O economista e emprendedor belga Gunter Pauli abordou onte en Santiago de Compostela o concepto de “Economía Sostible e Rexenerativa” ante entidades socias do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), no marco do relatorio – xantar organizado de maneira conxunta con INSURE.Hub – INnovation in SUstainability and Regeneration.
Co obxectivo de prestar apoio ás empresas do sector da alimentación e das bebidas de Galicia para avanzar cara estratexias máis sostibles, Gunter Pauli puxo o foco en buscar solucións económicas e sostibles a través da reutilización de residuos.
Tamén salientou, por unha banda, a relevancia da elaborar un inventario de oportunidades existentes na rexión de Galicia que permita potenciar o valor endóxeno e diferencial da rexión e, por outra banda, incidiu na importancia de mudar os modelos de negocio baseados no “core business” cara modelos empresariais multiplicadores centrados na diversificación a través do emprego eficiente de recursos.
O experto, cuxo traballo se orienta a deseñar e implementar solucións prácticas, alcanzables e sostibles para un novo modelo económico de sociedades e industrias de cero emisións, animou ás persoas asistentes a “crear riqueza respectando o medio ambiente”.
Crecemento sostible do sector alimentario
O encontro, en liña co compromiso de Clusaga de potenciar e fortalecer o crecemento sostible do sector da alimentación e das bebidas na rexión, serviu para inspirar ás empresas para reducir riscos, aproveitar novas oportunidades e reforzar a súa posición competitiva en materia de sustentabilidade nunha contorna de cambio acelerado e converxencia tecnolóxica.
Nese aspecto, Roberto Alonso, director de Clusaga, subliñou que a clave para enfrontar os desafíos e grandes cambios que está a experimentar o sector é “seguir traballando xuntos para abordalos con éxito”. Tamén destacou a importancia de que as empresas “incorporen a sustentabilidade e a economía circular”, unha cuestión que non é só “ética e ambiental”, senón que pode xerar “vantaxes competitivas significativas”, contribuíndo ao seu crecemento e a posicionar Galicia como líder de produción de elementos sostibles de alta calidade.
Colaboración entre entidades da Eurorrexión
No marco desta cita, e en liña co interese de Clusaga en establecer relación con entidades membro da EuroRexión Galicia – Norte de Portugal, tivo lugar unha reunión previa ao coloquio – xantar. Nesta xuntanza, cuxo obxectivo foi estudar futuras oportunidades de colaboración, estiveron presentes representantes de Clusaga, INSURE.Hub, Católica Porto Business Scholl, CBQF Biotechnology da Catholic University of Portugal (ESB) e Planetiers New Generation.
Gunter Pauli
O experto, que traballa a prol da sustentabilidade e a economía circular, é amplamente recoñecido a nivel internacional por desenvolver e promover o concepto de “Economía Azul”, baseado na idea de crear sistemas sostibles e resolver problemas ambientais a través da innovación e a imitación dos procesos naturais.
É o fundador de Zero Emissions Research and Initiatives (ZERI) na Universidade das Nacións Unidas en Tokio e da Fundación The Global ZERI Network, entre outras empresas e organizacións relacionadas coa sustentabilidade. Tamén é autor de varios libros e publicacións relacionadas con estes temas, incluíndo “A Economía Azul: 10 anos, 100 innovacións, 100 millóns de empregos”.