O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Lei de Iniciativas Empresariais, coa que a Xunta pretende fomentar e axilizar a actividade empresarial na comunidade. Desde o sector agrario, analízase a normativa dun xeito crítico, pois enténdese que reduce os dereitos dos propietarios ante grandes proxectos eólicos, industriais ou mineiros.
Repasamos a continuación algún dos cambios que introduce a Lei e as críticas que se lle fan, ata o punto de que a nova norma foi calificada pola oposición e por organizacións como o Sindicato Labrego como Lei de Depredación de Galicia.
Simplificación das autorizacións para aproveitamentos forestais
A simplificación do proceso de autorización das cortas no monte é un dos puntos considerados máis positivos polo sector agrario e forestal, que viña reclamando desde hai tempo a redución da burocracia. Distinta é a valoración das organizacións ecoloxistas e do Sindicato Labrego, que consideran preciso un maior control das cortas por Medio Ambiente en espazos protexidos, así como das cortas de frondosas caducifolias en masas mixtas.
A nova Lei entra en vigor desde mañá xoves, pero no referente ós aproveitamentos madeireiros, a entrada en vigor retrásase ó 26 de abril. Os principais cambios son os seguintes:
Montes ordenados
– En montes con instrumento de ordenación, non será precisa a solicitude de autorización para a realización de aproveitamentos, sempre e cando as cortas se fagan de acordo co sinalado no instrumento de ordenación. Chegará con que haxa unha declaración responsable ante a Administración, previa á execución dos aproveitamentos.
– Cando os aproveitamentos en montes ordenados non figuren no correspondente instrumento de xestión, será suficiente con facer unha declaración responsable dos mesmos, sempre que eses aproveitamentos non afecten a masas puras de frondosas caducifolias ou piñeiros silvestres. En determinadas masas mixtas de frondosas caducifolias e outras especies (coníferas, eucaliptos), podería ser suficiente cunha declaración responsable, de acordo co que estipule unha futura orde da Consellería do Medio Rural.
Montes sen ordenar
– En montes sen instrumento de ordenación, o propietario deberá presentar unha declaración responsable dos aproveitamentos previstos ante a Administración, salvo nos seguintes casos, que precisarán dunha autorización: se o monte está afectado pola lexislación de dominio público, se ten especies frondosas caducifolias ou piñeiro silvestre, se está nunha superficie afectada por algún réxime de protección ou se se vai cortar madeira queimada.
En canto ás zonas de dominio público, a Lei estipula explicitamente que as cortas en zonas de servidume do dominio público hidráulico non precisarán de autorización.
Autorizacións
– Para os casos que precisen dunha autorización, será necesaria só unha solicitude única ante a Consellería do Medio Rural, que lle pedirá ós correspondentes informes ás administracións implicadas. A resolución da autorización farase no prazo máximo de 2 meses. Transcorrido ese prazo sen resposta, entenderase como concedida por silencio administrativo.
En calquera caso, se no proceso de autorización algún organismo emitira un informe, ese informe quedará ligado á aprobación por silencio administrativo, de xeito que o titular do aproveitamento deberá telo en conta desde que sexa coñecedor del.
– Non precisarán de declaración responsable (nin de autorización) os aproveitamentos domésticos, as cortas que se fagan no marco da Lei de Prevención de Incendios, para manter as distancias entre arborado e núcleos de poboación, nin as cortas de policía ou motivadas por rareos e tratamentos silvícolas.
– As declaracións responsables poderaas trasladar o propietario ou calquera outra persoa autorizada. Poderanse presentar declaracións responsables compartidas dun conxunto de propietarios, a fin de axilizar os trámites. A presentación das declaracións responsables regularase por orde da Consellería do Medio Rural.
– No portal web adicado á xestión das autorizacións de corta e das declaracións responsables, a Administración publicará un mapa con información xeolocalizada dos montes afectados por normativas de protección ou de dominio público. Tamén se xeolocalizarán, no prazo máximo dun ano, tódolos xacementos arqueolóxicos catalogados.
Axilización dos proxectos de enerxías renovables
Galicia acumula oito anos de parón na creación de parques eólicos. A adxudicación de potencia renovable a empresas da comunidade no marco das subastas enerxéticas do Goberno abre as portas a que se creen novos parques eólicos, así como outras instalacións, como a planta de biomasa proxectada por García Forestal en Curtis. Eses proxectos teñen que estar en marcha antes do 1 de xaneiro do 2020, pois de non ser así, perderán a adxudicación de megawatios.
“Está ben que se desbloqueen proxectos industriais, pero non a costa de pasar por riba dos dereitos dos propietarios” (José Antonio Diéguez, Ventonoso)
Co obxectivo de tratar de axilizar eses proxectos, a Lei de Iniciativas Empresariais prevé a posibilidade de declaralos de interese especial. Con esa declaración, reduciríanse á metade todos os pasos ligados ó proceso de autorización administrativa e avaliación ambiental, incluíndo o prazo de alegacións para afectados. “Está ben que se desbloqueen os proxectos, pero non a costa de pasar por riba dos dereitos das persoas propietarias”, critica José Antonio Diéguez de Ventonoso, unha organización ligada a Unións Agrarias que defende a propietarios afectados por parques eólicos.
Expropiacións
Outro dos cambios que introduce a Lei permite axilizar as expropiacións para parques eólicos: “En montes veciñais, antes o promotor do parque tiña que solicitar a declaración de prevalencia da utilidade pública do parque eólico sobre a do monte veciñal. A partir de agora, considérase de oficio que o parque éolico é prevalente sobre o monte veciñal, o que supón pisotear os dereitos das comunidades de montes”, valora José Antonio Diéguez.
“Elimínanse ferramentas legais para que a cidadanía se defenda de proxectos nocivos, como a minería, que se expanden a costa das granxas” (Sindicato Labrego)
Desde o Sindicato Labrego, consideran tamén que a nova Lei “elimina gran cantidade de ferramentas legais que tiña a cidadanía para defenderse do impacto negativo de actividades empresariais nocivas, como é o caso de proxectos mineiros e parques eólicos que se están a expandir de xeito indiscriminado, en detrimento da base territorial das nosas granxas”.
Por parte da organización ecoloxista Adega critican tamén a simplificación da burocracia para grandes proxectos industriais, en tanto as pequenas empresas agrarias e cooperativas continúan a verse sometidas a unha “burocracia exasperante”.
Se queren inversíon no rural, que empecen por “axilizar”as trabas as licencias para os plans de mellora. Que tamén axilicen as trabas que impiden producir enerxía solar e vender a rede os excedentes. Que non intenten cobrar ás comunidades veciñais unha débedas que proveñen do Franquismo, que foron perdoadas nas demais CCAA, ou ¿ e que queren poñer en mans de ENCE os montes veciñais que non podan pagar as inxustas e artificiais débedas? Onde está o vento?, canto vale, onde está a auga? esa que depredan os eucaliptos secando pozos e traidas veciñais, canto vale esa auga cando estamos a quedarnos sen abastecemento no rural? canto vale o solo, ese que se queima e se erosiona ano tras ano?, parece que o goberno segue sen importarlle o cambio climático e segue apostando por poñer especies de crecemento rápido ata deixar desaparecer do rural a pouca xente que queda, iso sí, ruralízate, coño!!