“Cada vez somos máis mulleres tanto en viticultura como en enoloxía”

Entrevista a Susana Gulín, responsable técnica de viticultura no grupo galego HGA Bodegas, con viñedos nas denominacións de orixe Rías Baixas e Ribeira Sacra, entre outras, e marcas recoñecidas como Altos de Torona e Regina Viarum.

Publicidade
“Cada vez somos máis mulleres tanto en viticultura como en enoloxía”

Susana Gulín é responsable técnica de viticultura no grupo galego HGA Bodegas, con viñedos nas denominacións de orixe Rías Baixas e Ribeira Sacra, entre outras, e marcas recoñecidas como Altos de Torona e Regina Viarum.

En colaboración coa cooperativa Delagro, falamos con ela sobre o seu traballo e sobre os retos aos que se enfranta a viticultura en Galicia, como son o cambio climático, a falta de man de obra e un marco regulatorio cada vez máis esixente.

-Como foron os teus inicios na viticultura ?
Comecei traballando na denominación de Orixe Ribeiro cunha beca da universidade fai 20 anos, actualizando o catastro de viñedo dos viticultores socios e proveedores da adega, identificando variedades, limitando as superficies…etc. Non foi tarea fácil dado o gran número de parcelas de viñedo de pequeño tamaño, distribuidas polas diferentes comarcas do Ribeiro.

– Que te atraeu do mundo da viticultura para enfocarte neste sector?
Cando comecei a adicarme xa de pleno no coidado do viñedo en campo, o coidado da cepa dende que se inicia a plantación ata que se recolle a primeira colleita é satisfactorio para calquera persoa viticultora.

-Cales foron os principais retos ós que te tiveches que enfrentar na túa carreira?
Polos inicios do ano 2000 iniciouse un proxecto de recuperación do potencial vitícola xuntando dereitos de viñedos que se estaban abandonando de viticultores que ían deixando a actividade dos viñedos menos productivos, menos accesibles ou complicados de traballar e xuntalos todos nunha única parcela. foi un reto, una forma de non perder esa superficie de viñedo na denominación. Foi algo novIdoso que ahora mesmo se está facendo de forma similar cos polígonos agrarios.

-Dende o teu punto de vista, hai un aumento do número de mulleres en postos de responsabilidade na viticultura galega?
Cando comecei a traballar no mundo da viticultura, había poucas mulleres en calquera posto da adega, comerciais, enólogas, viticultores ou postos de dirección, aínda que isto cambiou en poucos anos e é certo que cada vez somos máis mulleres tanto en viticultura, como en enoloxía.

-Dende cando formas parte de bodegas HGA?
Comecei no grupo HGA hai máis de catro anos, para min foi unha gran oportunidade de formar parte, xunto con todo o equipo de HGA, dos proxectos de crecemento en diferentes zonas de Galicia.

“Apostamos por fomentar a biodiversidade nos nosos viñedos, implantando cubertas vexetais, corredores verdes e caixas niños”

-En que consiste o teu traballo en HGA bodegas?
O meu traballo é o de facer de nexo común dos diferentes viñedos, coordinar, e planificar todo o traballo nos viñedos do grupo en todas as denominacións de orixe nas que posúe viñedos, co fin de obter a mellor calidade das uvas para a elaboración dos nosos viños Altos de Torona en Rías Baixas e Regina Viarum en Ribeira Sacra. Coordino tamén os proxectos de investigación nos que estamos traballando. Un deles é “GREENSOILVIN” e consiste na implantación de cubertas vexetais, entre ringleiras das plantas, co obxectivo de reducir a erosión, e por tanto a perda de chan e nutrintes, especialmente nas viñas en pendente. Outro obxectivo é o aumento da biodiversidade, con moita máis fauna auxiliar, tanto de insectos polinizadores, ademáis de emprego da cuberta vexetal como abono verde no momento que se desbroza e se incorpora ó solo.

