Proxecto Biomasa CAP, aproveitar o potencial da biomasa non valorizada como fonte de enerxía

O proxecto Biomasa CAP finaliza a súa execución despois de nove meses de traballo, para fomentar o uso da biomasa non valorizada

Proxecto Biomasa CAP, aproveitar o potencial da biomasa non valorizada como fonte de enerxía

Os socios do proxecto Biomasa CAP veñen de presentar as conclusións de nove meses de traballo do proxecto, que tiña por obxectivo o fomento, divulgación, e a difusión da biomasa non valorizada de alto potencial como novo recurso enerxético en Galicia e no norte de Portugal.

O director xeral do Centro Tecnolóxico EnergyLab, Fernando Val López, inaugurou a xornada de conclusións resaltando que a biomasa xoga un papel importante nesta transición enerxética, debido ao seu menor impacto ambiental e á súa contribución na mellora da competitividade, o emprego e o desenvolvemento rexional.

A continuación, Yarima Torreiro Villarino, investigadora de EnergyLab, presentou as actividades realizadas, entre elas xornadas demostrativas de recollida de poda e de aplicación industrial, encontros da Rede Transfronteiriza, talleres de ideas de proxectos de I+D, cursos de formación e xornadas divulgativas en colexios da rexión transfronteiriza.

Máis tarde, João Domingues, Xestor de Programas Europeos e Innovación de FEUGA, mostrou as principais conclusións derivadas dos eventos, nos que se destacaron as barreiras e oportunidades na valorización da biomasa na Eurorrexión.

Unha vez finalizada esta intervención, João encargouse de dinamizar unha mesa de debate con todos os socios do proxecto, que pechou a xornada, na que se presentaron dúas novas ideas de proxecto de I+D, froito dos dous talleres de ideas que se realizaron en Biomasa CAP. Nesta mesa participou David Patiño, profesor do Departamento de enxeñería mecánica, máquinas e motores térmicos e fluídos da Universidade de Vigo; Ricardo Barbosa, técnico superior coordinador do INEGI (Instituto de Ciência e Inovação em Engenharia Mecânica e Engenharia Industrial); Duarte Alves, docente do IPVC (Instituto Politécnico de Viana do Castelo), Manuel Izquierdo, xefe da unidade técnica de eficiencia enerxética do INEGA (Axencia Instituto Enerxético de Galicia), ademais de Yarima Torreiro, do centro tecnolóxico EnergyLab.

Todas as accións desenvolvidas dentro de Biomasa CAP pretenden promover a mellora da competitividade do tecido produtivo na zona transfronteiriza, xerando oportunidades para a creación de riqueza e emprego no ámbito rural, dado que é nestes territorios onde se atopan as explotacións agroforestais, xeradoras de biomasas non valorizadas.

Con Biomasa CAP respondeuse ao reto de fomentar o aproveitamento dos recursos naturais dos que dispón Galicia e o Norte de Portugal, que presentan un gran potencial na xeración de enerxías renovables, en especial, da biomasa como recurso endóxeno. Ademais, ao fomentar unha economía verde e a xeración de coñecemento, respóndese tamén aos retos establecidos na Unión Europea en canto á necesidade de fomentar un crecemento intelixente, sostible e integrador, que contribúa ao logro dunha maior cohesión económica, social e territorial.

Sobre Biomasa CAP

O proxecto Biomasa CAP: Capitalización das capacidades de I+D no uso enerxético da biomasa non valorizada de alto potencial”, tiña como obxectivo potenciar a visibilidade e a percepción da biomasa non valorizada pero de alto potencial, como un recurso estratéxico para un crecemento e desenvolvemento económico, tecnolóxico, social e ambiental sostible no territorio transfronteirizo Galicia – Norte de Portugal.

Biomasa CAP está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014 – 2020, que apoia a cooperación na liña transfronteiriza entre ambos os países para avanzar na mellora da calidade de vida dos habitantes do Espazo de Cooperación, financiando proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

O proxecto está liderado polo Centro Tecnolóxico EnergyLab, e conta con cinco dos socios do proxecto anterior, a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), o Grupo de Tecnoloxía Enerxética da Universidade de Vigo, a Axencia Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), o Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC), e o Instituto de Ciência e Innovação em Engenharia Mecânica e Engenharia Industrial (INEGI).

Máis información e resultados do proxecto en: https://biomasa-ap.com/

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información