O Ministerio de Agricultura excluirá ás explotacións con máis do 50% da súa superficie en pendente (superior ao 10%) da prohibición de aplicación de xurro con sistemas de prato, abanico ou canón, segundo a última redacción do proxecto de Real Decreto polo que se establecen as normas para a nutrición sostible nos chans agrarios.
O novo texto, sometido a proceso de audiencia pública ata o próximo 5 de maio a efectos de solicitar a opinión dos cidadáns, así como das organizacións representativas do sector, flexibiliza a aplicación da norma en terreos en pendente ou de alta montaña, tal como reclamaban nas súas alegacións as organizacións agrarias e as comunidades autónomas da cornixa cantábrica.
As alegacións, observacións, suxerencias ou opinións ao borrador do Real Decreto deberán dirixirse antes do 5 de maio á dirección de correo electrónico MPAyOEVV@mapa.es
O novo Real Decreto afectaría os chans agrarios así como ás plantacións forestais de crecemento rápido e exclúense da súa aplicación os hortos familiares destinados a autoconsumo.
O borrador que se atopa a exposición pública pretende “manter ou aumentar a produtividade dos chans agrarios, á vez que se diminúe o impacto ambiental da aplicación de produtos fertilizantes” e establece que se “priorizará o uso de fertilizantes orgánicos”, sobre todo os procedentes da propia explotación, aínda que fixa condicionantes e limitacións á súa utilización.
Aplicación de xurro
Con todo, o Ministerio flexibiliza nesta nova versión a súa proposta inicial de prohibir a aplicación de xurro con sistemas como prato, abanico ou canón, que estarán autorizados en terreos con pendente media superior ao 10% e sempre que o purín proceda da propia explotación.
Ademais, cando a suma das superficies con pendente media superior ao 10% supere á suma das fincas que teñan pendente inferior, quedará exceptuado o total da explotación e poderá aplicarse xurro mediante estes sistemas tradicionais en todas as parcelas.
Será necesario acidificar o xurro ou utilizar inhibidores da ureasa ou da nitrificación para poder aplicalo con prato, canón ou abanico en zonas de pendente elevada
En todo caso, cando se aplique xurro mediante prato, abanico ou canón, será obrigatorio empregar polo menos una das medidas de mitigación de emisións de amoníaco previstas: enterrado nas 4 horas posteriores á súa aplicación, acidificación do xurro ou emprego de inhibidores da ureasa ou da nitrificación.
No resto de explotacións, a partir da entrada en vigor do novo Real Decreto, deberá realizarse a aplicación do purín nas terras e pradeiras mediante tubos colgantes, que reducen nun 40% as emisións de amoníaco, ou mediante sistema de bandas de discos ou inxectores, que reducen as emisións nun 50%, segundo os cálculos do Ministerio.
O esterco non poderá estar amontoado nas leiras máis de 5 días
O borrador de Real Decreto indica ademais que “se evitará o apilamento temporal ao aire libre de estercos e outros materiais de orixe orgánica” e establece que de ser necesario para facilitar a loxística do estercado, deberán cumprirse as seguintes condicións:
- O apilamiento só poderá realizarse fóra dos períodos de choiva
- A humidade máxima do material que se pode amontoar será do 80%.
- Só poderá haber unha pila en cada recinto, que non superará as 250 toneladas.
- As pilas situaranse unicamente en lugares onde non haxa risco de infiltración e lonxe de correntes de augas como leitos, lagos, lagoas, e encoros, captacións subterráneas de auga para consumo humano, pozos e fontes
- As pilas situaranse en terreos elevados
- A distancia mínima da pila a explotacións gandeiras e/ou vivendas será de 300 metros, exceptuando a vivenda da propia explotación.
- O apilamiento realizarase sempre dentro do recinto agrícola
- As pilas non poderán permanecer nos recintos máis de cinco días
Medidas obrigatorias de mitigación de emisións
O esterco deberá ser enterrado “canto antes e sempre nas primeiras 12 horas” mediante arado de vertedeira ou equipo que asegure un labor equivalente, agás se foi previamente compostado, se nas parcelas nas que se deposita se practica sementeira directa ou se están destinadas a pastos ou a cultivos leñosos con cuberta vexetal entre liñas (por exemplo viñedos).
Neste caso a aplicación deberá realizarse antes do fin da parada invernal e non exista risco de contaminación dos acios. Cando se aplique en pasteiros, deixarase pasar como mínimo 21 días antes de que o gando poida entrar a pacer ou se segue a herba.
O esterco deberá ser enterrado antes de que transcorran 12 horas da súa aplicación
Do mesmo xeito, cando se apliquen produtos fertilizantes a base de urea, tamén deberá utilizarse polo menos un dos seguintes métodos paliativos: fraccionar as achegas de acordo coas necesidades do cultivo e realizalas naqueles momentos do ciclo do cultivo nos que o aproveitamento poida ser máis rápido; inxección dos fertilizantes no chan; empregar gránulos de urea recubertos dun polímero biodegradable, de forma que a liberación sexa máis lenta; realizar a fertilización nitroxenada mediante fertirrigación ou aplicar unha rega inmediatamente despois da fertilización (só se debe considerar esta técnica cando haxa necesidades de regadío, para non aumentar as perdas por lixiviación nin o consumo innecesario de auga) ou empregar inhibidores da ureasa co fin de retardar a hidrólisis da urea en ión amonio.
