Novo foco de enfermidade Hemorráxica Epizoótica nunha explotación de vacún en Mesía

Só se confirmou un animal afectado de todo o censo incluído nas instalacións gandeiras.

Novo foco de enfermidade Hemorráxica Epizoótica nunha explotación de vacún en Mesía

Imaxe de gando vacún nun mercado. / Arquivo.

A Xunta declara un novo foco de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) no concello de Mesía, na provincia da Coruña. En total, xa son oito casos, incluíndo este último. Con todo, só un animal do total do censo da explotación presentaba sintomatoloxía compatible con esta enfermidade. Así, os servizos veterinarios oficiais procederon de inmediato á toma de mostras do animal sospeitoso, que foi confirmado como positivo a dita enfermidade polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete, en Madrid.

Desde a Xunta lembran que a EHE é unha enfermidade infecciosa, mais non contaxiosa, producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero Culicoides,spp. Daquela, esta enfermidade aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. O período de posible afectación dos animais aproximadamente vai de abril a decembro. Nos meses de inverno, cando o mosquito non circula no ambiente, non existe posibilidade de infección nos animais.

A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles. Ademais, cómpre aclarar que esta doenza non afecta ás persoas, nin pola picadura do mosquito transmisor nin por contacto con animais infectados nin polo consumo de produtos procedentes do gando afectado.

Afectación ao gando

Así mesmo, cabe salientar que a EHE afecta especialmente a ruminantes silvestres, fundamentalmente cervos, corzos e gamos. Sobre a cabana gandeira só afecta ao gando bovino coa aparición de síntomas nalgúns animais. O gando ovino pode tamén infectarse pero non aparece sintomatoloxía, mentres que o gando cabrún non é sensible a esta enfermidade.

En canto aos estudos preliminares realizados en España, nas comunidades autónomas afectadas este ano por EHE presentan un dato de morbilidade media (número de animais que presentan síntomas respecto ao total do rabaño) do 7,53% e unha mortalidade media nos animais afectados inferior ao 1% (0,51%).

No gando vacún pode presentarse clínica moderada, con febre, perda de apetito, edema facial, secreción ocular e/ou nasal, salivación, dificultade respiratoria, eritema ou descamación en boca e nariz, coxeira ou eritema do ubre, síntomas que normalmente desaparecen en aproximadamente dúas semanas. En canto ao gando ovino e cabrún, non hai constancia de enfermidade clínica nos animais.

Ademais, cómpre sinalar que non existe vacina nin tratamento curativo específico fronte ao virus da EHE. Por iso, as medidas preventivas posibles a tomar respecto a esta enfermidade van encamiñadas a evitar o contacto dos animais co mosquito vector, en concreto:

-Evitar a existencia de posibles zonas de cría do mosquito transmisor nas explotacións, fundamentalmente zonas con materia orgánica húmida ou lama, zonas de elección para a cría para estes mosquitos.

-Utilizar preventivamente desinfectantes ou repelentes nas instalacións, nos medios de transporte ou nos animais, nos casos que se considere oportuno.

-No caso de detectar animais con sintomatoloxía compatible coa enfermidade, tanto bovinos como cérvidos silvestres, debe comunicarse esta circunstancia de xeito inmediato aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información