A Consellería do Medio Rural está a ofrecer cursos de xestión empresarial para granxas de vacún de leite a través do curso ‘Gandeiros 20-30’, que xa desenvolveu dúas edicións en Sergude (Boqueixón, A Coruña) e outra en Ribadeo.
Un dos profesionais que participou nestas xornadas é David Vázquez Novas, un mozo de 28 anos, de Santa Comba. A súa gandería familiar, Ganadería do Mouro SCG, situada na parroquia de Fontecada, conta con 300 animais, dos que 200 están en muxido, e ten na actualidade 4 persoas asalariadas, ademáis de David e dos seus pais. Falamos con el para coñecer a súa valoración de ‘Gandeiros 20-30’.
Cal é a túa formación e por qué decidiches continuar coa gandería familiar?
Son enxeñeiro agrícola e fixen o máster de produción de leite da Universidade de Santiago de Compostela.
En canto a por qué decidín dedicarme a esta profesión, eu tiña claro que era o que me gustaba pero vía que tiña que formarme para coller as rendas da granxa, e visto como van as cousas hoxe en día creo que acertei.
Como te enteraches do curso ‘Gandeiros 20-30’?
Chegoume o díptico do curso por un compañeiro que traballa na Axencia Galega da Calidade Alimenaria (AGACAL), vin o programa e a visión do curso e pareceume interesante para seguir formándome, porque considero que carecemos desa formación empresarial no noso sector. Apunteime e seguín o curso na primeira edición que se celebrou en Sergude.
A que contidos lles quitaches máis partido?
Ao que máis lle quitei proveito foi á parte que impartiron sobre a negociación. O profesor do curso transmitía moi ben os coñecementos e aportounos certas claves da negociación, as cales espero sacarlle proveito. Día a día os gandeiros tratamos con grandes empresas de subministros e de compra, polo que creo que a formación pode ser de utilidade para lograr mellores acordos.
Tamén me chamou a atención a parte de márketing e de innovación: Como é o proceso para xerar un produto novo, o que costa e como ese valor pode beneficiar a toda a cadea.
Outro contido que me pareceu moi interesante foi o de financiación, así como a parte de cálculo de custos e de elaboración de presupostos a futuro.
Na nosa gandería a xestión económica fágoa eu, grazas á formación que tiven no máster e na carreira. Tamén formo parte da European Dairy Farmers (EDF) e trato de homoxeneizar datos e compártoos cunha rede de ganderías a nivel europeo.
Cales son as carencias de formación que detectas no sector?
Considero que o máis importante nunha gandería de vacún de leite, como en calquera empresa, é determinar ben en que se debe investir o diñeiro e en que non. Neste sentido, considero que hai unha carencia importante. É dicir, calcular o que nos costa un investimento, o prazo de amortización, se compensa máis contratar unha empresa de servizos….etc. Hai investimentos que son prescindibles e outros que son máis necesarios e que sen embargo non se realizan.
Tamén temos os gandeiros unha gran carencia a nivel de negociación, os gandeiros tratamos con grandes empresas (compra de leite e carne, de alimentación, produtos de hixiene, produtos veterinarios… etc.) e é moi complicado rabuñar costes ou obter maior beneficio. No noso caso o que facemos é comparar prezos entre empresas e ter relacións duradeiras e de confianza con proveedores para así lograr conseguir mellores prezos ou servizos, pero todo é moi volátil, sobre todo nestes momentos.
Por outra parte, creo que cada vez é máis importante a man de obra externa nas ganderías de vacún de leite e aí considero que hai marxe de mellora por parte dos gandeiros, como empresarios. Ademáis da dificultade que supón de atopar persoal cualificado. Tamén falta formación e información sobre a nova PAC e os cambios lexislativos que están de camiño e que van afectar aos gandeiros.