As claves do éxito de Galicia na loita contra a IBR bovina

O investigador e experto Ignacio Arnaiz Seco ofrece algunhas claves para comprender as infeccións de IBR e as medidas de control da enfermidade que se están a levar a cabo nos últimos anos tanto dende a Administración autonómica como a nivel nacional

As claves do éxito de Galicia na loita contra a IBR bovina

A Rinotraqueíte Infecciosa Bovina (IBR) é unha enfermidade vírica que Galicia leva máis de 30 anos esforzándose por ter baixo control ou chegar a erradicar das ganderías. Nos últimos anos tamén se puxo en marcha un programa nacional co mesmo obxectivo, polo que nestes momentos están a convivir os dous, sen ser obrigatorios os controis, aínda que se agarda que isto cambie a curto prazo.

As propias características da enfermidade fan que poida pasar desapercibida na granxa durante algún tempo, pero deixar abrochos que provoquen consecuencias no benestar dos animais e na rendibilidade da gandería. “Unha das principais características deste virus é que pode permanecer latente no organismo sen detectarse ningún síntoma, ata que se reactiva por unha baixada de defensas do animal”, explicou Ignacio Arnaiz Seco, veterinario da Consellería de Medio Rural, durante a súa participación na xornada divulgativa organizada pola ADS Vacasán, na sede da Cooperativa agrogandeira AIRA en Chantada.

Instante da xornada impartida nas instalacións de AIRA e organizada pola ADS Vacasán.

Instante da xornada impartida nas instalacións de AIRA e organizada pola ADS Vacasán.

É unha patoloxía que adoita provocar afeccións respiratorias, pero tamén pode presentarse nos órganos reprodutivos, afectar ó sistema nervioso ou mesmo pode haber animais que sexan asintomáticos pese a ser portadores. Durante moito tempo foi coñecida popularmente como a enfermidade do nariz encarnado, xa que era un síntoma común que agora xa practicamente non se produce nos abrochos de IBR.

O IBR pode permanecer latente no organismo do animal, sen síntomas, ata que nunha baixada das defensas da vaca se produza un abrocho

Trátase ademais dun virus que se propaga polo aire, polo que é moi difícil evitar o contaxio entre animais na granxa. Por iso é fundamental facer un control dos novos animais que entran na granxa para evitar que poidan vir contaxiados e infectar ó resto do gando.

Por que un programa de control?

Arnaiz Seco incide na importancia que ten realizar un seguimento da enfermidade e das vantaxes que proporciona dispoñer dun programa de control da incidencia. Como calquera infección dos animais, a IBR ten efectos directos na saúde dos animais. Entre os máis destacados atópanse as pneumonías e os abortos, pero ademais produce perdas na produción e no benestar do animal.

Á marxe das razóns sanitarias, o IBR provoca o incremento do gasto en tratamentos. Ademais, pese a que os animais non teñan síntomas, non dispoñer de certificados que acrediten estar libre de IBR tamén lastra a comercialización dos animais. “As rexións libres de IBR poden solicitar garantías adicionais no movemento do gando. Igualmente, nas zonas onde existe un programa aprobado polas autoridades comunitarias pódense pedir garantías adicionais”, indica Arnaiz.

O control en Galicia

En Galicia, o control da IBR iniciouse no 2004 por medio das Agrupacións de Defensa Sanitaria (ADS), para o que levaron a cabo unha monitorización dos rabaños, que lles permitise detectar cedo os abrochos. Para iso fanse tanto analíticas anuais nos animais como analíticas trimestrais do leite no tanque.

Ademais, para conseguir diminuír progresivamente a positividade dos rabaños optaron por tres vías. A primeira delas céntrase en reducir as novas infeccións, para o que fomentaron a bioseguridade na granxa, con medidas como a vacinación voluntaria. Tamén resulta fundamental o control das entradas de novos animais na granxa, polo que se fan analíticas sobre IBR ós novos animais que van incorporarse á granxa.