-Descríbenos os viñedos nos que traballas…..
Viñedos Altos de Torona e Regina Viarum son as dúas adegas ás que pertencen os nosos viñedos, espallados por distintas zonas de Galicia. Viñedos Altos de Torona está dentro da denominación de orixe Rías Baixas con viñedos en tres subzonas (Ulla, Salnés e Rosal), aínda que contamos con viticultores que nos abastecen de uvas de todas as subzonas de Rías Baixas. Deste xeito producimos viños brancos con tipicidades diferentes segundo a zona e a variedade. Temos preto de 200 hectáreas de viñedo e a principal variedade cultivada é o Albariño e otras como o Godello, Loureiro e Caiño Blanco.

O viñedo ubicado no Rosal é un viñedo de máis de 20 anos disposto en empalizada, cun hábitat natural de máis de 91 especies de prantas e 71 de animais. O establecemento desta riqueza biolóxica enriquece a vide desde as súas raíces e favorece a obtención de viños únicos, integrados coa natureza. Na explotación existen tres corredores ecolóxicos plantados cunha gran variedade de especies arbóreas (bidueiros, freixos, cerdeiras, mirogueiros, sobreiras, carballos.) e temos instaladas caixas niño para morcegos e depredadores de couza do racimo. Estos corredores permiten asentar un gran número de especies e brindar acubillo na contorna do viñedo a insectos auxiliares que benefician o cultivo vide, sendo fauna auxiliar beneficiosa para combater pragas e xerando biodiversidade no medio. O uso de cubertas vexetais é necesario dada a disposición en pendente, evitando así a erosión e perda de solo.

O viñedo ubicado na subzona do Ulla, a subzona máis norteña da Denominación Rias Baixas, está ubicado nun terruño singular cunha contorna natural e paisaxistica única, son solos arxilosos e profundos con maior capacidade de retención de auga e nutrintes. Ten un clima que achega una maduración máis serodia e un perfecto equilibrio entre maduración e acidez. Son viños elegantes, con estrutura, xa que os ciclos de maduración son máis longos e conséguese unha maior carga de polifenois durante a maduración.

Regina Viarum é a adega situada na denominación de orixe Ribeira Sacra, en concreto na subzona de Amandi. Os nosos viñedos son un exemplo da chamada viticultura heroica xa que en boa parte deles o traballo faise a man, e as variedades principais son a Mencía e o Godello.

SUSANA GULIN VIÑA COSTEIRA DELAGRO 1

-Cales son as enfermidades máis problemáticas para os vosos  viñedos  e cómo as combatides?
O principal problema dos viñedos galegos son os fungos como o mildiu, o oídio, o black rot e a botrite, con maior ou menor incidencia segundo a zona. A afectación vai diminuíndo a medida que avanzamos cara á zona máis oriental de Galicia. Utilizamos unha plataforma web baseada en modelos matemáticos avanzados para a predición de enfermidades e que analiza diferentes datos meteorolóxicos, variedade cultivada, datos do solo e estados fenolóxicos…etc. Con toda esa información envíanos alertas en tempo real dos principais problemas do viñedo e infórmanos sobre a dinámica de protección. dos tratamentos aplicados. Trátase dunha ferramenta imprescindible para a xestión sostible dos viñedos, pois proporciónanos información útil para prever o risco asociado aos principais patóxenos do viñedo e tomar decisións racionais na xestión do cultivo.

 “Empregamos unha plataforma web para previr as enfermidades fúnxicas no viñedo. É unha ferramenta imprescindible para unha xestión sustentable do viñedo”

Os datos recollidos nesta plataforma web recóllense das estación instaladas en cada un dos viñedos cos sensores necesarios para a predición de enfermedades como son a temperatura, humidade foliar, precipitación, velocidade e dirección do vento, temperatura do solo, dous sensores de humidade de solo a diferentes profundidades para un control da humidade do solo.

