En Curros, pertencente á parroquia de Santa María Maior (Mondoñedo), os terreos son costentos, o que limita o seu uso para os cultivos agrícolas e a mecanización. Pero son aptos para o pastoreo, que é a base do manexo e a alimentación que fan na gandería Xan das Bouzas.
Esta explotación, que combina gando vacún de leite e de carne, cabalos do monte e gando ovino e caprino, está rexentada na actualidade por Alba Recalde e Moisés García, dous mozos que contan aínda coa axuda dos pais de Moisés, María José e Luciano.
Traballan 200 hectáreas de terreo, o 65% en propiedade e o 35% en aluguer e a superficie de pastoreo está repartida por ata 5 concellos diferentes: Mondoñedo, Lourenzá, Riotorto, Abadín e Trabada.
Moitas fincas teñen unha pendente pronunciada e só nos valen para pacer co gando
A maior parte das fincas teñen unha pendente pronunciada, que condiciona o seu manexo. “Moitas fincas non nos valen para sega, porque non valen para andar cos tractores; o que facemos é pacelas co gando que temos: vacas, bestas, cabras e ovellas. Temos un pouco de todo”, aclara Alba.
“O que come a besta non o come a vaca”
Unha das características desta explotación é precisamente esa, a súa diversidade de animais. Ademais de ser unha gandería mixta de vacún, con 30 vacas de leite (máis 12 xovencas de recría) e 160 vacas de carne (máis os xatos e 25 xovencas de recría) nun CEA e noutro, de modo monte, outras 90 vacas; teñen tamén a maiores 35 ovellas, 30 cabras e 300 bestas e cabalos.
Manexar tanto gando nunha superficie tan dispersa é bastante complexo e traballoso, recoñecen. “Estás pendente do gando todos os días a todas as horas. Somos 4 persoas traballando a tempo completo para a explotación”, conta Alba.
Somos 4 persoas traballando a tempo completo para a explotación
Para facilitar os movementos entre as diferentes parcelas, cando se trata de fincas distantes, dispoñen dun camión para o transporte do gando. “Intentamos non concentrar moitas cabezas na mesma finca para que non precisen tanto manexo, pero aínda así necesitan manexo igual”, asegura.
Gando no monte abertal
Parte do gando (arredor do 50% do censo) pasta no monte abertal. Son vacas e bestas adaptadas á climatoloxía destas zonas altas e tamén a este tipo de pasto e que manexan en conxunto.
No inverno as bestas e as vacas castigan moito o monte e fan que o pasto vaia mellorando
“As bestas abren o monte para as vacas. A vaca non come o que come a besta, comen herbas máis brandas. As bestas do monte só comen toxo e herbas duras; axudan a ter o monte limpo, porque ningún outro animal come o que elas comen, e deste xeito fan que ese pasto vaia mellorando”, explica.
Unha parte do monte abertal é propio da gandería (unhas 100 hectáreas) e outra parte comunal, aínda que dos corenta e poucos comuneiros da parroquia só catro ou cinco casas teñen gando no monte. “Somos poucos os veciños que aproveitamos o monte, pero de cara a facer a PAC nós só podemos declarar 4 hectáreas”, aclara.
Petición de queimas controladas
A alimentación das vacas e cabalos do monte consiste no pastoreo da vexetación espontánea, tanto toxo como herbáceas, pero na medida en que o toxo envellece a súa dixestibilidade e aproveitamento diminúe e a proporción de herbáceas tamén.
“Solicitamos no mes de decembro para facer queimas controladas nas zonas de monte con máis vexetación, que non son tractorables, aínda que non temos aínda ningunha resposta. Se noutros lugares se fan, non vemos o motivo polo que aquí non se poderían facer tamén. Nós tentamos facer desbroces onde se pode, pero hai sitios onde co tractor non entras e corres moito risco. Hai zonas nas que se non nos dan as queimas como alternativa é imposible entrar alí e acábanse volvendo improdutivas, porque hai toxos que agora xa non os comen as bestas”, relata.
Tentamos facer desbroces, pero hai sitios onde co tractor non entras e corres moito risco
“Por culpa da broza perdemos zonas produtivas e co tamaño de explotación e número de cabezas que temos necesitamos superficie que produza. Ademais, deste xeito hai máis risco de lumes”, di Alba, que defende a utilidade das queimas controladas para a rexeneración do monte para lograr un control efectivo do mato en combinación co gando.
Ataques do lobo
O principal depredador do gando do monte é o lobo. “O 45% das baixas que temos hoxe son por causa do lobo. Nos últimos tempos nesta zona aumentou moito a presenza do lobo e os seus ataques. Se non fora polo lobo unha egua pode vivir entre 18 e 20 anos”, conta Alba.
A maiores das baixas directas, os ataques tamén provocan abortos e outros problemas reprodutivos. “A besta que perde a súa cría ten máis dificultades para empreñar polo estrés que lle provoca o enfrontarse ao lobo para intentar defendela. Unha besta que pare hoxe aos 9 días pode volver empreñar se está co garañón pero se durante esa xestación hai un ataque do lobo á grea o máis probable é que aborte ”, di.
Se non se toman medidas co lobo as bestas, e o gando do monte en xeral, corren moito perigo de desaparición
“As poldras case todas as criamos, porque con tanta baixa necesitámolas para reposición. Se non se toman medidas co lobo as bestas corren moito perigo de desaparición, ao igual que o resto do gando do monte. E cando se dean conta e tomen medidas pode que xa sexa tarde”, alerta Alba.
O lobo mátanos o 45% das bestas e o 40% das ovellas. Non é un problema menor
O rabaño de ovellas é tamén outro dos afectados polos frecuentes ataques do lobo. “No último ataque de lobo que tivemos papounos 15 cabezas de ovino en dous días. E iso que tiñamos peche de malla”, relata.
