Os representantes das cooperativas do sector lácteo de AGACA avaliaron todas as xestións realizadas pola Asociación e os debates desenvoltos nas diferentes reunións celebradas no Ministerio de Agricultura e na Consellería do Medio Rural e do Mar. Asimesmo acordaron apoiar a manifestación convocada para este venres en Santiago pola Pltaforma en Defensa do Sector Lácteo Galego.
As cooperativas lácteas manifestan que o Paquete Lácteo non logrou dar estabilidade nin reforzar ao sector, que se enfronta a unha moi difícil situación dos mercados lácteos internacionais, con escasas compras de derivados do leite por parte de China e con aumentos de produción nos principais países produtores.
Así mesmo, constatan que hai unha excesiva atomización da oferta, o que en determinados momentos do ciclo económico deixa ao descuberto as carencias do Paquete Lácteo, que non consegue frear o cese de recollida de produto que afecta a decenas de granxas nin deter o descenso dos prezos.
Unha industria láctea galega con escaso valor engadido
Os representantes das cooperativas lamentan o escaso valor engadido que xera a industria láctea, que concentra na comercialización de leite líquido o 60% do leite producido en España, sendo incapaz de desprazar os produtos importados (especialmente queixos) e de abordar a exportación de derivados lácteos en momentos de excedentes como os actuais.
AGACA ten constancia de que varias cooperativas lácteas deben comercializar cisternas de leite por debaixo dos 20 céntimos/litro. Moitas destas cisternas, que agora non se transforman, eran recollidas anterioridade por industrias transformadoras para a elaboración de produtos de calidade.
Neste contexto, e ante a gran concentración da distribución, que usa o leite como impulsor de vendas, os representantes das cooperativas lácteas din sentirse impotentes e sen capacidade de manobra.