no Recaldi (Rexistro de Explotacións de Calidade Diferenciada) por un periodo de 6 meses. En caso de persistir o positivo durante dous días seguidos, os servizos oficiais da Consellería do Medio Rural acudirían a tomar mostras a esa granxa para control oficial.

“Os periodos de supresión dos medicamentos poden variar”

tanque antibioticos

Moitas veces a contaminación prodúcese por descoidos á hora de separar vacas tratadas durante o muxido

Para evitar a contaminación do leite con antibióticos procedentes dos tratamentos ao gando a normativa establece uns tempos de espera mínimos para a entrega do leite unha vez aplicado un medicamento á vaca, aínda que existen unha serie de factores que poden modificar estes tempos de espera fixados nos prospectos, explica María Luisa.

Por exemplo, cando a vaca ten mamite prodúcese un dano na barreira hematomamaria, o que fai que os antibióticos presentes no sangue, por exemplo o celtiofur, pasen ao leite. Do mesmo xeito, cando o animal ten cetose prodúcese un fallo na función hepática, polo que a degradación do antibiótico retárdase e este permanece máis tempo no organismo.

No caso da aplicación combinada de tratamentos intramusculares e intramamarios o tempo de espera será como mínimo de 7 días

O periodo de espera tamén varía se a medicación non se aplica segundo está pautado (número de doses, tempos de aplicación, cantidade) ou se mesturan varios tratamentos. Neste caso, o Real Decreto 109/1995 establece que en caso de mesturas de produtos veterinarios así como no uso de produtos nos que non estea indicado o periodo de espera, este será como mínimo de 7 días. É o caso da aplicación combinada de tratamentos intramusculares e intramamarios para o tratamento de determinadas enfermidades.

Regulación das quinolonas

A directora técnica do Ligal avoga por un “uso prudente” dos antibióticos para “garantir a súa eficacia”. “Hai antibióticos que están producindo moitas resistencias bacterianas e témonos que concienciar todos no seu uso responsable”, pide.

Aínda que asegura que “a mellora foi moi grande neste campo nos últimos anos”, non se conforma coa redución conseguida e afirma que “aínda temos que seguir mellorando máis, aínda que son consciente de que é difícil, pero mellorar as pautas de manexo nas explotacións vai incidir na diminución do uso necesario de antibióticos”, asegura.

Só se vai autorizar o uso de quinolonas se hai un antibiograma que indique que non hai outros antibióticos axeitados para o tratamento desa infección

Prevese nos vindeiros anos unha regulación máis estrita do uso de determinados antibióticos nas granxas a nivel europeo. “As quinolonas son antibióticos que se van regular, de feito en moitos países xa está regulado o seu uso, de maneira que só se vai autorizar a súa utilización se hai un antibiograma que indique que non hai outros antibióticos axeitados para o tratamento desa infección”, explica.

O Ligal leva xa tres anos facendo control de quinolonas en todas as mostras que dan positivo en antibióticos e tamén controis aleatorios de quinolonas a un 10% das explotacións que dan negativo “porque o test lento detecta bastante mal as quinolonas e por iso facemos este outro control”, indica Maria Luisa.

“Hai que ter moito coidado cando se fan tests nas gandeirías”

kit test rapido detección antibioticos leitePara a detección da presenza de inhibidores no leite, nos laboratorios interprofesionais realízanse tests microbiolóxicos, os chamados tests lentos. No Ligal emprégase o Delvotest, mediante a incubación a 64ºC da bacteria Bacilus stearotermophilus nas placas onde se depositan as mostras de leite. A escolla foi realizada por parte da Xunta Directiva do laboratorio, na que as decisións se toman ao 50% entre os representantes da industria e os representantes dos gandeiros. Optouse por este test porque se considerou o máis axeitado para a detección dos antibióticos que esixe a lexislación.

Unha vez que é detectado un positivo nunha placa, no Ligal realizan despois a ese leite test rápidos (que funcionan por reacción mediante a unión do antibiótico a un receptor) para a detección de presenza de antibióticos betalactámicos, tetraciclinas e quinolonas. No Ligal optouse polo Rosa Charm como test rápido.

