As excepcións aprobadas polas Comunidades Autónomas que permiten seguir esparexendo os xurros gandeiros mediante sistemas de prato, abano ou canón, teñen os días contados e previsiblemente a partir do 2021 -cando debería entrar en vigor a nova normativa sobre xurros na que traballa o Ministerio- será obrigatorio sen excepción enterralos no chan mediante sistemas de tubos colgantes. O obxectivo é reducir as emisións de amoníaco, un gas contaminante de efecto invernadoiro que se xera a partir do nitróxeno do xurro.
Así o confirmaron a Campo Galego desde o gabinete do Ministerio de Agricultura. De non facelo como establece a normativa, o gandeiro terá penalizacións nas axudas da PAC.
Precisamente, a decisión do Ministerio foi duramente criticada desde o sector de gandaría vacuna, o máis prexudicado por esta normativa -os gandeiros de vacún reciben axudas da PAC, mentres que os de porcino ou de avicultura non-, a pesar de ser o menos contaminante. De feito, un informe da Comisión Europea confirma que en España o gando de vacún de leite é responsable só do 4,4% das emisións de amoníaco de orixe agrícola. Pola contra, a gran maioría corresponden aos nitratos de síntese (19,7%) e ao porcino (17,5%).
Aclaramos a continuación as principais dúbidas sobre os cambios na normativa sobre o esparexido de xurros, segundo a información trasladada polo Ministerio de Agricultura:
¿Até cando as comunidades autónomas poderán establecer excepcións á normativa estatal que regula a aplicación de xurros e estercos gandeiros, e que penaliza o esparexemento por sistemas de prato, abano ou canón?
A posibilidade de establecer excepcións por parte das CCAA vén indicada no propio Real Decreto 1078/2014, de 19 de decembro, polo que se establecen as normas da condicionalidade que deben cumprir os beneficiarios que reciban pagos directos, determinadas primas anuais de desenvolvemento rural, ou pagos en virtude de determinados programas de apoio ao sector vitivinícola, nas súas modificacións de 2017 e 2018.
Durante a tramitación da norma insistiuse ás autoridades competentes -das Comunidades Autónomas- que a aplicación de excepcións non debería equivaler a un adiamento da prohibición. Por tanto, as excepcións existentes á prohibición da aplicación de xurros mediante sistemas de prato, abano ou canóns deberían basearse en causas de carácter estrutural, fundamentalmente relacionadas coa orografía do terreo.
Non obstante, a propia normativa establece a obriga de que as comunidades autónomas favorezan a aplicación das mellores técnicas dispoñibles nos casos en que haxa necesidade material de aplicar excepcións. Ditas técnicas conducirían a alcanzar os obxectivos perseguidos de redución de emisións, en suplencia dos efectos pretendidos pola aplicación da prohibición.
En todo caso, a entrada en vigor do Real Decreto sobre nutrición sustentable dos solos agrícolas que está en fase de elaboración, manterá dita prohibición, pondo fin ás excepcións.
¿Que se coñece do Real Decreto sobre xestión de xurros no que está a traballar o Ministerio?
Está a traballarse nun proxecto de real decreto sobre nutrición sustentable dos solos agrícolas que prevé establecer directrices, obrigacións e medidas voluntarias que favorezan a fertilización racional dos solos para conseguir minimizar os impactos ambientais á vez que manter ou mellorar a produtividade. Dentro deste proxecto, inclúese a aplicación de estercos (sólidos e líquidos) aos solos.
¿Está previsto que se manteñan nese futuro Real Decreto as penalizacións ao esparexido de xurros mediante sistemas de prato, canón ou abano?
Está previsto manter dita prohibición posto que a volatilización de amoníaco é máxima con esa técnica de aplicación, o que implica que ademais dun prexuízo ambiental, pérdese case a metade do nitróxeno que poderían aproveitar os cultivos.
¿As Comunidades Autónomas poderán seguir establecendo expeciones, como na actualidade?
Aínda non se circulou o borrador aos servizos técnicos das CCAA para elaborar unha proposta conxunta e haberá que estudar as xustificacións que presenten para determinados casos. A idea é permitir as menos excepcións posibles.
¿Ten previsto o Ministerio establecer axudas este ano para a adaptación dos equipos á normativa vixente?
Está prevista unha nova convocatoria do plan renove de maquinaria agrícola. Entre as máquinas subvencionables que presenta o Real Decreto de bases están as novas cisternas con dispositivos de aplicación localizada e os dispositivos independentes para adaptar cisternas existentes.
O montante previsto nos orzamentos xerais do estado prorrogados é de 5 Millóns de euros en réxime de concesión directa ás solicitudes que cumpran os requisitos da convocatoria mentres exista crédito.
¿A que sancións ou penalizacións enfróntanse os gandeiros e agricultores que incumpran a normativa estatal?
Ao derivar os posibles incumprimentos dunha norma de condicionalidade, as penalizacións están baseadas no regulamento 1306/2014, consistindo na redución ou exclusión sobre os importes dos pagos concedidos ou por conceder ao infractor, respecto das solicitudes de axuda que presentase no transcurso do ano natural en que se descubriu o incumprimento. Ditas axudas refírense aos pagos directos, algúns pagos de Desenvolvemento Rural e determinados programas de apoio ao sector vitivinícola.
Para o cálculo das devanditas reducións e exclusións teranse en conta a gravidade, o alcance, a persistencia e a reiteración dos incumprimentos observados en todo o ámbito da condicionalidade, é dicir, non só da prohibición que estamos a tratar aquí, senón de forma acumulativa, de todos os posibles incumprimentos doutros preceptos de condicionalidade, como benestar animal, identificación, etc.
A Xunta fai un chamamento á calma e asegura que “vaise poder seguir aplicando os xurros como até agora”
A resposta contundente do Ministerio de Agricultura contrasta coa información facilitada pola Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, que non prevé cambios no horizonte en canto ao esparexido de xurros.
“Neste asunto queremos facer, en primeiro lugar, un chamamento á calma. Os agricultores e gandeiros galegos van poder seguir aplicando xurros con sistema de prato ou abano como viñan facendo até o de agora”, aseguran desde o departamento que dirixe José González.
Neste sentido, defenden as excepcións á norma estatal que estableceu a Xunta en febreiro de 2018, xustificadas na orografía de Galicia, os tipos de solos, polo clima ou polo tamaño das explotacións e a súa dispersión.
En concreto:
-Orografía: unha porcentaxe importante do solo agrario útil de Galicia localízase en zonas de alta montaña ou con limitacións naturais. A pendente nalgunhas destas áreas faría imposible practicar o abonado tal e como establece a normativa estatal, implicando tamén un risco para as persoas durante a súa aplicación, polas altas posibilidades de que as máquinas escorreguen en chans húmidos
-Edafoloxía: boa parte da comunidade caracterízase por terreos de montaña pedregosos que impedirían a inxección do xurro.
-Climatoloxía: Galicia é un país con precipitacións elevadas durante períodos prolongados, que limita o tempo dispoñible para os labores agrícolas e que condiciona o acceso ás superficies e as prácticas de abonado, propiciando ademais desprazamentos e afundimentos do terreo, co consecuente risco de que a maquinaria envorque.
-Tamaño e dispersión das explotacións: en Galicia predomina o minifundismo en granxas pequenas e medianas, que constitúen o 80% do total, e o emprego de novos sistemas de aplicación de xurros require potencia e manobrabilidade, algo inviable en moitos casos.