“En Galicia podemos producir o litro de leite cunha pegada de carbono inferior a 1 quilo equivalente de CO2”

A gandería ecolóxica síntese agraviada e pide que ademais da emisión de gases de efecto invernadoiro, se teña en conta a pegada hídrica e a biodiversidade para facer o cálculo do seu impacto sobre o medio ambiente. Coñecemos da man de Luis Cortiñas González como calcular as emisións de CO2 dunha granxa e como reducilas

Asistentes ás xornadas sobre a pegada de carbono das explotacións en ecolóxico durante a visita á Cooperativa Burgo do Negral de Friol

Asistentes ás xornadas sobre a pegada de carbono durante a visita á Cooperativa Burgo do Negral de Friol

Nos vindeiros anos os gandeiros galegos, igual que todos os da Unión Europea, non só deberán medir os litros de leite que producen as súas vacas ou os quilos de penso que lles dan, senón que terán que cuantificar tamén outros parámetros moito máis etéreos, como é a pegada de carbono das súas explotacións. 

Do seu nivel de emisións dependerá en boa medida o resultado económico de moitas granxas e a súa viabilidade, e tamén a cuantificación das futuras axudas da PAC, polo que conceptos como emisión e secuestro de CO2, pegada hídrica ou biodiversidade pasarán a ser habituais na linguaxe agrogandeira tanto en produción ecolóxica como en convencional.

Á pegada de carbono non lle hai que ter medo en Galicia porque estamos ben ubicados. Para nós non é unha ameaza, é unha oportunidade

A simple vista podería parecer que as explotacións ecolóxicas están mellor posicionadas neste novo camiño medioambiental que se abre, mais a metodoloxía escollida polas autoridades para o cómputo do efecto que a actividade gandeira ten sobre o medio ambiente prexudica ás ganderías ecolóxicas respecto das explotacións intensivas.

Foi unha das conclusións expostas no curso A pegada de carbono na gandería ecolóxica organizado polo Craega, que se celebrou a semana pasada no concello lugués de Friol e que se repetirá esta semana, os días 16 e 17, no coruñés de Curtis e cuxo prazo de inscrición para participar permanece aberto até este luns día 14. 

Non é algo que nós pidamos, impóñennolo, que só se mida o CO2 interesa ao modelo intensivo, pero non ao ecolóxico

“As ganderías ecolóxicas saen mal paradas porque se optou por calcular unicamente a contaminación atmosférica, que é un sistema que interesa á produción intensiva e á industria. Que se empece pola pegada de carbono, é dicir, a contaminación ao vento, é unha xogada para nós, porque é un campo no que queda moito por facer, e, pola contra, non se ten en conta a pegada hídrica e a biodiversidade, onde estamos ben”, recoñece Luis Cortiñas González, xestor medioambiental e un dos ponentes deste curso, que busca familiarizar aos gandeiros cos novos conceptos, relativos aos gases de efecto invernadoiro emitidos polas súas granxas, explicarlles como se calculan as emisións de CO2 e axudarlles a reducilas con consellos e melloras no manexo diario dos animais ou os residuos que estes xeran. 

A pegada hídrica e a biodiversidade quedan fóra

A pegada de carbono é a expresión, en CO2, dos gases de efecto invernadoiro dun proxecto ou servizo e, trasladado á gandería, mide o impacto ao aire desta actividade, polo que sería un dos sinais medioambientais da produción. Pero non o único. O consumo de auga ou a preservación da paisaxe e as especies de flora e fauna que conviven coas vacas na superficie agraria da explotación son parámetros fundamentais que tamén inflúen, e que sen embargo non se teñen en conta, á hora de determinar o efecto da producción sobre o medio ambiente. 

Tamén é cuestionable, opina Luis, a asignación de emisións que se fai ao gando, xa que, explica, “a metade das emisións dunha vaca están ligadas ás emisións entéricas, que non se deberían imputar, porque se as vacas non comesen a herba tamén se producirían emisións, posto que a descomposición da celulosa na natureza tamén contamina e, se esta se medise, aplicando o mesmo criterio que se aplica ás vacas, Os Ancares serían os maiores emisores de metano en xaneiro e febreiro cando se descompón a folla. Se lle sacamos ese metano entérico á produción de leite, en Galicia non sería emisora de CO2 senón mesmo capturadora neta”, argumenta. 