Os gandeiros traballan a tempo fixo, normalmente con 3 horas de incubación, pero iso non é fiable de todo e induce a enganos e sorpresas desagradables, porque a eles dalles negativo e logo sae positivo no Ligal

María Luisa alerta sobre o uso inaxeitado dos test por parte dos propios gandeiros. En caso de usar test lentos recomenda sempre traballar a tempo variable mediante a introdución nas placas de testigos positivos e negativos, que serían os que determinarían cando rematou o tempo de incubación. “Eu fago un chamamento aos gandeiros para que teñan coidado cando realizan estes test, porque ademais de controlar a temperatura é moi importante o tempo de incubación, e traballar a tempo fixo, na maioría dos casos a 3 horas, pode inducir a erros e a enganos porque o tempo varía en función do nivel de actividade das bacterias, que son seres vivos e non están sempre igual de activas, pásalles o mesmo que ás persoas, polo que estes tests feitos nas explotacións non son de todo fiables e logo hai sorpresas desagradables porque ao gandeiro deulle negativo e logo sae positivo no Ligal”, afirma.

En caso de dúbidas eu recomendaría aos gandeiros que manden a mostra a analizar ao Ligal porque os tests que poidan facer eles na casa non vai ter a mesma sensibilidade nin a mesma especificidade que o que facemos nós

Non recomenda tampouco facer esta proba en tanque porque “a presenza de antibiótico dilúese e a detección é moi diferente e poden levarse un despois unha sorpresa”, polo que considera que unicamente podería ser útil facer este tipo de analíticas a unha vaca concreta. No caso de empregar test rápidos nas explotacións di que “a lectura nunca debe ser visual, sempre con fotómetro, porque se é un positivo dubidoso a ollo non se vai ver”. Por iso, di, “en caso de dúbida eu recomendaría aos gandeiros que mandasen a mostra a analizar ao Ligal, xa que poden facelo, para estaren seguros, porque o test lento feito nas explotacións non ten a mesma fiabilidade que o noso e o test rápido sen fotómetro tampouco”, conclúe.

Mellora continua da calidade do leite nos últimos 20 anos

Presentación de PowerPointTrala entrada de España na CEE no ano 1986 a calidade do leite non queda fixada só polo contido en graxa e proteína, senón tamén pola calidade hixiénica do leite (reconto de microorganismos), para o cal se fomenta a creación de laboratorios interprofesionais (Real Decreto 1462/1987). O Ligal é o laboratorio de referencia para as mostras que se toman nas explotacións e das que depende despois o pago por calidade aos gandeiros.

O Ligal é unha asociación sen ánimo de lucro creada no ano 1989 e declarada de utilidade pública, na que están representados paritariamente as industrias lácteas, a través de la Asociación de Empresas Lácteas de Galicia (AELGA), e os productores a través das organizacións agrarias e das asociacións de cooperativas. O laboratorio comezou a funcionar no ano 1990 e desde o 2009 presta os seus servizos ao sector desde a súa ubicación no Edificio de Laboratorios Agrarios do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

O Ligal é unha asociación sen ánimo de lucro con representación paritaria das industrias e os produtores

A posta en marcha do Ligal permitiu ter ás explotacións e ás industrias unha información ata entón practicamente inexistente dos parámetros contemplados na actual lexislación sanitaria, como son a calidade bacteriolóxica, relacionada coa hixiene e limpeza nos procesos de muxido e conservación do leite, o reconto de células somáticas, relacionado coa situación sanitaria do gando e en particular coa presenza de mamite nas vacas, e sobre o control de residuos de produtos veterinarios no leite, consecuencia da  prevención e tratamento das enfermidades do gando.

A creación do Ligal supuxo unha adaptación progresiva das explotacións galegas a un novo xeito de traballar que pasou a ter en conta a bactereoloxía, algo até entón secundario

Desde entón, a mellora da calidade hixiénica e sanitaria do leite evolucionou en Galicia de forma rápida e continuada. A media do reconto celular en tanque pasou na nosa comunidade das 373.000 células/ml no ano 1995 ás 196.000 que deron como promedio do ano 2019 todas as analíticas efectuadas polo Ligal coas mostras recollidas nas gandarías. En canto á bacteroloxía, a media do ano pasado en Galicia foi de 19.000 unidades formadoras de colonias por ml, cando só 10 anos antes, no 2009, esa cifra situábase nas 42.000.

Ligal reconto bacteriano 2001-2018

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información