A couza do acio tamén é un problema xa que fai buratos nos bagos e isto provoca podremia nos períodos próximos á maduración. Para combatelas utilizamos para o seu control a técnica da confusión sexual, baseada no uso de difusores de feromonas sintetizadas para confundir o macho e evitar o apareamento. A técnica de interrupción do apareamento para o control da couza do acio é unha estratexia de control biotecnolóxico altamente eficaz, reduce o uso de insecticidas e cumpre co sistema integrado de xestión de pragas, evitando así eliminar outras especies auxiliares que realizan o control biolóxico natural do viñedo e axudando a controlar as poboacións de couzas e outras pragas.

-Cómo afrontades os problemas relacionados coas enfermedades da madeira e que consellos darías para evitalas?
O ataque destes fungos, que levan anos presentes nas vides, produce unha alteración interna da madeira da vide, xa sexa necrose ou podremia seca, o que leva a unha diminución do desenvolvemento, menor vigor, que pode acabar coa morte do planta. Unha das principais vías de entrada na planta é a través de feridas de poda.

En Altos de Torona temos un protocolo para reducir a súa incidencia. Así, antes de recibir a planta para as novas plantacións, realizamos un control visual e físico, comprobamos que a zona de inserción do enxerto non está rota, realizamos un corte lonxitudinal e outro transversal para comprobar posibles necroses, analizamos a planta antes de plantar para comprobar que está libre de virus e incluso realizamos unha análise xenómica para verificar a variedade e o patrón. Se non é apta non a plantamos. A planta debe saír sa do viveiro, senón comprometerá o futuro dos viñedos. Unha vez plantadas, temos varias medidas preventivas como a desinfección das tesoiras de podar con agua oxigenada e o selado dos cortes de poda con esporas de Trichoderma, que son fungos antagónicos aos fungos que causan enfermidades da madeira.

-Cómo consideras que debe facerse un abonado correcto do viñedo?
A fertilización adecuada contribúe a asegurar unha nutrición correcta e equilibrada das plantas, e sempre debe facerse de forma razoada. Baseámonos na análise foliar, análise de solos que realizamos con frecuencia para facer un plan de fertilización razoado, estudiamos as imaxes satelitais para coñecer o índice de vigor dos viñedos, detectamos as carencias e aplicamos correccións só nas parcelas ou partes de parcelas que o precisen. A achega de nutrientes contribúe a compensar as perdas do viñedo derivadas das extraccións, como a vendima ou a poda.

-Cara onde cres que irá a fertilización en base ás novas regulacións?
A fertilización así como a aplicación de funxicidas está sendo cada vez máis controlada e regulada. Cada vez son máis as materiais activas sintéticas que se eliminan para cumprir os obxectivos de redución da Unión Europea, e isto lévanos cara a unha agricultura que promova a economía circular co obxectivo de reducir a dependencia de terceiros países. A nova normativa fomenta o uso de fertilizantes distintos dos empregados meramente para proporcionar nutrientes, como bioestimulantes que fan máis eficiente a absorción de nutrientes, tolerancia a diferentes tipos de estrés vexetal e mobilización de nutrientes do solo.

A fertilización do futuro é cada vez máis sostible, técnica e eficiente, e cada vez temos máis ferramentas para iso.

“Estudiamos as imaxes por satélite dos nosos viñedos para realizar unha fertilizacion racional”

-Cómo afecta a nova regulación de fitosanitarios á viticultura? Cómo vos estades a adaptar a eles?
Suporá un importante esforzo para os pequenos viticultores nesta materia pola obriga de cubrir o caderno electrónico dixital, que está previsto que se implante de forma progresiva a partir do 1 de xaneiro de 2024, para determinadas explotacións. Non obstante, no noso caso temos moito avanzado no que se refire ao compromiso co uso responsable dos fitosanitarios, fundamentalmente a través da aplicación da Xestión Integrada de Pragas dende o ano 2015.

Temos una ferramenta dixital que nos permite facer o caderno de campo no que se anotan ademáis todos os traballos realizados no viñedo durante a campaña, operarios, apeiros, materias auxiliares…etc. Desta forma temos un control da trazabilidade de todos os viñedos dende a plantación ata a entrega de uva na adega.

Ademáis, estamos implantando o control por GPS da flota de tractores, de forma que xeolocaliza a aplicación, axusta o caudal de caldo a aplicar según a velocidade de avance e detecta o mal funcionamento das boquillas.