Outra das estratexias seguidas en Galicia para reducir a incidencia de IBR nas ganderías foi a prohibición da utilización das vacinas non marcadoras, é dicir as vacinas tradicionais, xa dende o 2007. O uso das vacinas convencionais estaba a dificultar identificar aqueles animais que tiñan anticorpos de IBR por teren sido vacinados, así todo animal positivo en IBR considérase posible portador latente. Mentres, as vacinas marcadas amosan que ese animal ten anticorpos a través da vacina, pero non supón un risco para a gandería, xa que a enfermidade non está latente.

En Galicia, a incidencia da IBR nas ganderías adheridas á ADS pasou de máis do 25,5% dos animais no 2004, cando comezaron a facerse os controis a reducirse a un 3,5% dos exemplares no 2020. En canto ás granxas, pasouse de supoñer máis do 57% a quedar un 17 % con animais infectados. Tal e como sinala Arnaiz, as ADS foron claves para este control.

Incidencia de IBR en granxas

Incidencia de IBR en animais en ADS

Evolución da incidencia da IBR nas granxas adheridas a ADS e a porcentaxe de animais afectados. En vermello a taxa de granxas e animais infectados por IBR e en azul  porcentaxe de granxas e animais vacinados con vacinas tradicionais.

Abonda con comparar os datos de animais e granxas afectadas por IBR adheridas ou non ás ADS para comprobalo. Así, nas ganderías de carne da Coruña, a taxa de IBR por gandería sitúase case nun 25% fóra da ADS, mentres que se reduce a case un 13% nas supervisadas pola ADS. A situación é moi parella no que a gando de leite se refire, pasando dunha incidencia de IBR do 50,7% nas granxas que non están na ADS a reducirse a un 24,5% nas que contan con este servizo.

IBR en ganderias de carne A Coruña

Diferenzas entre o programa de control galego e o nacional

Coa entrada en vigor do novo programa estatal de control de IBR nestes momentos conviven os dous sistemas. Ata que o programa nacional de prevención de IBR se faga obrigatorio, en Galicia van convivir os dous modelos de control. Barállase que o programa nacional se volva obrigatorio no 2024 como indican dende o Ministerio de Agricultura coa intención de que as ganderías compitan en igualdade de condicións co resto dos socios europeos e dado que as exportacións e os movementos intracomunitario está demandando estas garantías. 

Ata que o programa nacional de prevención de IBR se faga obrigatorio, en Galicia van convivir os dous sistemas

Pese a buscar o mesmo obxectivo: erradicar a presenza da enfermidade, atópanse algunhas diferenzas entre o programa nacional e o galego á hora de clasificar as ganderías en base á incidencia detectada. Ademais, mentres que no programa estatal é obrigatoria a vacina marcada, no programa galego esta vacinación é voluntaria.

Nas primeiras etapas de clasificación, aquelas que están fora do programa ou cunha presenza de animais infectados xa dende os primeiros meses, os dous programas coinciden. As diferenzas preséntanse nos niveis máis esixentes e que procuran confirmar que se erradicou a enfermidade nesa granxa así como no grao de vacinación, que será decisivo para acadar unha clasificación ou outra no modelo estatal e no galego.

Diferenzas entre o programa nacional e galego de control do IBR

Así, as granxas que vacinen con vacina marcadora nos últimos 12 meses dos niveis 1, 1- e 2 terán a mesma calificación nos dous programas. Mentres, as granxas que non vacinen no programa galego dos niveis 1,1- e 2 terán o nivel 0 no programa nacional.

Para acadar o nivel 3, as ganderías deberán estar vacinadas con vacina marcadora nos dous programas. E no caso do programa estatal, para lograr o nivel 4 non se pode vacinar nos últimos 24 meses.

“Para aquelas ganderías que xa estean nun nivel de control avanzado do IBR é bo que tamén se adhiran xa ó programa nacional. Aquelas ganderías que non estean nese punto o recomendable é seguir avanzando a través do programa de Galicia para que unha vez que o programa nacional se faga obrigatorio non resulte tan custoso incorporarse a el”, concreta o experto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información