O agro español marcha polo bo camiño no cumprimento dos compromisos comunitarios de emisións agrarias. O Ministerio de Agricultura calcula que España reduciu un 10,6% as súas emisións de amoniaco con respecto ó ano 2005, segundo os datos que se deducen do sistema informático Ecogan, dirixido principalmente a medir as emisións das ganderías intensivas.
Agricultura destaca o esforzo do agro na mellora de prácticas en materias como fertilización ou alimentación animal, o que sinala que permitiu reducir as emisións. “España non só cumpre por segundo ano consecutivo co compromiso de reducións fixado na ‘directiva de teitos’, senón que triplica os compromisos de diminución de emisións que tiña para todo o periodo 2020 – 2030, que se situaban no 3%”.
De cara ó futuro, o Ministerio subliña a importancia de continuar desenvolvendo a ferramenta Ecogan, un sistema informatizado que permite estimar as emisións contaminantes e de gases de efecto invernadoiro dunha granxa ao longo do seu proceso produtivo. A plataforma do sistema Ecogan compila ademais as mellores tecnoloxías dispoñibles (MTD) para contribuír á redución de emisións das granxas.
A información recollida polo sistema contribúe a facer os cálculos de emisións agrarias en España en amoniaco, óxido nitroso e outros gases nitroxenados.
Flexibilidade para as aplicacións de xurro na Cornisa Cantábrica
Os cálculos que apuntan a un descenso das emisións de amoniaco en España danlle máis aire á Cornisa Cantábrica en materia de aplicación de xurros, xa que España ten certa marxe no cumprimento das esixencias comunitarias. Tal e como avanzou o Ministerio recentemente, as granxas poderán seguir aplicando o xurro con sistemas como o prato invertido, sen necesidade de empregar inxectores ou tubos colgantes, como se lexislara nun principio.
A Xunta autorizará o uso do prato invertido como sistema de aplicación de xurros en Galicia