O vindeiro 1 de xaneiro entran en vigor algunhas das disposicións establecidas no Real Decreto 637/2021, de 27 de xullo, polo que se establecen as normas básicas de ordenación das granxas avícolas.
Para as explotacións existentes antes da entrada en vigor do Real Decreto (29 de xullo de 2021), os requisitos en materia de bioseguridade, hixiene, infraestruturas, equipamento, manexo e condicións hixiénico-sanitarias, así como os relativos a redución de emisións, recollidos na norma aplicaranse a partir deste 2024:
- optimización do uso da auga e a enerxía
- control da calidade da auga
- almacenamento de pensos
- sistema de xestión de medicamentos
- minimización de olores e ruídos
- mellores técnicas disponibles para a redución de emisións
- separación efectiva de animais silvestres en aves que saian ao exterior
- limpeza, desinfección e desratización das instalación
- tempo de espera de 12 días entre ciclos de produción
- roupa e calzado de uso exclusivo na explotación
Estas granxas disporán dun prazo de 6 meses para comunicar á comunidade autónoma os datos necesarios para a actualización da información esixible ao respecto.
Cambios na normativa europea
Desde Bruxelas estase a impulsar unha nova Normativa Europea Reguladora do Modelo de Produción de Carne que prevé a prohibición das xaulas na produción de coello, porco e polo e a redución da densidade da poboación de polos de engorde até un máximo de 11 kg/m2, o que suporía unha diminución da capacidade produtiva das granxas actuais.
Alertan de que a carne de polo podería chegar a triplicar o seu prezo para los consumidores
En consecuencia, desde organizacións agrarias como COAG alertan de que a aprobación desta norma suporía para os produtores a necesidade de realizar importantes investimentos e reformas nas súas instalacións, ademais dun aumento dos custos de produción, e para os consumidores un encarecemento de prezo destes alimentos, que poderían chegar a triplicarse no caso da carne de polo.
Rexistro obrigatorio de explotacións avícolas para autoconsumo
O Real Decreto establece que os titulares das explotacións existentes con anterioridade á súa entrada en vigor (29 de xullo de 2021) deberán comunicar os datos necesarios para a súa inscrición nun Rexistro autonómico no prazo máximo de 18 meses.
Esta obrigatoriedade afecta a calquera persoa que queira ter galiñas, polos, pavos, patos, perdices, pombas, etc. sempre que sexan para autoconsumo e non para venda.
Segundo o Real Decreto, todas as granxas avícolas, incluídas as de autoconsumo, deben estar inscritas no Rexistro xeral de explotacións gandeiras. As especies de aves de curral, segundo a citada norma, son galiñas (inclúe polos), pavos, pintadas, parrulos, ocas, paspallás, pombas, faisáns e perdices. Tamén son aves de curral as aves corredoras (avestruces) pero unha explotación con esta especie non pode ser de autoconsumo.
Afecta aos galiñeiros cun máximo de 30 galiñas poñedoras ou 50 polos de engorde sempre que non se comercialicen ovos, carne ou outros produtos
Estas explotacións de autoconsumo non poderán, en ningún caso, comercializar os animais, carne, ovos ou outras producións. Enténdese como explotación de autoconsumo aquela que teña como máximo 30 galiñas poñedoras ou 50 polos de engorde.
Cálculo máximo de animais
O Real Decreto indica que as explotacións de autoconsumo non poden superar a capacidade de 0’15 Unidades de Gando Maior (UGM). Segundo unha táboa de equivalencias entre número de animais e UGM que figura no Anexo I do Real Decreto, 1 UGM son 0’005 galiñas poñedoras, 0’003 polos de engorde ou 0’005 pavos de engorde.
A cifra de 0’15 UGM equivale a 30 galiñas poñedoras ou 50 polos de engorde, pero ese límite aplícase sobre todas as aves, de xeito que poderá haber varios tipos delas sempre que a suma total non supere as 0’15 UGM. Por exemplo, 10 poñedoras (0’05 UGM) e 20 polos de engorde (0’06 UGM) supoñen 0’11 UGM, polo que tampouco supera o límite de 0’15. Sen embargo, 20 poñedoras e 40 polos de engorde serían 0’1+0’12=0’22 UGM, que superaría este límite, polo que non sería posible clasificar a explotación como de autoconsumo.
Comunicación para inscribir nun Rexistro da Xunta os galiñeiros para autoconsumo
Para levar a cabo este rexistro será necesario acceder á páxina da Xunta e cubrir o modelo MR501A . Pode presentarse de forma telemática (se se dispón da Chave 365), ou ben de forma presencial na oficina de Extensión Agraria correspondente.