Calvo, Nueva Pescanova, Asoporcel e Gadis, premios Galicia Alimentación 2021

Os premios entregáronse este mércores na Cidade da Cultura nun acto no que tamén houbo dúas mencións especiais para Lence - Grupo Leite Río e 3D Essence Food. Na xornada clausurouse o VI Foro Galicia Alimentación no que se abordou a sostibilidade na cadea de valor

Calvo, Nueva Pescanova, Asoporcel e Gadis, premios Galicia Alimentación 2021

Premiados durante o acto de entrega celebrado esta mañá na Cidade da Cultura, en Santiago.

O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) distinguiu na sétima edición dos Premios Galicia Alimentación seis proxectos destacados pola súa innovación e compromiso co sector. O acto de entrega dos galardóns tivo lugar esta mañá na Cidade da Cultura e supuxo ademais clausúraa do VI Foro Galicia Alimentación.

Nesta ocasión, o evento realizouse de forma presencial e retransmitiuse en directo vía streaming. Ao acto de entrega dos premios asistiu o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, así como o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde; o conselleiro de Medio Rural, José González, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana.

Os premiados

Nesta sétima edición resultaron premiados seis compañías, proxectos ou iniciativas nas categorías de produto innovador, proxecto empresarial e estratexia de mercado.

Na categoría de produto innovador, o Clúster destacou á compañía Calvo polo seu novo envase ‘Vuelca Fácil’. O xurado sinalou que esta nova forma de producir, envasar e consumir supón un antes e un despois no sector das conservas de peixe. “Esta innovación, baseada na tecnoloxía Real Peel®, implicou non só un redeseño do envase, senón todo un complexo desenvolvemento tecnolóxico e de enxeñaría industrial para facelo posible”, xustifican.

Tamén resultou premiada Nova Pescanova pola súa gama de produtos ‘A Pasta do Mar’. Este produto é unha nova maneira para comer peixe que responde ás necesidades do consumidor actual. “Preséntase como unha alternativa fácil e saudable, xa que ao estar elaboradas con peixes teñen os seus beneficios nutricionais, son baixas en graxa, altas en proteína e fonte natural de Omega 3”, apuntan.

A asociación de Criadores de Raza Porcino Celta (Asoporcel) resultou premiada na categoría de proxecto empresarial pola súa proposta para a recuperación e conservación da raza Porco Celta. Este colectivo, fundado en 1999, busca profesionalizar o sector gandeiro para que as granxas sexan modelos de negocios sustentables e rendibles. Ademais, a asociación traballa para dar a coñecer esta raza autóctona e pór en valor no mercado os produtos elaborados co selo de calidade 100% Raza Autóctona Porco Celta.

Mención especial recibiu a firma 3D Essence Food pola súa iniciativa de aproveitamento dos excedentes de produción para frear o desperdicio de alimentos e xerar formatos con alto valor nutricional, que foi impulsada no programa de aceleración e consolidación de Business Factory Food, a aceleradora vertical do sector alimentario galego dinamizada por Clusaga. En palabras do xurado, “estas solucións pasan por desenvolver instalacións, formatos de alimentos e tecnoloxía asociada á produción alimentaria de forma que poida ser útil para achegar solucións que sirvan de ponte desde o excedente alimentario á demanda de alimentos”.

Na categoría estratexia de mercado, Gadisa Retail (Gadis) fíxose co premio e Lence – Grupo Leite Río alcanzou a mención especial. No caso de Gadis, o certame destacou a súa campaña ‘Gadis, co produto local’, coa que busca resaltar o esforzo por apoiar aos pequenos produtores locais, vinculándoo á economía local, e promoción da sustentabilidade e ó consumo de produtos próximos.

No caso deLence – Grupo Leite Río, a mención especial débese ao desenvolvemento do seu Configurador MDD 4.0, co que busca dar resposta a crecentes necesidades do cliente profesional como a conectividade, a maior dispoñibilidade de información durante o proceso de compra, ou a redución do time-to-market por medio dunha metodoloxía Lean StartUp. Ademais, ofrécese servizos adaptados ás necesidades de cada cliente.

O presidente de Clusaga, Juan José De la Cerda, felicitou aos premiados e aproveitou para avanzar as liñas mestras do Plan Estratéxico do Clúster Alimentario de Galicia 2021-2025, co que se buscará un claro obxectivo: “que Galicia siga lucindo, con orgullo, o apelido que lle corresponde por antonomasia, alimentación”.

VI Foro Galicia Alimentación

O programa do VI Foro Galicia Alimentación incluíu a celebración da mesa redonda ‘Sustentabilidade na cadea de valor dos alimentos’, que estivo moderada pola cofundadora e responsable de innovación e deseño rexenerativo de Alén, Ana Rodríguez, e contou coa intervención dos seguintes relatores: a directora de RSC e comunicación de Vegalsa Eroski, Gabriela González; o presidente da Fundación Lonxanet, Antonio García-Allut; o director xeral de Galacteum, Juan Cordonié; e o director de compras de Congalsa, David Comesaña. Todos eles abordaron a sustentabilidade na cadea de valor dos alimentos.

O evento contou, ademais, con dúas charlas: por unha banda, a do chef estrela michelín do restaurante Camiño da Serpe, Pepe Vieira, que impartiu o relatorio ‘A coherencia na contorna’; e polo outro, a da CEO de Lence-Grupo Leite Río, Carmen Lence, que fixo o propio coa charla ‘O sector lácteo galego, unha historia de superación diaria’.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información