A Consellería de Medio Rural publicou a resolución das axudas para fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común en réxime asociativo. As beneficiarias son tres cooperativas, que recibiron un total de 5,5 millóns de euros para un investimento total de 12 millóns, segundo sinala a Xunta en nota de prensa.
Os proxectos que reciben apoios son a mellora dunha edificación destinada a incubadora avícola (Vilamarín, Ourense), un centro tecnolóxico de cría de polos (Portomarín, Lugo) e a ampliación e mellora dunha explotación gandeira (San Sadurniño, A Coruña). As iniciativas avícolas foron presentadas por Coren e pola Cooperativa Agrícola Ganadera de Ourense, en tanto o proxecto de gandería de vacún corresponde á Cooperativa Agraria Provincial da Coruña.
Medio Rural destaca que o principal obxectivo destas axudas é o de acometer proxectos agropecuarios de explotación conxunta polos socios de entidades asociativas. Prímanse iniciativas que teñan un marcado carácter innovador ou de introdución de novas tecnoloxías. Trátase tamén de fomentar a incorporación de novos procesos ou de obtención de novos produtos que contribúan a diversificar a actividade principal das entidades ou a introducir actuacións de apoio complementarias á actividade dos socios. Así mesmo, búscase promover o aumento da rendibilidade económica das explotacións agrogandeiras galegas e a mellora das condicións do traballo.
Entre os proxectos que poden ser subvencionados atópanse almacéns para maquinaria ou materias primas, naves para diverso tipo de gando e instalacións que melloran os labores propios das explotacións.