Parece un sensentido pero é así: a gandería ecolóxica sae mal parada no cálculo do seu efecto sobre o medio ambiente polo método escollido para determinalo 

Este método de cálculo “non é algo que nós pidamos, impóñennolo”, denuncia Luis, que sen embargo considera que a medición da pegada de carbono “non é unha ameaza para as ganderías ecolóxicas, senón unha oportunidade, porque todo o que sexa poñer en valor a cuestión do territorio é beneficioso, aínda sendo cautelosos polo modelo que se escolle para o cálculo”, di. 

Contrarrestar bulos

Cada ano aumentan os requisitos medioambientais por parte dos acordos internacionais, da administración e, sobre todo, do consumidor. Calcular e coñecer a pegada de carbono na produción gandeira resulta fundamental para acabar coa idea tan negativa para o sector que se está a trasladar desde distintos ámbitos, culpando ao sector primario dunha parte importante do problema das emisións de CO2.

Todo o leite consumido por unha persoa nun ano xera unha pegada de carbono inferior a unha viaxe en coche entre Vigo e Salamanca

Sen embargo, os datos oficiais desminten esta corrente de opinión. No Avance de Emisións de Gases de Efecto Invernadoiro do Ministerio para a Transición Ecolóxica (MITECO) indícase que as emisións procedentes do sector agroalimentario supoñen o 12% das emisións nacionais, unha porcentaxe que está moi por detrás doutros sectores.

Un exemplo: O consumo medio de leite líquida a nivel español é de 69,83 litros por persoa e ano, o que supón unha pegada de carbono menor que a xerada nunha viaxe en coche entre Vigo e Salamanca.

Emisión de gases de efecto invernadoiro por sectores. (Fonte: Ministerio para a Transición Ecolóxica)

Emisión de gases de efecto invernadoiro por sectores. (Fonte: Ministerio para a Transición Ecolóxica)

O cálculo da pegada de carbono

Para calcular a pegada de carbono dunha granxa existen diferentes ferramentas dispoñibles, como a calculadora que ten o Ministerio de Agricultura na súa páxina web, que inclúe as emisións derivadas do uso de fertilizantes, sintéticos ou orgánicos, da utilización de emendas calizas e da xestión dos residuos da explotación (dos cultivos e do gando). Ademais, calcula de maneira diferenciada as emisións da maquinaria utilizada para realizar os labores agrícolas e incorpora un apartado no que se pode coñecer de maneira aproximada o impacto das distintas prácticas de xestión do solo sobre o carbono almacenado nel. O uso desta calculadora é voluntario, pero ao inscribirse o gandeiro asina un compromiso de redución de emisións na súa explotación. 

Na páxina do Ministerio de Agricultura hai unha calculadora de CO2 para testar a pegada de carbono de cada explotación, pero o gandeiro non vai vivir de facer cálculos, iso non lle vai resolver o problema

“O gandeiro non vai vivir de facer cálculos, para iso hai xa moitas aplicacións, pero iso non lle vai resolver o problema nin mellorar nada. Só serve para ser conscientes do nivel no que se atopa a nosa granxa coas prácticas que levamos a cabo neste momento”, evidencia Luis.

Para o cómputo do CO2 tense en conta a suma dos tres principais gases contaminantes de efecto invernadoiro que se emiten nunha granxa (dióxido de carbono, metano e óxido nitroso), aínda que “inflúen outros dous que tamén son contaminantes do aire, o amoníaco e o dióxido de nitróxeno, que non provocan efecto estufa”, conta. Por iso, di, “dentro da emisión global de gases dunha explotación hai que ser armonioso para non baixar un e subir os outros”. 

Como calculamos a biodiversidade?

