Preocupación no sector gandeiro pola chegada a Galicia da Enfermidade Hemorráxica Epizóotica

As organizacións agrarias piden apoios para cubrir perdas e programas de tratamento e desinsectación trala aparición dos dous primeiros positivos, na Capela e Abegondo (A Coruña)

Preocupación no sector gandeiro pola chegada a Galicia da Enfermidade Hemorráxica Epizóotica

Os dous primeiros positivos en Galicia pola Enfermidade Hemorráxica Epizóotica (EHE) foron confirmados onte polas Administracións, con senllos casos na Capela e en Abegondo (A Coruña). Desde as organizacións agrarias piden medidas inmediatas para abordar as perdas que sufrirán as explotacións, así como os gastos de tratamentos e desinsectación. Desde o Sindicato Labrego Galego piden que Agroseguro inclúa tanto a língua azul como a EHE nas súas pólizas.

Por parte de Unións Agrarias e da Fruga solicítase que a Xunta compense ás ganderías polas perdas, os tratamentos dos animais afectados e polos gastos de desinsectación. O Sindicato Labrego ademais dá como seguras novas notificacións de positivos nos próximos días, que estarían á espera da confirmación do Laboratorio de Algete (Madrid), e pide unha actuación decidida da Xunta para encarar o problema.

A EHE trátase dunha enfermidade que afecta ó gando vacún e que en xeral, presenta uns síntomas clínicos moderados, percibíndose por algunhas das seguintes incidencias: febre, perda de apetito, edema facial, secreción ocular e/ou nasal, salivación, dificultade respiratoria, eritema ou descamación en boca e nariz, coxeira ou eritema da ubre. Son síntomas que normalmente desaparecen en aproximadamente dúas semanas. En canto ao gando ovino e cabrún, non hai constancia de enfermidade clínica nos animais.

A mortalidade nas granxas afectadas está por debaixo do 1% sobre o total do rabaño, en tanto os síntomas prodúcense nun 7,56% do rabaño, de media. Neste senso, cómpre sinalar que a EHE é unha enfermidade infecciosa pero non contaxiosa, producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero Culicoides,spp.

Dada a vía de transmisión, esta enfermidade aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. Polo tanto, existe un período de posible afectación dos animais (aproximadamente de abril a decembro) e outro, nos meses de inverno, nos que ao no existir circulación do vector, non existe posibilidade de infección nos animais.

A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles. Ademais, cómpre aclarar que esta doenza non afecta ás persoas, nin pola picadura do mosquito transmisor, nin por contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal (carne, leite…) destes animais.

Desinsectación e movementos do gando
Ao non existir nin vacina nin tratamentos específicos curativos, a principal medida a tomar é preventiva, coa desinsectación das instalacións. Estes son os insecticidas autorizados para uso gandeiro.

No caso de detectar animais con sintomatoloxía compatible coa enfermidade, debe comunicarse esta circunstancia de xeito inmediato aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural.

Por outra banda, os movementos de animais de Galicia cara ó resto de Europa con destino vida quedan prohibidos, se ben sí poderían saír animais dirixidos ó sacrificio. Mantense a circulación normal cara o resto de España de exemplares para vida e para sacrificio, así como para as zonas de Portugal afectadas pola EHE, país co que hai un acordo en tal sentido. Así quedan os movementos de gando.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información