Ourense mantén viva a chama das protestas de agricultores e gandeiros en Galicia. Os produtores chegados á capital ourensá desde Maceda, Montederramo, Allariz ou a Limia pasarán cos seus tractores a segunda noite na cidade das Burgas á espera de poder reunirse este xoves co director provincial do FOGGA, o organismo público da Xunta encargado da tramitación das axudas europeas da PAC.
Uns 80 tractores e máis dun cento de persoas estiveron concentrados este mércores durante todo o día primeiro no centro da cidade, onde entregaron na Subdelegación do Goberno o manifesto coas súas demandas, e pola tarde nos polígonos industriais de San Cibrao das Viñas e do Pereiro de Aguiar, para pasar logo pola Cidade do Transporte antes de voltar ao centro da cidade, onde agardarán até mañá. Trala reunión este xoves no FOGGA, prevista para as 11:30 horas, teñen previsto levantar a protesta.
Os concentrados teñen previsto levantar a protesta este xoves pola mañá trala reunión no FOGGA
Marcos Quintas, da SAT Torneiros de Allariz, unha granxa de leite en ecolóxico que transforma e vende os seus produtos baixo a marca Ecoleia, é un dos gandeiros concentrados desde este martes en Ourense “para que a sociedade visualice que somos necesarios para que todo funcione”, di.
A diferenza do que acontece noutros puntos de España, en Ourense non cortaron a autovía e están a tratar de causar os menos problemas posibles porque defenden que a súa é “unha manifestación pacífica que non quere facer dano á cidadanía” para convertela en aliada nas súas reclamacións.
Malia a disparidade de sectores presentes, desde gandeiros de vacún de carne a produtores de cereal ou pataca, todos teñen un obxectivo común: “estamos loitando para que permaneza vivo o rural”, din. “Non pedimos cuestións concretas que nos beneficien de xeito individual, pedimos medidas xerais para todos”, defenden.
Apertura dun diálogo ao máis alto nivel
A Asociación Galega de Cooperativas (AGACA) solidarízase coas manifestacións e tractoradas dos produtores, que mostran “a situación de insostibilidade presente e futura que vai levarse por diante ao sector agrícola e gandeiro”, afirma.
“As actuais mobilizacións son o resultado da absoluta frustración dunha gran parte do sector e da falta de diálogo. Nin a Comisión Europea, nin o Ministerio de Transición Ecolóxica recibiron aos representantes do sector agrario nos últimos 5 anos, nin debateron o cambio dun modelo produtivo complexo que debe ser aplicado polos agricultores e gandeiros. Limitáronse a poñer uns obxectivos ambiciosos, sen estudos de impacto e sen coñecemento da realidade produtiva nin dos mercados, sen evidencia científica, sen propoñer os medios necesarios para conseguilos e sen establecer un ritmo de progresión coherente e factible”, argumentan as cooperativas galegas.
A entrada en vigor de normas absurdas acelera o abandono da produción e do medio agrario
Por iso AGACA esixe “un diálogo inmediato ao máis alto nivel, na UE e en España, para abordar de maneira coherente e con tempo, o cambio de modelo produtivo”. “A nova PAC, con menos presuposto e axudas, esixe a adopción de medidas medioambientais, de benestar animal e unha burocracia inabordable que os produtores non poden implantar a curto prazo”, argumenta.
Para as cooperativas galegas, existe unha clara incoherencia entre os estritos requisitos esixidos a toda a produción europea fronte ás importacións de terceiros países que provocan unha desigualdade competitiva. “A agricultura e a gandería son o motor da UE, ningunha solución pasará por destruílas, senón por reforzalas e dar o valor que se merece á produción de alimentos europeos”, conclúen.
Os tractores chegan ao centro de Barcelona
Centos de tractores chegados desde as principais comarcas agrícolas e gandeiras de Cataluña confluíron este mércores na capital catalana, onde colapsaron as arterias principais, como as avenidas Meridiana e Diagonal, até chegar ao centro de Barcelona.
O grupo máis numeroso procedía de Lleida e mantivo cortada durante toda a noite a autovía A-2. Ao amencer arrincaron a súa marcha cara a capital catalana, ao igual que outros grupos de tractores procedentes de Vic, Girona ou Tarragona.
Ao chegar á cidade condal efectuaron paradas diante da Comisión Europea e o departamento de Acción polo Clima da Generalitat, antes de reunirse co presidente catalán, Pere Aragonés. Suman ás reclamacións dirixidas á UE (flexibilización da nova PAC, redución da burocracia e rebaixa das normativas ambientais) a solicitude do pago de axudas pola seca acusada que sofre Cataluña desde hai máis dun ano.