Aínda que non se ten en conta para o cálculo da pegada de carbono, outro dos aspectos que no futuro próximo se van valorar nas axudas da PAC será a contribución que as explotacións fagan ao mantemento e conservación da biodiversidade. Pero, como a calculamos?

Luis Cortiñas resúmeo cunha regla doada: “5 ou 6 metros de sebe por vaca”. Pero advirte: “iso non se xera dun día para outro”, e dá un consello: “se falan de que estas cousas van vir na PAC a partir de 2025 temos que ir empezando a facelas, porque se comezamos en 2023 igual non damos feito, porque hai só unha primavera ao ano e estas cousas levan tempo, polo que deberiamos ir xa coidando un pouco este tipo de aspectos se queremos ter unha boa PAC no futuro se de verdade iso se empeza a valorar”, di. 

As árbores contan todas, pero non se ten en conta a especie, só o diámetro do tronco

Partidario e defensor dos peches vexetais (“se grazas á tecnoloxía 5G iso nos permite eliminar os aramios, iso representaría un paso evolutivo moi serio”, di), Luis considera que as sebes perimetrais se deben facer con especies autóctonas propias de Galicia. “Debemos gañar biodiversidade pero da nosa, sen traer da de fóra, temos dabondas especies propias, como salgueiros, ameneiros ou bimbios para xerar sebes de peche”, asegura. 

Pero independentemente da PAC, destaca os beneficios que as sebes producen nas explotacións: “serven de cortaventos e mesmo modifican as condicións do terreo ao seu carón e está claro que canta máis biodiversidade teñamos mellor, porque a máis paxaros menos insectos”, evidencia. 

Ademais das sebes, as árbores contan todas para o cómputo da biodiversidade dunha explotación, aínda que non se ten en conta a especie, tan só o volume do tronco. Novamente un criterio das autoridades discutible. “Tería que haber árbores que deberían pesar máis ca outras pero non é así”, opina Luis. 

Posibilidades de mellora en explotacións en ecolóxico

Programa Friol - Curso Pegada de carbono na gandería ecolóxicaO grupo intergubernamental de expertos de Nacións Unidas sobre Cambio Climático establece uns niveis recomendables de contaminación para a gandería que Luis Cortiñas considera que se poden mesmo mellorar no caso galego. “O Panel da ONU fixa 1 quilo equivalente de CO2 por litro de leite e Galicia ten as condicións para moverse por baixo diso porque temos terra fértil e catro estacións”, destaca.

Recoñece, sen embargo, que nas explotacións galegas hai aspectos nos que existe posibilidade de mellora, como poderían ser o incremento da produtividade por vaca, o manexo do purín e o esterco, o aumento da autosuficiencia alimentaria, gañando superficie agraria e mellorando a xestión dos cultivos, e a escolla de variedades fixadoras de nitróxeno para sementar nas pradeiras. 

A pegada dunha explotación hai que collela no global, non tratar de mellorar a pegada de carbono destrozando as outras

E advirte: “ao tema da pegada de carbono non lle hai que ter medo aquí en Galicia porque estamos ben ubicados, pero hai que collela no global, non tratar de mellorar na pegada de carbono destrozando as outras, porque de inicio só se nos vai valorar polo CO2, pero tras diso vai vir a pegada hídrica e a biodiversidade”, prognostica. “Témolo case todo para facelo ben, outra cousa é que queiramos. Galicia é un paraíso para poder aplicar este tipo de prácticas”, di. 

1. Aumentar a produción por vaca

O primeiro dos factores que determina a pegada de carbono dunha explotación é sen dúbida o nivel de produción por vaca. “É moi difícil con menos de 5.500 litros por vaca ter unha boa pegada de carbono”, asegura. De feito, o da menor produción por cabeza é o hándicap que máis penaliza ás explotacións ecolóxicas fronte ás convencionais no cálculo das emisións de CO2. 

