Expertos en sostibilidade, produtores e influencers analizarán os retos da transición verde no Foro Galicia Alimentación

O Clúster Alimentario de Galicia organiza a VIII edición deste foro que se celebrará o 14 de xuño na Cidade da Cultura. Entre os conferenciantes do sector agrogandeiro están a gandeira Ana Corredoira e o CEO de Kiwi Atlántico, José Piñeiro

Publicidade
Expertos en sostibilidade, produtores e influencers analizarán os retos da transición verde no Foro Galicia Alimentación

Coma noutras edicións, ó remate do Foro procederase á entrega dos Premios Galicia Alimentación.

Data inicio: 14/06/2023
Data fin: 14/06/2023
Lugar: Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás, Santiago de Compostela, España

O desenvolvemento rural, a resiliencia e a produción sostible serán os temas protagonistas do VIII Foro Galicia Alimentación. Baixo o titulo de “Alimentación sostible e resiliencia alimentaria: Reflexións en torno a unha transición necesaria”, o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) reunirá a expertos nestas cuestións para abordar os retos de futuro aos que se terá que afrontar o sector. Será o 14 de xuño na Cidade da Cultura de Galicia.

Para tratar un tema tan complicado e que afecta a todos os elos da cadea da alimentación, Clusaga reuniu tanto a expertos en medio ambiente e na aplicación da sostibilidade nas empresas como a produtores para, xuntos, afondar nestas problemáticas desde diferentes perspectivas.

A xornada comezará coa mesa redonda “Unha transición necesaria”, na que participarán: Antonio Vasconcelos, colíder en Planetiers New Generation e INSURE.Hub, unha iniciativa que, dende Portugal, ten como obxectivo promover o coñecemento, innovación e emprendemento sostible nas empresas e organizacións, de cara a transición verde; e Mila Valcárcel, managing partner de Eatable Adventures, unha compañía internacional que traballa con proxectos foodtech emerxentes do sector para xerar un impacto relevante no sector da alimentación. A mesa complétase coa presenza de Eva Garrell, que desde B Corp Impact Programs Senior Lead de B Lab Spain asesora no deseño e implementación de estratexias de sostibilidade empresarial; e María Coto, directora da liña de desenvolvemento rural e sostibilidade en Red2Red.

Na outra mesa redonda, “Do mar e a granxa á mesa”, serán os produtores os que tomen protagonismo da man de nomes destacados en redes sociais e medios, que traballan para pór en valor o sector e a calidade dos seus produtos, coma María Fontán, máis coñecida como “Mariscadora 2.0”, e Ana Corredoira, bióloga e gandeira en Ganados A Cernada. Xunto a elas estará o CEO de Kiwi Atlántico, José Piñeiro, e a xerente da Real Conservera Española, Lucrecia García. 

Por último, a conferencia principal do foro impartiraa José María Bonmatí, o director xeral da Asociación de Fabricantes y Distribuidores AECOC, unha das maiores asociacións empresariais do país que representa ao sector de bens de consumo a nivel nacional. Bonmatí ofrecerá un relatorio titulado “Visión do sector e o gran consumo” no que explicará que o consumidor é cada vez máis consciente e, polo tanto, máis esixente cos distintos axentes da cadea de valor da alimentación. De feito, a tendencia vai cara un consumo con atención á ética e a sostibilidade.

Premios Galicia Alimentación

Como xa vén sendo tradición, unha vez rematado o foro, procederase á entrega dos Premios Galicia Alimentación, nos que este ano conseguiuse un récord de participación con 99 candidaturas entre as catro categorías: a Produto Innovador, a Produto Excelente, a Proxecto Sectorial e á Estratexia de Mercado.

Tanto o Foro coma os Premios Galicia Alimentación contan co apoio institucional da Xunta de Galicia e co patrocinio ouro de Caixa Rural Galega, Gadis e Vegalsa Eroski e aos mesmos asistirán responsables da administración pública e das principais empresas distribuidoras de Galicia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *