Aberta a consulta pública a nova normativa sobre comercialización de aves e ovos

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación inicia a consulta pública da actualización normativa sobre a comercialización de aves e ovos. O prazo comeza este sábado e finaliza o 28 de outubro. O obxectivo é adaptar a normativa española ao marco europeo de comercialización a través de dous reais decretos para cada un dos produtos

Aberta a consulta pública a nova normativa sobre comercialización de aves e ovos

Clasificación de ovos. Foto: Imaxe de arquivo

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación inicia hoxe sábado e, até o 28 de outubro, o procedemento de consulta pública da normativa para a aplicación en España do marco europeo de comercialización de carne de aves e ovos, que se desenvolverá mediante dous reais decretos específicos para cada un dos produtos mencionados.

A tramitación en España destes dous reais decretos está motivada pola decisión da Comisión Europea de revisar a normativa comunitaria de comercialización de ambos os produtos, mediante a elaboración duns regulamentos que se atopan nas últimas fases de tramitación e cuxa publicación se espera para as próximas semanas.

Esta normativa aplica os principios establecidos na Política Agraria Común (PAC) para a comercialización de aves e ovos, co obxectivo de contribuír a manter a unidade de mercado e a transparencia e lealdade nas transaccións comerciais, ademais de mellorar a información aos consumidores.

Desta forma, regúlanse aspectos tan importantes como as definicións e denominacións de venda dos produtos, a súa clasificación de acordo coa súa calidade e tamaño e as condicións para a etiquetaxe voluntaria e obrigatoria, onde se inclúe o uso de mencións reservadas facultativas relativas á forma de cría ou a alimentación das aves.

Aínda que a normativa comunitaria é de directa aplicación en todo o territorio da Unión Europea, existen determinados aspectos que requiren da regulación e o control dos Estados membros, para o que é necesario desenvolver normativa nacional para a súa aplicación.

Entre os aspectos máis destacables da normativa nacional de comercialización de ovos atópase a regulación de excepcións para os requisitos xerais relacionados co marcado dos ovos; novos requisitos en materia de etiquetaxe -incluída en etiquetaxe dos ovos con mencións facultativas adicionais ás obrigatorias-; mellorar a coordinación e intercambio de información entre as autoridades competentes e regular os procedementos de control necesarios para garantir o cumprimento da norma.

Pola súa banda, no sector da carne de aves prevese a mellora da transparencia do mercado a través da inclusión de novas definicións e cortes e novos requisitos en materia de etiquetaxe, incluídos as etiquetaxes facultativas. Tamén se quere fomentar a coordinación e intercambio de información, e mellorar os procedementos de control, especialmente no relativo ao control do contido de auga en cortes e despezamentos de carne de ave.

Os textos das consultas previas pódense consultar nas seguintes ligazóns:

Comercialización de ovos

Comercialización de aves de curral

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información