É moi difícil ter unha boa pegada de carbono con menos de 5.500 litros de produción por vaca

Por iso, a primeira recomendación de Luis é incrementar no posible a produción dos nosos animais a través da mellora do seu manexo. “Interésame ter un rabaño san e o máis produtivo posible”, afirma. Para iso recomenda potenciar as producións vitalicias, adiantando o primeiro parto na recría e reducindo os días pechos, é dicir, os periodos nos que as vacas se atopan secas entre lactación e lactación. 

Interesa potenciar as producións vitalicias adiantando o primeiro parto da recría e reducindo os periodos secos

Do mesmo xeito, di, á hora de recriar é posible seleccionar en base ao mellor índice de conversión duns animais fronte a outros, mais isto debe facerse en base á experiencia e o criterio do propio gandeiro, xa que non todas as vacas dan o mesmo leite comendo a mesma cantidade de materia seca, pero “a ciencia aínda non identificou os marcadores xenéticos para poder seleccionar vacas que comendo o mesmo producen máis”, di. 

2. Mellorar o manexo do purín e o esterco

Aparte da fermentación entérica (o metano que xeran os rumiantes durante a dixestión), o xurro e o esterco son as grandes fontes de emisións de gases de efecto invernadoiro nas ganderías de vacún de leite e de carne. Por iso, o manexo destes residuos constitúe outro dos factores clave para a redución da pegada de carbono das explotacións.

Hai que procurar que non cree costra o purín no pozo porque esa costra fai un efecto anaeróbico debaixo que vai axudar á formación de metano

“Hai que procurar que non cree costra o purín no pozo porque esa costra fai un efecto anaeróbico debaixo que vai axudar á formación de metano, que é un gas que se crea cando non hai osíxeno, polo que o xurro hai que deixalo osixenar engadindo unha aireación no almacenamento para que non sexa tan nocivo. Ao revolver o purín é certo que o nitroso pode pasar a nítrico e podemos perder algo por evaporación, pero esa perda é ridícula comparada co efecto que ten o metano”, explica Luis. 

Amorear o esterco é bo para o esterco pero é malo para as emisións, eu son partidario de enterralo canto antes

En canto ao esterco, di, “eu son partidario de xerar o máis posible e de enterralo o antes posible, porque o esterco enriba da terra xera metano, pero debaixo alimenta a un montón de microorganismos. Amorear o esterco é bo para o esterco pero é malo para as emisións”, asegura.

3. Abonar para producir forraxe

Unha hectárea de pradeira secuestra oficialmente 640 quilos de CO2 ao ano, unha cantidade que Luis asegura que “aquí en Galicia é maior”. Pero, di, “para iso hai que abonar para que haxa crecemento de biomasa, cun mínimo de 200 unidades de nitróxeno ao ano. Pero iso non quere dicir que haxa que botar abonos de síntese química, senón que o óptimo é valorizar o xurro e o esterco e ter leguminosas no prado”, engade.   

“As ganderías ecolóxicas saen mal paradas en moitos casos no cálculo da pegada de carbono polas baixas producións e o mal manexo da pradeira que se fixo en moitos casos, porque se a terra non se abona empobrécese e non serve o hippismo de recoller só o que dá a terra”, afirma. 

Hai que roturar o menos posible, porque unha hectárea de pradeira secuestra oficialmente 640 quilos de CO2 pero non computa se ten menos de sete anos

Tamén recomenda “non roturar baixo ningún concepto ou, cando menos, o menos posible, porque unha pradeira de menos de sete anos non computa para o secuestro de carbono”, advirte. Por iso, desaconsella a renovación das pradeiras como método para o control das malas herbas, cuxa proliferación é moitas veces un dos problemas da produción en ecolóxico ao non poder empregarse herbicidas. 

“As malas herbas indican un mal manexo que se fai do prado pero é basicamente un concepto das casas de sementes que non debe ter o gandeiro”, afirma Luis, que considera que “unha explotación en pastoreo debería moverse nun total de 30 herbas, contando as distintas especies e variedades que saen no conxunto do ano”. 

