Así fomentan en Francia o relevo xeracional na gandaría

O pais galo asume como unha cuestión de estado a falta de substitución xeracional no sector gandeiro, unha actividade na que por cada 2,5 xubilacións soamente teñen unha incorporación. Estas son as medidas que están a implantar para corrixir a situación

Así fomentan en Francia o relevo xeracional na gandaría

Elliot, Louis Marie e Sylvain, de GAEC Fioleau, unha gandería francesa con relevo xeneracional

A falta de relevo xeracional na gandaría e na agricultura é un dos principais desafíos que ten o agro europeo nas próximas décadas. Sirva como exemplo que soamente o 11% dos donos de explotacións gandeiras e agrícolas na Unión Europea teñen menos de 40 anos, segundo os datos da Comisión Europea referidos ao ano 2016.

Porén, as diferencencias segundo o estado membro son notables. Así, Austria posúe a cifra máis alta de novos agricultores e gandeiros (22,2%), seguida de Polonia (20,3%), e Eslovaquia (19%). Doutra banda, Chipre (3,3% de donos de explotacións agrarias), Portugal (4,2%) e Reino Unido (5,3%) teñen a cifra máis baixa de novos agricultores. En España, os últimos datos sinalan a caída do número de titulares de explotación menores de 35 anos, que se sitúa soamente nun 3,1%, moi lonxe do 6,2% que representaban en 2003.

Neste sentido, Francia é uns dos países que máis en serio se está tomando o desafío de favorecer a incorporación da mocidade á gandaría, tanto para manter a súa potente produción agrogandeira como para manter un medio rural vivo. “En Francia estamos preocupados porque por cada 2,5 titulares de gandarías de ruminantes (bovino, ovino e cabrún) -unhas 200.000 explotacións no país- que se xubilan, só se incorpora 1. E a entrada de xente allea ao sector é clave. De feito, neste momento algo máis do 10% dos que se incorporan á gandaría non son fillos de gandeiros, e fano sobre todo no sector ovino e caprino de leite, xa que precisa menos investimento inicial e menos base territorial que unha granxa de vacún de leite”, explica Delphine Neumeister, do Institut de l´Elevage, una asociación francesa de investigación.

Do mesmo xeito que en España, a última crise económica favoreceu a volta á actividade gandeira, de forma que as taxas de relevo no período 2010/16 aumentaron con respecto ás existentes en 2000/2010, “aínda que sen ser suficientes para equilibrar o abandono”,precisa a investigadora francesa. De feito, case o 50% dos titulares de gandarías de ruminantes en Francia teñen máis de 50 anos.

Incorporacións á gandería de ruminantes por sectores en Francia: 

FRANCIA RELEVO 1

A falta de relevo xeracional en Francia dáse principalmente nas zonas de montaña e nas pequenas explotacións. Por sectores, as taxas de substitución -altas de gandeiros fronte a xubilacións- tamén son moi dispares: en caprino e ovino de leite por cada 2 que se xubilan incorpórase 1, o mesmo que en ovino de carne. Pero en vacún de leite xa sobe a 1 por cada 2,5 que se xubilan e en bovino de carne é onde menos taxa de relevo hai: saamente incorpórase 1 titular de explotación por cada 3 que se xubilan.

Paralelamente, e do mesmo xeito que no resto de Europa, no caso do vacún de leite en Francia está a se producir un proceso de concentración da produción en granxas cada vez máis grandes, e un crecente peche das pequenas gandarías.

Evolución das ganderías de vacún de leite en Francia por tamaño: 

FRANCIA RELEVO 2

Medidas de apoio existentes en Francia para a incorporación de mozos á gandaría:

a) Dispositivos de asistencia á incorporación a nivel provincial:

– Apoio ao novo promotor do proxecto nas súas reflexións e enfoques.
– Un funcionario asume o papel de xerente do proxecto e axuda a dirixir ao candidato ás organizacións e recursos apropiados.

B) O Directorio de Saída – Instalación:

Existe a nivel nacional e mediante o mesmo a administración pon en contacto ao mozo que se quere incorporar á gandaría con granxeiros que se queren retirar para alugarlle ou venderlle a súa expotación así como con granxeiros que buscan socios.

C) Formación e presentación dun plan de negocio para poder acceder ás axudas.

