Capsa medra por quinto ano consecutivo pechando 2019 cun beneficio de 23 millóns de euros

A cooperativa asturiana culmina o seu Plan Estratéxico 2015-2019 xerando máis de 160 millóns de euros que achegan estabilidade e sustentabilidade ás explotacións dos seus socios gandeiros

Larsa ha ampliado sus instalaciones en Outeiro de Rei y Vilagarcía

Capsa Food é propietaria de Larsa, con instalacións en Outeiro de Rei e Vilagarcía

A compañía asturiana Capsa pecha 2019 cun beneficio de 23 millóns de euros, que inclúen os beneficios empresariais, as primas no prezo de compra de leite abonadas aos socios gandeiros e o canon por cesión de uso da marca pagado a Central Lechera Asturiana SAT.

O Consello de Administración de Capsa Food (Corporación Alimentaria Peñasanta S.A.) reunido hoxe formulou as contas anuais e presentou os resultados correspondentes ao ano 2019, co que culmina o seu Plan Estratéxico 2015-2019 xerando neste período máis de 160 millóns de euros de beneficio.

A compañía láctea medra en resultados por quinto ano consecutivo, pechando 2019 cun beneficio histórico de 23,12 millóns de euros, un 1,3% por encima do ano anterior, grazas á evolución positiva das súas vendas nos diferentes mercados nos que operan as súas marcas. No mercado de leite a compañía incrementou un 8% as vendas con respecto a 2018, crecemento similar ao que presenta no mercado de manteigas. En natas a empresa asturiana crece un 7% e un 9% no mercado de queixos.

Corporación Alimentaria Peñasanta supera o 7% de crecemento nos mercados de leite, nata, manteiga e queixos

Esta evolución en vendas reflíctese nas cotas que a compañía alcanza no mercado español, afianzando o seu liderado nos mercados de leite, nata e manteiga. Concretamente, no mercado de leite Capsa pecha 2019 cun 17,9% de cota de mercado mentres que no de nata alcanza unha cota 19,8%. En manteiga consolida unha cota de mercado do 24,2%.

No que se refire ao mercado de hostalaría, que sufriu este ano un parón xeralizado como consecuencia da pandemia por coronavirus, a compañía aumentou o ano pasado as súas vendas un 7%, sendo ademais os produtos de Central Lechera Asturiana e Larsa cada vez máis visibles na canle Horeca cunha presenza que supera o 30% dos establecementos.

Desplome do prezo da graxa nos mercados internacionais

Con todo, en 2019 a compañía viu penalizado o seu importe neto da cifra de negocio (720,8 millóns de euros fronte aos 737,7 do ano 2018), derivado da baixada de facturación da súa división Innova Food Ingredients como consecuencia do desplome que sufriron os prezos da materia graxa nos mercados internacionais (o prezo medio ponderado en 2019 foi de 4,344 euros/ Kgr MG fronte a 5,538 euros/ Kgr MG en 2018). Pero este impacto negativo viuse compensado por melloras de eficiencia operativa, consolidando en conxunto en 2019 a empresa asturiana un beneficio por encima do ano anterior.

Capsa pecha 2019 cun 18% de cota de mercado en España e as súas exportacións de leite líquido a países fóra da Unión Europea representan xa o 37% do total español

No mercado internacional, o volume de venda da compañía medra preto dun 60% con respecto ao ano anterior. Capsa xa representa o 36,8% do leite líquido envasado que se exporta desde España a mercados fóra da UE, fronte ao 20,3% en 2018, e o 12,3% da nata líquida (fronte ao 9% en 2018).

Seis centros de produción con 1.300 traballadores e 928 millóns de litros de leite recollidos o ano pasado

Instalaciones centrales de Capsa en Asturias

Instalacións centrais de Capsa en Asturias

Capsa Food, que integra as marcas Central Lechera Asturiana, Larsa, ATO, 39ytu, Vega de Oro, Asana e Innova Food Ingredients, é a compañía líder do mercado lácteo español, conta con 6 centros de produción distribuídos por toda a xeografía española dando emprego directo a máis de 1.300 persoas e cunha presenza internacional en máis de 40 países.

A empresa recolleu e transformou o ano pasado preto de 928 millóns de litros de leite “de orixe 100% español”, destaca a compañía nunha nota de prensa. En Galicia, foi aumentando nos últimos anos o seu volume de recollida tralas ampliacións efectuadas nas plantas de produción de Outeiro de Rei e Vilagarcía, onde no últimos tres anos a compañía asturiana investiu 25 millóns de euros e dá emprego a 250 persoas.

A empresa recolleu e transformou en 2019 preto de 928 millóns de litros de leite de orixe 100% español, destaca

Na súa aposta pola sustentabilidade integral, a compañía asturiana mantén a súa orixe cooperativa e traballa co propósito de “apoiar ao sector primario e ao mundo rural e dar futuro ao socio gandeiro”, un obxectivo que se concreta con prezos en orixe que se sitúan en Asturias tres céntimos por enriba dos pagados en Galicia, segundo os datos do Fondo Español de Garantía Agraria (Fega).

Un dos 10 maiores operadores queixeiros de España

No último exercicio Capsa culminou o Plan Estratéxico 2015-2019, que permitiu á empresa continuar medrando a través dunha estratexia de diversificación e aumento de transformación no mercado do queixo, coa ampliación da capacidade produtiva en Galicia e tamén noutros puntos da xeografía española.

A aposta da compañía asturiana neste campo en 2019 foi clara e continuou en 2020. Corporación Alimentaria Peñasanta adquiriu o pasado mes de xaneiro o 50% da sociedade Lácteas Flor de Burgos co obxectivo de desenvolver un proxecto conxunto de marca sumando as sinerxias de ambas compañías para liderar o mercado de queixo fresco.

A estratexia de crecemento e diversificación de Capsa continuou en 2020 coa adquisición no mes de xaneiro do 50% da queixaría Flor de Burgos

O volume de venda conxunto resultante sumado de Capsa e Flor de Burgos no mercado de queixos vai superar os 95 millóns de euros, o que situará a esta unión de empresas como un dos 10 maiores operadores queixeiros de España.

O acordo, asinado o pasado 14 de xaneiro, supón a venda do 50% desta sociedade que ata entón pertencía na súa totalidade á familia Angulo, cuxa vinculación co mercado queixeiro vén desde 1915. En 2019, a compañía queixeira burgalesa facturou máis de 63 millóns de euros, o que supón un crecemento do 16,5% respecto a 2018 e do 175% nos últimos cinco anos.

Aposta polo ámbito da saúde e a nutrición

Nos últimos anos, Capsa innovou no mercado con novos formatos e novos produtos con beneficios funcionais, ofrecendo produtos naturais, máis saudables ou con melloras nutricionais. Neste sentido, a empresa renovou as certificacións IFS, BRC, FSS 22.000, Garantia Gandeira, sen E´s artificiais e Leite de Pastoreo, onde a compañía foi poineira en España.

En 2019, a empresa levou a cabo diversas accións no ámbito da alimentación e a saúde. Presentouse o Instituto Central Lechera Asturiana para a Nutrición Personalizada e o seu proxecto 39ytu. A compañía tamén entrou a formar parte de San Antonio Biotics, co obxectivo de proporcionar probióticos de ultima xeración ao Instituto. Ademais, e froito do acordo asinado con Cantabria Labs en 2018, lanzouse NMCLA Diabet, unha fórmula especialmente deseñada para persoa diabéticas na canle farmacia.

A empresa fixo a súa primeira incursión fóra do negocio lácteo

Neste mesmo exercicio, créase Capsa Vida (Vehículo de Investimento para o Desenvolvemento da Alimentación do futuro), fondo dotado con 5 millóns de euros para tomar participación en start ups con proxectos no ámbito da saúde, sustentabilidade e personalización. Unha das start up na que ampliou a súa participación en 2019 foi Raw Superdrink, trala primeira incursión da compañía fora do negocio lácteo.

Tamén dentro de Capsa Vida e na firme aposta da empresa pola sustentabilidade ambiental, a compañía entra a formar parte do accionariado de Entomo Agroindustrial como exemplo de proxecto de economía circular. Ademais, ASANA continuará actuando como marca transversal ecolóxica do grupo.

Por último, e dentro desta aposta pola diversificación, a finais de ano asinouse un acordo con IMOMA (Instituto de Medicina Oncolóxica e Molecular de Asturias), para levar a cabo proxectos conxuntos no campo da nutrición e a saúde, ademais de actividades relacionadas coa promoción social das investigacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información