A baixada do prezo da resina condiciona as perspectivas do seu aproveitamento en Galicia

Dos 1,07 euros por Kg. que se pagaron o ano pasado pasouse esta campaña a arredor dos 90 céntimos, o que reduce a rendibilidade da extracción, que se viña expandindo na comunidade nos últimos anos

A baixada do prezo da resina condiciona as perspectivas do seu aproveitamento en Galicia

Resinado en Maceda, Ourense. / Arquivo (Imaxe do CIF Lourizán).

A situación de prezos da resina no mercado internacional levou esta campaña a unha baixada da súa cotización en España. Se o pasado ano, se pagaba en Galicia a 1,07 euros por quilo, este ano o prezo rondará os 90 céntimos, segundo as previsións que se manexan. “É unha baixada de case o 20% nun traballo que xa anteriormente estaba no umbral da rendibilidade. Con estes prezos, pasa a non ser rendible”, lamenta Edgar Fernández, un dos resineiros que traballa en Galicia e que foi dos pioneiros en impulsar a recuperación da actividade, hai xa 6 anos.

O rexurdimento da extracción da resina na última década, que se viviu tanto en Castilla como en menor medida en Galicia, vese así freado pola caída da cotización da miera, á espera do que pase en próximas campañas. Entre os produtores, estímase que prezos menores a 1 euro / Kg. non compensan o traballo.

Na comunidade, Edgar calcula que o pasado ano houbo unhas 15 – 20 persoas adicándose parcialmente ó aproveitamento. “Levabamos uns anos de crecemento, pero este ano baixará porque os números non dan. Se antes xa o vía como unha actividade complementaria, este ano máis”, sinala Edgar, que ademais de resinar en comunidades de montes de Caldas de Reis e Catoira arredor de 3.000 piñeiros, tamén se adica a traballos forestais.

Outro dos primeiros resineiros en iniciar a actividade en Galicia hai uns anos, Xián Santos, apunta tamén ós prezos como un factor que desincentiva o resinado. “Coa baixada da resina, derivada de factores como a competencia internacional e a crise do coronavirus, reducirase a extracción. Con estes números, pode ser unha actividade complementaria, pero non principal, xa que hai que ter en conta os gastos, como as cotas de autónomos”, valora Xián, que este ano está por segunda campaña resinando un piñeiral dunha comunidade de montes en Pantón (Lugo), xunto cun equipo doutras tres persoas.

“Estamos facendo 10.600 caras, con piñeiros a unha cara e piñeiros a dúas caras, tanto de piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) como de piñeiro insigne. Este ano a campaña está sendo moi boa, cunha boa meteoroloxía na primavera, con calor e poucas choivas, e esperamos chegar ós 3 Kg. por piñeiro de resina. O ano pasado quedarámonos en 2,2 Kg., pero hai que ter en conta que fora a primeira campaña, que sempre é menos produtiva”, explica.

A comunidade de montes de Baroña prevé colleitar 50 toneladas esta campaña

Nos últimos anos, o principal punto de extracción resineira en Galicia é a comunidade de montes veciñais de Baroña (Porto do Son), que o ano pasado recolleu 40 toneladas, vendidas a Resinas Naturales (Segovia), e este ano prevé acadar as 50 toneladas. “Temos unha brigada de catro persoas adicada practicamente en exclusiva á resina, traballando 15.000 piñeiros”, explica o presidente da comunidade, Ovidio Queiruga, que destaca o potencial da zona para o resinado. “Polo clima da nosa zona, os piñeiros teñen unha parada invernal mínima, co que pódese resinar case todo o ano”, destaca.

Sobre o prezo, Ovidio apunta que este ano móvese en valores que podían ser esperables. “O prezo de 1,07 euros do ano pasado fora moi bo. Este ano os prezos do mercado internacional aínda non están definidos, pero un prezo fixo de 90 céntimos, como o que se apunta, podía ser esperable para algunha campaña. Hai que ter en conta que por exemplo Portugal móvese en prezos menores, cuns prezos variables de 83 céntimos de prezo mínimo e 1,20 de máximo, en función do mercado”, sinala.

Futuro
Cal é o futuro do resinado en Galicia?. Edgar e Xián coinciden en velo como unha posible actividade complementaria. “Este ano chamáronme moitas persoas que son pequenos propietarios forestais e que estaban pensando resinar o seu piñeiral, de 1-2 hectáreas, como unha actividade complementaria, pero cando lles explicas que teñen que darse de alta de autónomos, bótanse para atrás”, explica Edgar.

“Unha solución podería ser permitir que o resinado cotizase só no IRPF, sen necesidade de que a persoa se dese de alta na Seguridade Social, igual que se fai por exemplo con algunhas actividades agrícolas ou pesqueiras que son complemento da renda familiar”, valora.

Outra posibilidade pasa por destinar apoios da Política Agraria Común ó resinado, como se pide desde colectivos de Castilla.

“Hai propietarios interesados en resinar o seu piñeiral para obter unha renda extra, pero o problema é que terían que cotizar de autónomos. Poderíase solucionar modificando a normativa” (Edgar Fernández)

“A extracción de resina podería ser viable como complemento para unha persoa que se plantee resinar 1.500 – 2.000 piñeiros e sacar unha renda extra no ano” – conclúe Edgar-. “Tamén sería necesario optimizar o sistema de extracción. Igual en lugar de traballar 6-7 meses ó ano para extraer 3 Kg., temos que pensar nun sistema similar ó da Aquitania francesa, traballar 2 meses para lograr 2 Kg. por árbore”, reflexiona.

Edgar está colaborando co Centro de Investigación Forestal de Lourizán na investigación de sistemas de extracción da resina e de posibilidades para a súa mecanización en Galicia, se ben tamén sinala que hai que ter en conta que a mecanización repercutiría nun aumento de custes.

Outro dos proxectos de investigación que se están desenvolvendo na comunidade lévao Letme Soluciones, con experiencias na comunidade de montes de Ferroedo (Pantón), na que traballa Xián Santos, e noutros montes veciñais da comunidade.

Desde Valdeorras, a sociedade Xagoaza Pinaster tiña tamén previsto iniciar este ano a extracción e procesado de resina co método Borehole, se ben a iniciativa mantense por agora nunha fase “experimental”, segundo recolleu recentemente o diario La Región. Desde Campo Galego contactamos hoxe telefonicamente coa empresa, que polo de agora non atendeu a nosa petición de información.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información