Entre 400 e 600 euros por poldro
Para o lobo, os poldros son unha presa máis doada que os xatos, polo que a presenza de cabalos no monte reduce os ataques ao gando vacún. “Mentres hai poldros non comen os xatos e é certo que o valor dos poldros é menor que o dos xatos, pero cando acaban os poldros despois comen tamén os xatos”, matiza Alba.
“Os poldros que sobreviven vendémolos a través de Puraga, os que son de Pura Raza Galega, e o resto lévanos tratantes”, conta. Os prezos dependen da calidade dos animais e do seu peso e oscilan entre os 3 e os 4 euros o kg canal. “O prezo mellorou moito, aínda que na actualidade baixou algo, pero podía ser unha carne moito máis valorada”, defende.
O prezo mellorou moito nos últimos anos, aínda que agora baixou algo, pero falta que a carne de cabalo sexa máis valorada
O peso dos poldros oscila entre os 80 kg dos do monte aos 300 kg das razas de maior tamaño, que teñen pechados en fincas máis baixas. A idade oscila entre os 9 meses e o ano, mentres que nos de pura raza galega está entre os 7 e os 8 meses.
“Ás bestas do monte nunca lles damos suplemento, só controlamos que teñan auga. Desde o meu punto de vista se lles damos suplemento non nos rendiría telas, non me parece viable”, detalla. Este ano tivemos un verán duro, apertou a seca e non había moita auga. Temos unhas pozas feitas e levamos auga con cisterna para que poidan beber”, explica.
“O gando do monte é difícil de controlar, xa que o monte abertal é unha extensión grande e sen peche. Cando facemos movementos necesitamos ter cabalos de montura para dirixir e guiar o gando”, conta.
Aumento de superficie e mantemento das vacas de leite
Fai 8 anos, cando Moisés e Alba comezaron a traballar na gandería familiar, era máis pequena. Ao ir aumentando ás cabezas de gando foron incrementando tamén a superficie. “Co noso sistema de manexo, se aumentas aos animais tes que aumentar tamén ao terreo”, di Alba.
Trataron de buscar zonas máis baixas, como o val de Lourenzá, onde os invernos son máis suaves. “As vacas de leite, cando as secamos, levámolas para alí”, explica.
Malia aumentar ao número de cabezas sobre todo nas vacas de carne, non quixeron abandonar a produción de leite. As 30 vacas que moxen garántenlles uns ingresos estables todos os meses, mentes que nas de carne “se lle morre a cría perdiche a ganancia de todo o ano”, razoa.
As vacas leiteiras están día e noite fóra; só entra á corte para muxirse e comer o silo e o penso
Das vacas de leite encárganse sobre todo Alba e María José. A alimentación é a base de pastoreo, suplementado con silo de herba e concentrado. “Están fóra día e noite, só entran para muxirse e comer o penso e o silo”, indica. Están certificados en pastoreo e benestar animal e entregan o leite neste momento a Lactalis.
Nas vacas leiteiras traballan coas razas frisona e coa montbeliard e nas de carne con rubia galega, asturiana, limusín ou angus. En canto aos touros, a maioría son limusín, buscando sobre todo facilidade de parto.
“A baixada do gando para as San Lucas é algo moi bonito de ver, pero dá moito traballo”
Ademais da vertente produtiva, o manexo do gando cabalar ten en Galicia unha parte cultural, vencellada a labores como a rapa ou a feiras anuais como as San Lucas ou as Quendas.
“Se as San Lucas seguen mantendo a súa esencia tradicional cos cabalos como protagonistas é por xente coma nós. Se os gandeiros non baixaramos os cabalos do monte habería as orquestras e os postos ambulantes, pero non habería a feira. Perderíase igual que se foi perdendo en moitos outros sitios”, razoa Alba.
O que dá vida ás San Lucas é o cabalo, pero só tres explotacións baixamos xa gando do monte para a feira
Só tres ganderías fan a día de hoxe a baixada do gando desde o monte ata o campo da feira. O domingo anterior xuntan o gando. É un traballo complicado e moitas veces dificultado pola néboa mesta habitual no alto do Fiouco ou en Campo do Oso. “Tes que estar adaptado a andar no monte cos cabalos para xuntar o gando. Axúdanos moita xente, porque 300 bestas non se guían entre catro”, conta.
“A baixada do gando para as San Lucas é moi bonito de ver, pero dá moito traballo. Dannos unha pequena axuda por baixar o gando, estableceuse nos últimos 5 anos, pero a baixada a nós suponnos moito traballo. Ademais, temos perdas, porque hai abortos, porque as bestas sofren moitísimo”, explica.
Manter as tradicións
“Trataremos de seguir loitando para que nos valoren”, di Alba. “Se todos tiramos a toalla e non houbera xente coma nós non se manterían as tradicións. Somos unha das explotacións máis grandes desta zona, ninguén aquí ten tantas bestas coma nós. Facemos dúas rapas, unha en Campo do Oso e outra privada na mangada que temos nós en Curros”, conta.
Relevo asegurado
Xan das Bouzas é a día de hoxe unha das ganderías máis grandes da comarca da Mariña e Moisés e Alba destilan paixón polo que fan, un entusiasmo que souberon trasmitir aos seus fillos. Porque malia a súa xuventude (el ten 34 anos e ela 27), esta parella de gandeiros albisca xa relevo xeracional que está por vir, o do seu fillo Íker, que ten agora 11 anos e é un apaixoado do gando.
“Ou moito me engano ou vai seguir coa gandería”, di orgullosa a súa nai. Sofía, a súa irmá, ten agora 4 anos, a mesma idade coa que Íker comezou a baixar a cabalo ás San Lucas.