Para poder acceder ás axudas de incorporación o goberno francés esixe ao solicitante o desenvolvemento dun completo plan de formación e de prácticas en gandarías, que deben sumar un mínimo de 4.000 horas. O mozo está asesorado por un consultor de proxectos e un consultor de habilidades. O obxectivo é asegurar a viabilidade económica do seu proxecto, través dun plan de negocio real.

D) Acompañamento na instalación aos mozos:

Un funcionario realiza un seguimento posterior á incorporación para analizar o progreso técnico e económico, pero tamén a nivel humano (relación cos socios, habitabilidade etc).

Isto permite que a taxa de éxito das incorporacións en Francia sexa moi elevada. Así o 94% das persoas menores de 40 anos que se incorporan á gandaría permanecen no sector 6 anos despois.

E) Axudas financeiras:

– Axuda de incorporación para mozos: o 80% asignado no primeiro ano e 20% no quinto ano. O importe básico varía segundo a zona e a rexión: nas zonas de chaira entre 8.000 e 15.000 euros, nas zonas desfavorecidas entre 10.000 e 22.000 euros e nas zonas de montaña entre 15.000 e 36.000 euros. Ademais, existen variacións nacionais e rexionais.

– Reducións nas cotas da Seguridade Social. O mozo gandeiro que se incorpora pode beneficiarse dunha exención de acordo cun tipo decrecente durante os primeiros 5 anos de actividade.

-Bonificacións nas axudas da PAC: Posibilidade dun “top-up” en forma dunha revalorización do DPB (Dereito ao pago básico), unha disposición introducida en Francia en 2016. Esta cantidade adicional é de uns 70 euros por hectárea nas primeiras 34 hectáreas, ou 2.500 euros máximos por ano durante os primeiros 5 anos.

-Préstamos en condicións especiais: Redución das comisións bancarias ou a conta “Agri Project”,que dá dereito ao prestatario a un préstamo de 50.000 euros a un tipo preferente durante 10 anos, pago anticipado das axudas…etc.

 “É urxente revalorizar a profesión de gandeiro”

En febreiro deste ano a Confederation Nationale de l´Elévage (CNE) presentou tras tres anos de traballos un libro branco con 24 propostas e recomendacións para promover o relevo xeracional na gandaría.

O obxectivo que se marcan con estas medidas en proceso de implantación é que de aquí ao 2030 ter éxito ante o que chaman “choc de transmission”, a falta de reemprazo no sector.

Estas son algunhas das medidas que contempla o libro branco:

-Medidas de comunicación. 

-Pór en valor a profesión dentro da sociedade. Para iso xa contan cunha estratexia de comunicación nos medios xeneralistas e teñen en marcha a plataforma Devenir Eleveur http://devenir-eleveur.com/ (Converterse en granxeiro), onde se pon en valor esta profesión para aquelas persoas alleas ao sector que se poden incorporar.

“É urxente pór en valor o oficio de gandeiro. Ademais do contacto privilexiado cos animais, hoxe en día é unha profesión modernizada, e que ofrece servizos irremplazables á sociedade, ao territorio e ao medioambiente. Por tanto, esta profesión cada vez máis descoñecida e caricaturizada, debe ser urxentemente valorizada”, destaca o libro branco do CNE.

-Medidas de apoio financeiro.

Atenuar o custo da garantía bancaria para as persoas que se incorporan á gandaría e permitir unha variación das mensualidades a devolver segundo a conxuntura do mercado e da explotación.

Mellorar a información sobre as distintas opcións para o aluguer de terras e de instalacións. Por exemplo, aluguer con menores prezos nos primeiros anos de instalación e evolución progresiva, alugueres con opción de compra…etc.

Mellorar os programas de formación para que as persoas que se incorporen teñan formación como xefes de empresa (formación en xestión económica e do persoal asalariado..etc).

Favorecer o coñecemento da profesión entre as novas xeracións a través de acordos entre as organizacións do sector e o sistema educativo.

-Medidas fiscais:

Reducir os impostos de transmisión patrimonial no sector da gandaría.

Reducir os impostos para as instalacións agrogandeiras e exoneración total para o imposto aos terreos agrícolas.

-Recuperar a relación entre a gandaría e a sociedade:

Dar a coñecer á opinión pública os múltiples servizos e beneficios que achega a gandaría á sociedade e ao medioambiente.

Pór en valor os progresos técnicos no sector

Denunciar publicamente os ataques e a desinformación que sofre a profesión de gandeiro.

Descarga aquí o Libro Branco “Le renouvellement des générations en élevage bovin, ovin et caprin”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información