O concello lucense da Pobra do Brollón albergará un campo de ensaio de oliveiras

Publicidade
O concello lucense da Pobra do Brollón albergará un campo de ensaio de oliveiras

A Xunta impulsará a creación dun campo de ensaio de colección de ecotipos de oliveiras, fomentará a caracterización agronómica deste cultivo en Galicia e promoverá estudos comparativos sobre a súa produtividade. Farao dentro do proxecto “Impulso da oliveira en Galicia” que promove a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

Precisamente, o director desta Axencia, José Luis Cabarcos, asistiu onte na localidade luguesa da Pobra do Brollón á presentación desta iniciativa, dentro dunha xornada sectorial na que participaron artesáns, industrias, cooperativas e asociacións relacionadas co aceite na nosa comunidade. A presentación do proxecto sobre a oliveira correu a cargo do seu investigador principal, Manuel Riveiro, experto do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).

O obxectivo principal desta iniciativa é potenciar estas producións e avaliar a súa vantaxe competitiva. Para iso, trabállase nun campo de ensaio con ata 25 variedades de oliveira, entre elas 17 autóctonas, nas que salientan a mansa e a brava galegas. Trátase de avaliar as oportunidades que ofrece este produto, tanto dende o punto de vista da súa condición de elemento de calidade clave na alimentación como pola súa capacidade de xerar riqueza no territorio.

Así mesmo, búscase obter datos de produción media, precocidade, sensibilidade de pragas e enfermidades, entre outros, ademais de estudar os rendementos na produción de aceite, a caracterización de ácidos graxos e a valoración organoléptica dos aceites obtidos.

Nesta xornada participaron tamén varios artesáns do aceite que contan coa correspondente certificación en Artesanía Alimentaria que xestiona a Axencia Galega da Calidade Alimentaria. Esta entidade, adscrita a Medio Rural, xa aprobou a norma técnica do aceite e certificou varios elaboradores deste produto.

A iniciativa presentada hoxe pola Xunta desenvólvese en paralelo a outra moito máis avanzada: A que realizan a Misión Biolóxica de Galicia, centro do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), e a Fundación Juana de Vega (FJDV), que levan seis anos traballando na recuperación, descrición e recolección de variedades autóctonas de oliveiras galegas.

Libro sobre a historia do produto

A evolución histórica deste produto e o seu impacto no territorio é o obxecto do libro “Da oliveira á mesa” editado pola Xunta e que tamén foi presentado neste foro. Esta obra repasa a historia da produción de aceite en Galicia dende a época romana ata a actualidade, pasando polo esplendor da Idade Media ata o declive deste cultivo e a súa posterior recuperación en tempos máis recentes.

A autoría do libro corresponde ás expertas Mercedes Vázquez Bartomeu e Pilar Rodríguez Suárez. O traballo está ilustrado con multitude de fotografías, así como de mapas e gráficos centrados neste cultivo, a súa distribución pola xeografía galega e a súa evolución histórica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información