A Xunta pon en valor as axudas ao sector forestal nunha visita a Industrias Guerra

231004_Aboal_Industrias_GuerraO director da Axencia Galega de Industria Forestal da Consellería de Medio Rural, Jacobo Aboal, visitou as instalacións de Industrias Guerra na localidade de Vila de Cruces (Pontevedra), principal empresa española especializada no deseño, fabricación e montaxe de grúas hidráulicas e maquinaria para os sectores forestal, mariño e de reciclaxe.

Nesta visita, Aboal puxo en valor que a Xunta vén de resolver as axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais e as achegas á valorización e á segunda transformación da industria forestal galega e do contract. Na última convocatoria aprobáronse un total de 150 expedientes de axuda por importe total de case 16,5 millóns de euros que mobilizarán arredor de 48 millóns de euros (investimento público e privado).

Os beneficiarios foron pequenas e medianas empresas -incluídos os autónomos- da industria forestal e do contract radicadas en Galicia que utilicen a madeira e os seus derivados, así como asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro.

Ambas liñas de axudas están encadradas dentro dos obxectivos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira, coa que se busca consolidar ás pemes que conforman este sector.

Industrias Guerra

O director da axencia estivo nas plantas que a Industrias Guerra ten en Vila de Cruces e en Silleda, nas que se adican, entre outras, a tarefas de enxeñaría, produción e montaxe de grúas, cabezais procesadores, taladoras e outra maquinaria forestal.

A empresa galega, que conta cunha facturación anual duns 18 millóns de euros, dispón de catro plantas propias en Galicia, unha filial en Portugal e dúas sedes en Arxentina. En total, suma máis de 30.500 metros cadrados nos que desempeñan o seu labor máis de 150 traballadores.

Por outra banda, esta empresa familiar exporta arredor do 50% da súa produción fóra do territorio, chegando incluso nalgúns momentos ata o 70%. Estas cifras evidencian a importancia da industria forestal en Galicia, onde ten un gran peso este sector. Ademais, no territorio galego rexístranse anualmente a metade das cortas de madeira de España.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *