Cambios que se prevén a partir do 2023 na normativa de aplicación de xurros en España

O vindeiro ano está previsto que o Ministerio de Agricultura aprobe definitivamente o “Real Decreto por el que se establecen normas para la nutrición sostenible en los suelos agrarios”. Os cambios que se prevén foron explicados esta maña nunha xornada técnica no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). Son estes...

Cambios que se prevén a partir do 2023  na normativa de aplicación de xurros en España

Despois de case tres anos de tramitación, en 2023 está previsto que se aprobe e entre en vigor o “Real Decreto por el que se establecen normas para la nutrición sostenible en los suelos agrarios”, unha normativa coa que o Ministerio de Agricultura regulará en toda España a aplicación de xurros e estercos de orixe gandeira co obxectivo de reducir as perdas de nitróxeno tanto ao aire como á auga, e os problemas de contaminación que isto supón.

Os cambios que implicará esta normativa para os gandeiros foron detallados esta mañá na xornada “Melloremos a sostibilidade das explotacións con boas prácticas na xestión do xurro”, organizada polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).

Precisamente, a investigadora do CIAM, Isabel García Pomar, foi a encargada de explicar as importantes modificacións que vai supor esta normativa, dado que o Ministerio de Agricultura declinou a invitación para participar na xornada.

Malia que o texto do Real Decreto non é aínda definitivo, os cambios que se prevén no mesmo serán menores. A grandes rasgos estas son as principais novidades:

-Será obrigatorio que todas as explotacións dispoñan dun plan de abonado, cun cálculo de nutrientes que é preciso empregar, tanto de orixe orgánica como mineral, en función de cada cultivo e das analíticas de solo. O cálculo das necesidades de nutrientes poderá realizare a través de ferramentas informáticas avaladas polos organismos competentes das Comunidades Autónomas, no caso de Galicia a ferramenta RAX.

O Ministerio de Agricultura ten previsto publicar unhas guías prácticas de fertilización de cultivo ou grupos de cultivos.

-Prohíbese aplicar xurro ou esterco en terreos xeados, con neve, encharcados, ou en períodos de precipitacións torrenciais.

-A maquinaria de aplicación debe estar calibrada e en bo estado.

-Prohíbese aplicar o xurro con prato, abano ou canón, agás nos terreos con pendentes superiores ao 10%, onde só se poderán aplicar xurros producidos na propia explotación. Nestes terreos tampouco se poderá aplicar xurro en situacións de elevadas temperaturas -para evitar a evaporación de nitróxeno á atmósfera-, períodos que deberán ser definidos polas CCAA.

-Tampouco haberá limitacións á aplicación do xurro con sistema de prato ou abano cando máis do 50% da superficie da explotación teña máis do 10% de pendente ou teña menos de 2 hectáreas de base territorial.

-O xurro ou esterco deberá ser enterrado en menos de 12 horas dende a súa aplicación, agás cando se realice sementeira directa, en agricultura de consevación ou cando se aplique en pastos.

-Poderase aplicar en terras sen cultivo, en pastos cun mínimo de 21 días antes do pastoreo ou sega. No resto de cultivos forraxeiros haberá que esperar dende que se aplica un mínimo de 2 meses antes da colleita ou 21 dias se non hai contacto coas partes comestibles do cultivo.

-Non se poderá aplicar xurro ou esterco a menos de 5 metros de ríos, regatos, lagos, costa mariña, praias, captación de auga para consumo humano, pozos e fontes. As CCAA poden establecer distancias superiores.

-Deberase empregar como mínimo unha das seguintes medidas de mitigación de emisións:

. Sistema de bandas con mangueiras ou tubos rixidos
. Sistemas de bandas con discos ou rexas
. Inxección
. Esterco sólido enterrado en menos de 4 horas desde a súa aplicación
. Aplicar produtos que inhiban a nitrificacion
. Calquera medida avalada técnicamente e recoñecida polas CCAA

O plan de abonado:

-Debe realizarse a partir do 1 de setembro do 2024.

-Estarán exceptuadas do plan de abonado as explotacións de menos de 10 hectáreas de superficie de secaño ou con pastos e cultivos forraxeiros para autoconsumo.

-Deberá anexarse ao caderno de explotación

-Será obrigatorio realizar unha analítica de solo, como mínimo, cada dez anos en secaño e cada 5 anos en fincas en regadío.

-Obrigarase a ter análises da composición do xurro ou esterco para determinar o seu valor fertilizante. En explotacións que xeren menos de 10.000 metros cúbicos de xurro ao ano deberán ter unha analítica anual, e as que superen este limiar deberán realizar 2 análises anuais, determinando, cando menos os valores de nitróxeno, fósforo e potasio, así como a porcentaxe de materia orgánica do xurro ou esterco.

A analítica deberá ser de laboratorio, ou de programas de cálculo recoñecidos oficialmente polas autoridades das CCAA. Tamén hai posibilidade de cumprir esta medida mediante conductímetros instalados na cuba de xurro ou na propia fosa.

-No plan de abonado deben determinarse os momentos e as cantidades de aplicación de nutrientes.

-As necesidades de abonado virán determinadas por follas de cultivo (recinto ou conxunto de recintos cun cultivo ou cunha rotación de cultivos), que no caso do vacún de leite de Galicia e da Cornixa Cantábrica son:

.Pastos: Cálculos por 1 ano
.Monocultivo de millo
.Pradeira de 2 a 4 anos
.Cultivo de inverno rotando con millo
.Pradeira durante 3 ou 4 anos e logo cultivo de millo
-Cultivo de inverno rotando con millo, e posteriormente sen rotación até a nova sementeira de millo.

-Determinarase no plan de abonado as necesidades de nutrientes en función do cultivo e do rendemento medio da zona.

-En 5 anos consecutivos non se poderá sobrepasar os aportes efectivos calculados nun 10% no caso do nitróxeno e nun 20% como máximo no caso do fósforo e do potasio.

“Con 2,5 UGM de vacún por hectárea non precisaríamos comprar abonos de fósforo e potasio”

Isabel García Pomar lembrou que o principal problema en Galicia “é que as fosas non están dimensionadas e cubertas para almacenar ben o xurro para aplicalo cando os cultivos o precisan”. Neste momento, as explotacións que precisan de autorización ambiental integrada para construír un establo ou realizar unha ampliación deben ter capacidade de almacenamento do xurro para un período mínimo de 6 meses.

Neste sentido, a investigadora do CIAM estimou que “con 2,5 UGM por hectárea unha gandería de vacún de leite tería cuberta as necesidades de fósforo e potasio para fertilizar a súa terra, tendo que mercar só Nitróxeno para complementar o xurro, unha necesidade de abono químico que sería aínda menor se se aplicara o xurro en condicións óptimas”.

Pola súa parte, Juan Castro Insua, tamén investigador do CIAM, foi más alá e calculou que “os agricultores e gandeiros de Galicia poderían aforrar anualmente 100 millons de euros en compra de fertilizantes químicos cunha boa xestión dos xurros gandeiros, aproveitando ben os recursos da explotación”.

Ademáis, o investigador aproveitou para criticar o “castigo” que se impón dende o Goberno Central ao sector de vacún de leite con esta e outras normativas. “O sector gandeiro máis afectado en España polas reduccións de amoniaco de aquí ao 2030, tendo que baixalas nun 45%, é o vacún de leite, que sen embargo representa só o 8% das emisiones, mentres que o porcino que representa un 25% das emisións de amoníaco só o terá que facer nun 8%”, advertiu.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información