 “Hai moita falta de man de obra especializada para traballar na viticultura”

-Ao longo da túa carreira, cales son os principais cambios que detectaches no sector no teu entorno?
A viticultura de precisión está cada vez máis estendida. A viticultura sostible é o obxetivo principal ao que nos temos que dirixir e pouco a pouco os viñedos ecolóxicos van gañando terreo tímidamente. Cada vez hai unha maior conciencia ambiental, cunha estreita relación cultivo-paisaxe-poboación.

Tampouco debemos perder de vista as condicións socioeconómicas. Se antes había problemas laborais, hoxe quizais sexa o problema máis importante. Non hai persoal disposto a traballar nos campos e, ademais, non hai man de obra especializada.

Un problema actual é o cambio climático ou no seu concepto máis amplo, o cambio global, un mercado global. Para superar os retos aos que se enfronta e se enfrontará o sector vitivinícola, haberá que plantexar cuestións moi relevantes como a pouca dispoñibilidade de auga, a problemática das terras agrícolas, a perda de biodiversidade ou a enerxía.

Outra cuestión moi importante é o uso das novas tecnoloxías como ferramenta para afrontar con máis eficiencia os retos do futuro. O problema é que a tecnoloxía por si mesma non é suficiente, xa que o sector ten que saber utilizala correctamente e é aí onde entra a educación e a formación aplicada ó viñedo, formación dende as universidades ou dende a FP-DUAL.

“A brotación e a floración estanse a adiantar en ata 11 días respecto a fai 50 anos”

-Precisamente, como estades a notar o efecto do cambio climático nas viñas?
O cambio climático, con vagas de calor cada vez máis intensas, está provocando desequilibrios entre a maduración alcohólica da uva (aumentos) e a fenólica (diminución de aromas e cor), menor acidez (custo de acidificación), reducindo a calidade dos viños. Obsérvanse desacoplamentos entre a madurez alcohólica e a fenólica. Isto obrigará á industria vitivinícola a realizar unha adaptación forzada para preservar a calidade e calidades do viño que bebemos na actualidade. As próximas décadas, quizais, traerán viños diferentes.

A brotación e a floración estanse a adiantar en ata 11 días respecto a fai 50 anos, os ciclos principais do viñedo [brotación, floración, cuajado, envero e vendima] son máis rápidos, esas fases son máis curtas. Todo sucede máis rápido, e esa velocidade produce cambios fenolóxicos na uva que afectan á súa calidade, aromas e cor.

En pouco tempo prodúcense chuvias máis concentradas e de gran volume, xunto con longos períodos de seca, o que dificulta o control das enfermidades do viñedo. As secas afectan a unha maior evapotranspiración da planta, as vides sudan e necesitan auga en momentos puntuais.

PROHIBIDO USAR ESTA IMAGEN EN NINGÚN SITIO EXPLÍCITO SIN PERMISO DEL AUTOR, PROHIBIDA SU VENTA, COPIA O REPRODUCCIÓN, COPYRIGHT. Interesados contactar con el autor Guillermo Sotelo, teléfono 609 929 588.

-Que cambios prevés na viticultura nos próximos dez anos?
A obtención de uva e viño requirirá cada vez máis coñecemento, capital científico e tecnolóxico de todo o proceso produtivo, dado que a viticultura tradicional non ten capacidade para afrontar as múltiples alteracións ambientais que se están producindo, ademais dos cambios lexislativos.

-Qué oportunidades cres que ofrece o novo panorama regulatorio?
Agora mesmo non hai suficientes profesionais para a transformación dixital que está a sufrir o campo. Precísanse técnicos capacitados para cubrir as necesidades de modernización dixital, sustentabilidade agraria, asesoramento ás explotacións…E coa realización dixital do caderno de campo, xurdirán aínda máis oportunidades dada a complexidade da súa realización.

Entrevista realizada coa colaboración de Delagro, cooperativa coa que colabora o grupo HGA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información