As malas herbas indican un mal manexo que se fai do prado pero é basicamente un concepto das casas de sementes que non debe ter o gandeiro

Asegura que algunhas das que habitualmente se consideran malas herbas, como a labaza, cumpren unha función beneficiosa para o gando. “A labaza fai a función do bicarbonato e prevén de problemas de timpanismo. En marzo a vaca cómea polos taninos que ten e úsaa para tamponizar e non inchar. Ademais, a labaza non é ningún problema porque leva mal a competencia con outras herbas. A labaza non se impón e se ten competencia ao redor afoga e desaparece. Por iso remover a terra é contraproducente, porque dese xeito elimínaselle a competencia, e por iso sae tamén en zonas moi pisadas. Se nun prado se ve labaza é que hai pouca densidade de prado ou é un prado novo, en prados de máis de 7 anos é raro que haxa problemas de labaza”, di.  

Para ter os prados mestos e cubertos podemos sementar as calvas no verán con plantas que van desaparecendo como o trevo

En vez de roturar e renovar, Luis recomenda resementar as calvas ao final do verán para lograr pradeiras máis mestas aproveitando ao mesmo tempo para reintroducir aquelas herbas que queiramos ou que teñan desaparecido, como é o caso do trevo, así como apostar polo control mecánico selectivo. “O cardo é algo que non é noso, veu coa palla, pero é doado que desapareza segándoo con frecuencia”, asegura. 

Hai outras malas herbas, sen embargo, que supoñen un problema maior. “A ortiga é máis complicado porque non entra na dieta da vaca, como a labaza, nin é doado que desapareza. Dase en chans deteriorados e consome moito nitróxeno”, afirma. 

4. Maior autosuficiencia das granxas

A necesidade de mercar unha parte importante dos aportes para a alimentación do gando é unha das eivas que teñen moitas explotacións galegas, aínda que este é un mal que afecta en maior medida ás ganderías intensivas convencionais. 

Aínda así, a mellora na autosuficiencia alimentaria das granxas, reducindo os imputs é outro dos campos de mellora para as explotacións en ecolóxico. “O aumento da superficie forraxeira, o manexo do prado e da vaca nel, buscando a maior dixestibilidade posible, lévate a menos emisións”, afirma Luis, que considera convinte que as ganderías ecolóxicas galegas sexan capaces de autoabastecerse co 100% das súas necesidades de forraxe, máis do 90% da enerxía e máis do 80% da proteína que consomen. “As ganderías ecolóxicas son moi sensibles á seca e aos cambios na climatoloxía anual, polo que hai que xogar con certa abundancia e excedentes”, razoa. 

Hai que procurar cubrir o 100% das necesidades de forraxe, máis do 90% da enerxía e máis do 85% da proteína co que hai na casa

En caso de ter que mercar certos insumos, hai que procurar que sexan, di Luis, “o menos viaxeiros posible e cultivados respectando parámetros de cultivo equiparables aos empregados aquí na agricultura ecolóxica”. 

Son cada vez máis as voces que cuestionan a ecoloxía en produtos que sendo ecolóxicos, ou mesmo de km0 e similares, teñan en algunhas das súas fases (produción, transformación ou distribución) grandes consumos de recursos enerxéticos.

A proteína das racións baixou do 18% ao 16% pero iso trasládase tamén ao purín, polo que imos abonar con xurros con menos nitróxeno pero tamén con menor capacidade de fertilización

Pero Luis matiza e contextualiza esta cuestión: “levar un litro de leite a 20 quilómetros de distancia, aínda que sexa considerado Km0, é máis contaminante porcentualmente para o planeta que traer unha tonelada de soia de Brasil. Os volumes son importantes nisto, tanto na produción da vaca como nas adquisicións de forraxe”, razoa. 

Tamén recomenda axustar a proteína das racións, en liña co establecido pola Unión Europea na estratexia Da granxa ao garfo. “No último ano, desde que se comezou a falar disto, a proteína das racións baixou do 18% ao 16%. Pero claro, iso trasládase tamén ao purín e imos abonar con puríns con menos nitróxeno e menos capacidade de fertilización”, explica. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información