A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimenarias (AGACA) integra, xunto co Centro Tecnolóxico da Carne (CETECA) e a cooperativa Proligal, o Grupo Operativo del Olivar en Galicia OLIGALICIA, co obxectivo de mellorar a produción dos oliveirais galegos.
Para iso, elaborarase un mapa coas variantes de oliveira (autóctona e foránea) cultivadas en Galicia co fin de de caracterizar as súas particularidades produtivas e os seus custos de produción e, segundo a zona e o clima, elaborar plans de emenda e fertilización e identificar os sistemas de rega, de mantemento de solo e de control de pragas máis axeitados.
O proceso de traballo, que prevé finalizar en 2026, incluirá a toma de mostras de solo, oliveiras e auga, por parte de Proligal, que se analizarán nos laboratorios do CETECA. Os datos servirán para facilitar a redacción dos cadernos de campo das diversas variedades e para optimizar as tarefas agronómicas de fertilidade do solo e manexo das árbores que conduzan a una mellor produción. A Axencia Galega da Calidade Alimentaria colaborará na identificación das variedades máis aptas para seren implantadas nos campos experimentais. AGACA lidera o Grupo e ofrecerá o asesoramento técnico necesario.
O orzamento de OLIGALICIA é de 179.955€ e conta con axuda para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), financiada co Fondo Europeo Agrícola para o Desenvolvemento Rural (FEADER), o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Xunta de Galicia.