Aceites Abril espera recoller este ano uns 35.000 quilos de olivas para elaborar un aceite 100% galego

Publicidade

ACEITES ABRIL OLIVASA empresa galega Aceites Abril prevé alcanzar este ano unha produción de 35.000 quilogramos de oliva para a elaboración de “Colleita Propia”, o seu aceite de oliva 100% galego que se traducirá nunha edición limitada de 7.000 botellas de medio litro. Na actualidade, a empresa familiar ourensá da man dun cento de produtores conta cunhas 140 hectáreas repartidas nas comarcas de Verín, Valdeorras, Quiroga, Terras de Lemos, O Ribeiro, Ourense, O Baixo Miño, O Salnés, Caldas de Reis, Deza e Carballiño.

Esta cifra, que se confirmará unha vez termine a campaña de recolección a mediados de novembro, supón un incremento aproximado do 15% con respecto á colleita da campaña anterior, na que se alcanzaron o 30.000 kg, debido á seca e inclemencias meteorolóxicas.

Durante a visita á plantación de San Pedro de Moreiras, Alberto Fernández, responsable de Agro indicaba que “a pesar de que no resto de España, a seca minguou a produción, en Galicia non afectou tanto a escaseza de auga como as intensas choivas caídas cando a oliveira se atopaba en floración”. Porén, o responsable de agro da firma ourensá cre que as expectativas son boas e confía en recoller até un 15% máis que na campaña anterior.

A pesar das condicións meteorolóxicas, desde a área de Agro da empresa ourensá apuntan que “a calidade da oliva é moi boa, podemos dicir que excelente, que está a chegar en moi bo estado, realmente cunha aparencia formidable”.

En canto ao rendemento “esta campaña o rendemento por hectárea difire moito dunha parcela a outra en función da súa localización ou da posibilidade de rega. Estes condicionantes farán que o rendemento das leiras poida oscilar entre os 1.000 e 3.000 quilos de oliva recollida por hectárea. Este ano as mellores colleitas chegarán de agricultores da zona de Monterrei, algunha leira do Ribeiro e Baixo Miño”, apunta Alberto Fernández Míguez, responsable da área de Agro da compañía ourensá.

En todo caso, esperan retornar aos números de anteriores campañas (concretamente á de 2021 con 45.000 kg.) para a colleita do 2024 e desta forma continuar potenciando o proxecto “Colleita Propia”. A nivel de consumo, apuntan desde Aceites Abril que este aceite 100% galego está consolidado, de feito, continúanse esgotando as existencias en fábrica desde fai dúas edicións. Haberá que esperar a decembro a que a nova colleita deste produto estea de novo dispoñible en tendas de alimentación especializada e na propia tenda on-line de Aceites Abril.

Cando abrimos unha botella de “Colleita Propia” atopamos un aceite moi frutal, cun forte compoñente aromático, en boca un gusto a plátano e améndoa.

“Colleita Propia”

Este proxecto, iniciado por Aceites Abril fai máis dunha década, ofrece aos pequenos produtores, ademais do compromiso de compra da produción a un prezo superior á media nacional, o estudo de viabilidade das súas parcelas (informe de campo, recollida de mostras, análises do chan e tratamento de datos climáticos), así como asesoramento técnico e formativo. Neste sentido, Alberto Fernández, responsable de Agro da firma, engadiu “Colleita Propia é o resultado da nosa firme aposta e compromiso de recuperación das oliveiras de Galicia xunto a máis dun cento de produtores locais”.

Todo o traballo que hai detrás deste proxecto, foi recoñecido polo Cluster de Comunicación de Galicia, como a Mellor Práctica na Comunicación da Responsabilidade Social Empresarial nos Premios Paraugas na súa penúltima edición.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información