Baixa o prezo do leite en España mentres sobe en Europa

Os primeiros catro meses do ano sáldanse cunha baixada de 0,4 céntimos no país, en tanto a media da UE subiu 0,5 céntimos no mesmo periodo. Galicia continúa medrando en entregas, en tanto o resto de España redúceas

Baixa o prezo do leite en España mentres sobe en Europa

O prezo do leite no campo mantén unha lixeira tendencia á baixa en España desde inicios de ano, en tanto en Europa as cotizacións van en ascenso, froito do bo momento das cotizacións de produtos lácteos industriais (leite en po, manteiga, etc.). Desde xaneiro a abril, o prezo medio baixou en España 0,4 céntimos (Datos do Ministerio de Agricultura), en tanto en Europa subiu 0,5 céntimos (Datos do Observatorio do Mercado Lácteo da UE).

No último mes con datos (abril), o prezo medio baixou en España 0,1 céntimos, ata situarse en 33,6 céntimos. En Galicia, con idéntica baixada, o prezo quedou en 32,8 céntimos. O dato europeo para abril é de 35,4 céntimos e espérase unha nova suba en maio de 0,1 céntimos, segundo as previsións do Observatorio.

Comparación Galicia e resto de España

Á hora de comparar os datos de prezos internos en España, se se teñen en conta os prezos de leite estandarizados a 4 de graxa e 3,30 de proteína, o prezo medio en Galicia sería de 33,6 céntimos, en tanto no resto de España sitúase en 35,5 céntimos, segundo os cálculos da asociación Terra e Leite.

Galicia continúa sendo a comunidade que máis sólidos produce, cun 3,79 de graxa e 3,33 de proteína, por riba da media estatal de 3,71 de graxa e 3,31 de proteína.

Entregas
A produción en Galicia continúa en ascenso en comparación co mesmo mes do pasado ano. Terra e Leite cifra ese aumento en máis de 6.700 toneladas, o que representa un 2,5% de produción máis que en abril do pasado ano. O aumento de produción de Galicia contrasta cos datos do resto do Estado, onde as entregas reducíronse en comparación con abril do pasado ano.

Leite ecolóxico
O leite ecolóxico tivo un prezo medio en abril en Galicia de 47,6 céntimos, o que supón unha baixada de 0,1 céntimos en relación a marzo. O prezo medio a nivel estatal sitúase en 47,9 céntimos, o que sitúa a España como un dos catro Estados da UE co prezo do leite ecolóxico máis alto, só por detrás de Italia (51,8 céntimos), Alemania (50) e Bélxica, segundo os datos do Observatorio Lácteo Europeo.

Máis información
Información de entregas de leite en abril (Ministerio de Agricultura)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información