A LXX Festa do Viño Albariño DO Rías Baixas arrincou este mércores coa apertura no Paseo da Calzada de Cambados (Pontevedra) de 42 casetas onde 44 adegas da denominación de orixe amosan as súas elaboracións ao público. A primeira xornada contou xa cunha gran afluencia de púbico, que agardan se manteña ata o domingo, cando rematan os actos. O Consello Regulador prevé distribuír ata o domingo 38.000 cataviños nestas casetas que permanecen abertas ata as 3 da madrugada.
O presidente do Consello Regulador Rías Baixas, Juan Gil de Araujo, asegurou durante o acto de inauguración “estar encantado e feliz de retomar a integridade dos actos”. Resaltou ademais “a perfecta e impoluta” colaboración co Concello de Cambados na organización desta cita. “Levamos moitos anos colaborando para engrandecer a Festa do Albariño de Cambados, que tamén é festa da DO Rías Baixas. Esperamos estar moitos anos máis celebrando as virtudes do viño Albariño”, apuntou.
Na inauguración participaron tamén o conselleiro de Medio Rural, José González Vázquez; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o alcalde de Cambados, Samuel Lago, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, entre outros.
O responsable autonómico de Medio Rural mostrou a súa satisfacción por volver reunirse no Paseo da Calzada e celebrar de maneira presencial esta festa. Destacou tamén que para a Xunta o viño é un produto que fai territorio, turismo e recalcou ademais a presenza internacional do viño Albariño Rías Baixas.
Inauguración do Túnel do Viño
A actividade no Paseo da Calzada, que se estenderá ata o domingo 5 de agosto, combinarase co XI Túnel do Viño Rías Baixas en Cambados, organizado polo Consello Regulador no Salón de Congresos e Exposicións José Pena, que constitúe un espazo profesional para coñecer máis sobre os viños da DO Rías Baixas.
O XI Túnel do Viño mostrará un total de 153 marcas pertencentes a 54 adegas da denominación. Cada un dos viños contará coa súa ficha de cata. Haberá listaxe das marcas participantes, a colleita… Dita información tamén se poderá descargar a través dun código QR. Ademais, as persoas asistentes contarán co asesoramento dun catador profesional.
O horario de apertura das instalacións do Túnel do Viño o xoves e venres será de 11:00 a 15:00 horas e de 17:30 a 21:30 horas, mentres que o sábado o horario será de 11:00 a 15:00 horas. As entradas poderanse comprar no propio Salón.
A inauguración oficial desta cita celébrase hoxe ás 12:15 horas e contará co presidente do Consello Regulador, Juan Gil de Araujo; o director de Agacal, José Luis Cabarcos, a deputada provincial, Ana Laura Iglesias; e as concelleiras de Igualdade e Turismo e Enoturismo do Concello de Cambados, Fátima Abal e María Cruz Leiro. Tamén estarán presentes a directora do Parador de Cambados, Meritxell Marcos; e o vogal do Consello Regulador, Antonio Crespo.