Boas prácticas en materia de fertilización
Co obxectivo de servir de orientación, o Ministerio de Agricultura fará públicas unhas guías con consellos sobre fertilización de chans agrarios e nutrición de cultivos e fixaranse unha serie de boas prácticas agrícolas mínimas que as explotacións deberán cumprir á hora de abonar e que as comunidades autónomas poderán complementar con medidas máis restritivas no caso de risco de contaminación de acuíferos por nitratos.
Prohíbese, por exemplo, abonar terreos xeados, cubertos de neve ou asolagados, así como cando haxa unha alerta meteorolóxica por precipitacións torrenciais. A palla e outros materiais agrícolas ou silvícolas están excluídos especificamente do ámbito de aplicación do novo Real Decreto e poderán seguir incorporándose aos chans agrarios.
A urea poderá representar como máximo o 25% das necesidades anuais de nitróxeno do cultivo
Non se aplicará xurro, esterco ou lodos de depuradora nunha franxa de 5 metros ao redor de ríos, lagos, litoral costeiro ou pozos, fontes e captacións de auga para consumo humano.
Dependendo do cultivo, non se poderá realizar fertilización nitroxenada en determinados meses do ano, salvo mediante sistemas de rega localizada. Os períodos de prohibición móstranse na seguinte táboa:
Prohíbese o uso de produtos fertilizantes a base de carbonato de amonio e salvo no caso de cultivos hidropónicos, só poderá achegarse ata o 25% das necesidades anuais de nitróxeno dun cultivo mediante produtos fertilizantes ureicos.
As abonadoras deberán manterse en bo estado e estar correctamente calibradas, para o que se establecerán revisións periódicas.
Información que os agricultores deben incorporar ao caderno de explotación tras efectuar un abonado
A persoa titular da explotación será a responsable de que no prazo máximo dun mes desde a data de abonado, xa sexa con fertilizantes químicos ou con achegas de materia orgánica, estas operacións estean correctamente reflectidas no caderno de explotación.
Será obrigatorio realizar analíticas de chan (pH, nitróxeno, fósforo, potasio e materia orgánica nos primeiros 25 cm) cunha periodicidade mínima de 5 anos en regadío e 10 en secaño, así como do contido en nitróxeno, fósforo e materia orgánica do xurro e o esterco que se aplique, procedan ou non da propia explotación. Estes datos serán incorporados ao caderno de explotación, xunto coas doses e datas de aplicación. En caso de regadío, tamén as datas e doses de rega.
Cada explotación deberá contar a partir do 1 de setembro de 2024 cun plan de abonado, salvo no caso de explotacións con menos de 10 hectáreas de superficie
O uso de lodos de depuradora necesitará de informe do asesor da explotación no que se xustifique agronomicamente o seu uso. Nestas operacións, controlaranse os contidos máximos en metais pesados (cadmio, cobre, níquel, chumbo, zinc, mercurio e cromo) e outros contaminantes e impurezas, tanto dos lodos para aplicar como do chan que os recibe.
Os lodos aplicaranse unicamente en terras sen cultivo implantado e non se poderán utilizar en leiras destinadas a cultivos hortícolas nin en cultivos frutícolas durante o período de vexetación, que se estende aos 10 meses anteriores ao comezo da colleita.
Requisitos mínimos do plan de abonado
O asesoramento técnico será obrigatorio un ano despois da entrada en vigor do Real Decreto en zonas vulnerables (delimitadas mediante o Real Decreto 47/2022 sobre protección das augas contra a contaminación difusa producida polos nitratos procedentes de fontes agrarias, que entrou en vigor o pasado 21 de xaneiro) e dous anos despois no resto do territorio. A obriga de asesoramento poderá cumprirse contratando a un profesional cualificado ou realizala o propio titular da explotación a través dun programa informático específico que achegue recomendacións de abonado.
O plan de abonado incluirá o momento no que se pretenden achegar os distintos nutrintes, así como o tipo de abono, a forma de aplicación e a maquinaria utilizada. Prescribirá ademais as medidas para diminuír as emisións de amoníaco e de gases de efecto invernadoiro.
Será obrigatorio realizar analíticas de chan (pH, nitróxeno, fósforo, potasio e materia orgánica nos primeiros 25 cm) cunha periodicidade mínima de 10 anos
No caso dos cultivos herbáceos, o plan de abonado realizarase tendo en conta a rotación de cultivos, que deberá ser descrita no plan. No caso dos cultivos leñosos e nos pastos permanentes, o plan cubrirá os cálculos dun ano.
As achegas efectivas de nitróxeno anuais por cultivo non poderán exceder en máis dun 10% os cálculos realizados, mentres as de fósforo e potasio non poderán exceder nun 20% a suma dos valores determinados para 5 anos consecutivos.
As necesidades de nitróxeno e fósforo de cada cultivo calcularanse segundo a colleita que se prevé obter, considerada como rendemento medio da zona. Para o cálculo da dose, o Ministerio de Agricultura poñerá ao dispor dos agricultores un sistema de cálculo antes da entrada en vigor dos plans de abonado o 1 de setembro de 2024.