Clonación in vitro das árbores con mellores calidades de madeira para toneis e chapa

O laboratorio de Biotecnoloxía Vexetal Cultigar busca a mellor xenética de dúas frondosas galegas, o carballo e o bidueiro, que permitan destinar a súa madeira para usos toneleiro e de chapa

Clonación in vitro das árbores con mellores calidades de madeira para toneis e chapa

Xornada en Oleiros sobre as frondosas caducifolias.

O bidueiro e o carballo son dúas árbores con gran potencial de aproveitamento. Iso é o que defendeu a directora técnica do laboratorio de Biotecnoloxía Vexetal Cultigar (Brión), Marga Fraga, nunha recente xornada celebrada en Oleiros (A Coruña) sobre as posibilidades que ofrecen as frondosas en Galicia. Así mesmo, falou sobre o Plan de Valorización das Masas da Madeira de Frondosas Autóctonas e tamén expuxo os resultados que están a obter nas investigacións que levan a cabo en Cultigar. A firma implantou hortos sementeiros de clons, coma un ubicado en Oleiros. Así mesmo, investigaron sobre a calidade das madeiras do carballo e do bidueiro para destinalas a uso toneleiro e chapa, respectivamente.

Marga Fraga sinalu que no caso do castiñeiro e da cerdeira xa houbo programas de selección dende hai anos, porén no caso do carballo e do bidueiro non se traballou neste sentido. Destas dúas últimas especies, nunha primeira parte do traballo o que fixeron en Cultigar foi seleccionar árbores elite de diferentes lugares de Galicia. Foron escolleitos en función dunha serie de parámetros como a altura, diámetro ou a ramificación.

Os carballos escolléronos dentro duns rodais selectos de Galicia (Paderne de Allariz, Castroverde, Vilalba e Becerreá). Dentro deses catro rodais, seleccionáronse sementes das árbores individuais por trepa e plantáronse nun viveiro, logo repartíronse en catro rexións climáticas de Galicia (Lourizán, Santa Comba, Chantada e Trasmiras). En total, foron 20 as árbores seleccionadas.

No caso do bidueiro fíxose un traballo similar, pero “do bidueiro non contabamos con rodais selectos, entón tivemos que recoller os mellores exemplares da Terra Cha Lucense”. Seleccionaron 59 árbores elite, das que colleron sementes para plantalas en viveiro e finalmente leváronse a unha parcela á Terra Cha e outra a Cea (Ourense), que xa ardeu.

“Co traballo do carballo, xa observamos que a proxenie está medrando, pero aínda son árbores novas. No caso do bidueiro, como o proxecto se empezou hai 32 anos, agora temos árbores maduras, polo que ofrecen a posibilidade de continuar co estudo e poder avaliar as súas características morfolóxicas”, indica Marga.

O carballo para uso toneleiro e o bidueiro para chapa

Plantacións de carballo e bidueiro coas que traballan en Cultigar

Plantacións de carballo e bidueiro coas que traballan en Cultigar

As árbores de carballo coas que traballan teñen uns seis anos, entón as súas características forestais “pódense intuír pero non observar, porque non están totalmente desenvoltas”. Aínda así, apunta que fixeron unha selección e hai exemplares que mostran un maior crecemento que os outros. Marga indica que poderían estudar a calidade da madeira, “pero son árbores delgadas, con troncos estreitos, e a calidade da madeira mídese recollendo cilindros transversais do tronco e labra da madeira”. Por iso, o que están a facer é recoller esas mostras nas árbores nais das proxenies.

Un dos logros que xa alcanzaron foi correlacionar os contidos químicos da madeira cos das pólas. Isto podería permitir avanzar na selección de árbores novas: “Se chegamos a demostrar esta correlación, poderiamos estudar a calidade da madeira nas árbores novas e así facer unha primeira selección con este parámetro e non só por caracteres fenotípicos”, sinala. Para facer este estudo, contaron coa colaboración do Centro Tecnolóxico Forestal e da Madeira de Asturias.

Analizan as diferenzas entre as árbores de bidueiro e escollen as mellores para empregalas na chapa

En madeira cortada, contido químico e calidades pódense examinar con tecnoloxía infravermella. “Desta maneira, cando temos madeira cortada nos serradoiros, coa tecnoloxía NIR poderíase facer esta observación e seleccionar a madeira coa composición química que tecnicamente necesitamos para toneis”, puntualiza.

No caso do bidueiro, como xa contan con parcelas de árbores con 32 anos, xa puideron realizar unha caracterización máis precisa. Recolleron todos os datos necesarios en Lourizán e realizaron unha estatística na que ven as diferenzas que existen, para así facer unha selección das mellores para o seu uso para chapa. Aínda así, fáltalles por engadir a densidade, “que é un factor que queremos analizar”.

Multiplicación in vitro das árbores
Marga apunta que se deberían estudar máis características para outros usos, “pero para iso pedimos a colaboración do sector finalista da industria da madeira”. Agora atópanse nun proceso de análise da madeira que extraerán das claras xenéticas que van facer: “As claras son necesarias para facer unha boa xestión do monte e que mellore a luz, así mellorará o seu desenvolvemento”.

Unha vez que teñan seleccionadas as árbores coas que van traballar, que teñen as características fenotípicas ou a calidade de madeira que lles interesa, “multiplicamos in vitro por multiplicación vexetativa. Así conseguimos reproducir cada unha das árbores seleccionadas e logo levámolas a campo”. De 500 xenotipos de carballo que introduciron in vitro teñen 64 en cultivo, e deses, 50 conseguíronse enraizar e pódense transferir a viveiro.

Árbores multiplicados que xa foron levados ao viveiro de Oleiros

Árbores multiplicados que xa foron levados ao viveiro de Oleiros

Os bos exemplares non teñen brotes basais, por iso tiveron que forzalos para iniciar o cultivo in vitro

No caso do bidueiro, están á espera dos datos de densidade para xuntar todo e poder seleccionar cales son os mellores exemplares. Mentres tanto fixeron ensaios de multiplicación in vitro de exemplares adultos. Conseguiron un enraizamento das árbores adultas, pero tiveron que empregar brotes basais das árbores ou unicórmicos. Os mellores exemplares non teñen estes brotes, por iso tiveron que facer un anillamento basal e incisións enriba dos brotes para conseguir forzar eses brotes epicórmicos e partir deses materiais para iniciar o cultivo in vitro.

Todas estas árbores, tanto bidueiro coma carballo, que se están producindo destínanse a hortos sementeiros clonais, como o que xa se instalou no viveiro de Santa Cruz. “Iso é unha aproximación do que podería ser un horto, pero temos pensado facer outro con todos estes xenotipos”, indica a directora técnica de Cultigar.

Agora contan con 171 carballos de 24 xenotipos e o ideal sería buscar unha base xenética máis ampla. Tamén está prevista unha caracterización destas árbores porque a maioría dos carballos seleccionados nas parcelas proveñen dun mesmo rodal selecto “co cal estarán emparentados entre si. Temos que investigar ese grao de parentesco para proporcionar a maior biodiversidade posible a hora de transferilos ao campo”, conclúe Marga.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información