As marchas están apoiadas polo sindicato Unió de Pagesos, maioritario en Cataluña e integrado a nivel estatal en Unión de Uniones, que ten convocada unha manifestación en Madrid o día 21 de febreiro.
Peche do porto de Castellón
Noutras comunidades as protestas de agricultores e gandeiros continuaron tamén este mércores, con cortes de estradas e bloqueos de infraestruturas como por exemplo o porto de Castellón, que estivo pechado boa parte da mañá até que a Policía desaloxou aos manifestantes, que denuncian a entrada de froitas e verduras de terceiros países con menores esixencias en materia de produtos fitosanitarios e esixen controis máis estritos.
Os medios de comunicación ligan á plataforma 6F, que trata de aglutinar as protestas, co partido de extrema dereita Vox
Houbo tamén protestas en Castela-A Mancha, Estremadura ou Navarra, un día antes de que os sindicatos agrarios maioritarios (Asaja, COAG e UPA) inicien este xoves o seu calendario de mobilizacións a nivel estatal. A plataforma que está tratando de aglutinar as protestas alternativas ás das organizacións agrarias, denominada plataforma 6F, está a ser sinalada nos medios de comunicación pola vinculación da súa portavoz, Lola Galán, co partido de extrema dereita Vox e coas protestas desenvolvidas en Ferraz durante a investidura do Goberno estatal. Desde a axencia Efe informan tamén de que hackers rusos iniciaron ataques contra institucións públicas españolas, en comunidades como País Vasco ou Murcia, “en solidariedade cos agricultores”.
Aprazamento do acordo con Mercosur
Mentres, a nivel europeo, o Executivo comunitario segue movéndose ao ritmo marcado polas protestas. Se este martes a presidenta da Comisión Europea, Úrsula Von der Leyen, anunciaba a decisión de paralizar a aprobación da nova Lei sobre Uso Sostible de Pesticidas, coa que Bruxelas pretendía reducir un 50% o uso de produtos fitosanitarios na UE en 2030, ao igual que a semana pasada ofrecía tamén unha moratoria á obriga de deixar sen cultivar un 4% das terras na PAC, este mércores o vicepresidente executivo da Comisión Europea e responsable do Pacto Verde Europeo, Maros Sefcovic, alonxaba a posibilidade dun pacto arancelario cos países do Mercosur a curto prazo.
O Tratado de Libre Comercio cos países suramericanos divide a Francia e Alemaña
Asegurou que non se cumpren as condicións neste momento para a sinatura do acordo comercial con Brasil, Arxentina, Uruguai e Paraguai, no que semella outra cesión ante as protestas dos agricultores e gandeiros que se estenden por Europa e que esixen a paralización do acordo.
Pero esta decisión non é unánime dentro dos Estados membros. Países como Alemaña defenden a ratificación do Tratado de Libre Comercio con Mercosur mentres o Goberno francés se comprometeu cos agricultores e gandeiros galos a rexeitalo no seo das institucións europeas.
As negociacións cos países suramericanos continúan, co foco posto nas esixencias da UE en materia de deforestación e loita contra o cambio climático.
As maiores axudas no que vai de século
Pola súa banda, o ministro de Agricultura, Luis Planas, subliñou este mércores no Congreso dos Deputados que o Goberno español “escoita e comprende” aos agricultores e gandeiros e detallou que as medidas postas en marcha para dar solución aos seus problemas supoñen “o maior apoio ao sector neste século”.
O ministro lembrou as axudas para facer fronte ás dificultades derivadas da seca e a guerra de Ucraína nos dous últimos anos por un valor superior aos 4.000 millóns de euros, dos que 1.400 son axudas directas.
A decisión da Comisión Europea de retirar o Regulamento sobre produtos fitosanitarios é intelixente e oportuna, valora o Ministerio
Planas recoñeceu ademais as dificultades do momento e o reto que supón a transición ecolóxica, e apelou ao diálogo e cooperación entre a Comisión Europea, o Goberno e as comunidades autónomas para conseguir os obxectivos. “As liñas deste Goberno son o diálogo, o traballo e o compromiso para solucionar os problemas”, sinalou.
Por último, o ministro considerou “intelixente e oportuna” a decisión anunciada este martes pola presidenta da Comisión Europea, Úrsula Von der Leyen, de retirar o Regulamento sobre produtos fitosanitarios que foi rexeitado polo Parlamento europeo, para abrir un proceso de diálogo no que se teña en conta a opinión dos agricultores, pero precisou que o obxectivo de redución á metade dos elementos máis nocivos está aí e debe ser o gran reto.
Tractoradas galegas contra a burocracia e o endurecemento de normas ambientais no agro