“A agricultura familiar alimenta ó 70% da poboación mundial”

A Universidade de Vigo analiza nunha guía de onde veñen os alimentos que consumimos. Está dirixida a escolares con actividades didácticas e serve para reconectar aos nenos e nenas dos ámbitos urbanos co rural. O documento reflexiona tamén sobre a transformación do sistema agrogandeiro galego

HORTA_URBANA_SANTIAGO

Horta urbana en Santiago de Compostela, un xeito de evitar a desagrarización da poboación das cidades

Comeza a haber nenos e nenas en Galicia que non teñen aldea. O éxodo rural e a urbanización da poboación desconectou ás novas xeracións da produción de alimentos. Saber de onde sae o leite ou como se produce unha leituga é imprescindible para poder facer un consumo responsable.

Informar, educar e sensibilizar a eses consumidores do futuro é o obxectivo da guía elaborada pola Universidade de Vigo en colaboración coas Universidades de Oviedo e León e a cooperativa Somos Terra e que indaga tamén sobre os cambios que se deron no sistema produtivo galego nas últimas décadas.

Cada vez menos emprego na agricultura

Dinámica de postos de traballo na agricultura segundo os datos do IGE

Dinámica de postos de traballo na agricultura segundo os datos do IGE

O documento, titulado Máis aló do prato, fai un repaso pola evolución do sector agrogandeiro galego desde mediados do século pasado, poñendo de manifesto que cada vez hai menos postos de traballo vinculados directamente coa produción de alimentos.

En Galicia asistimos a un proceso explosivo de desagrarización. Entre 1950 e 2012 perdeuse o 93% do emprego

“Desde mediados do século pasado perdeuse o 93% do emprego agrario”, evidencia, unha tendencia que se mantivo tamén neste século, mentres nos últimos 20 anos o número de explotacións se reducía nun 35% e o seu tamaño se multiplicaba por 2,12.

Máis consumo sen aumentar a produción

Evolución da produción, importación e exportación de alimentos en España

Evolución da produción, importación e exportación de alimentos en España

“A produción de alimentos en España case non medra desde finais dos oitenta”, sentenzan os autores do estudo. Porén, o consumo de alimentos incrementouse e o saldo comercial alimentario español (diferenza entre exportacións e importacións) é deficitario. Tamén no caso galego, por máis que sexamos unha das principais comunidades produtoras do Estado. Galicia exporta sobre todo leite pero importa produtos agrícolas tanto para alimentar ao gando como á poboación.

A produción animal medrou moito máis ca produción de alimentos vexetais. Galicia exporta sobre todo leite pero importa produtos agrícolas

As tendencias de consumo tamén mudaron. “Desde os anos 50 en diante, pero sobre todo coa entrada na UE en 1986 os cambios foron tremendos. A globalización do sistema alimentario levou á crecente importancia da produción animal dentro do modelo produtivo e de consumo. A produción animal medrou moito máis ca produción de alimentos vexetais e convértese nun vector claro do modelo alimentario das últimas décadas”, asegura o informe.

Importación de cereais

Consumo aparente per cápita de cereais en kg por habitante

Consumo aparente per cápita de cereais en kg por habitante e ano

“En España comemos moitos cereais”, indican, con truco, os expertos que elaboraron a guía. En total, uns 714 quilos per cápita de trigo, millo e centeo fundamentalmente. A nivel mundial só supera esa cifra os EEUU. Pero trátase dun consumo só aparente, xa que a maior parte dos cereais consumidos van destinados a alimentar o gando. Así pois, o incremento no consumo de cereais en España, que se duplicou no último medio século, ten que ver co aumento da produción (e consumo) de produtos de orixe animal.

Máis da metade do trigo producido no mundo vai destinado a alimentar ao gando no cando de ás persoas

“A globalización alimentaria levou a que unha parte moi importante dos cereais que poderiamos comer os seres humanos vaia dirixida á alimentación animal”, indican. Tanto que calculan que máis da metade do trigo producido no mundo vai destinado a alimentar ao gando no canto de ás persoas.

Máis animais ca persoas no rural

Taxa de crecemento da produción de alimentos de orixe animal e vexetal en España

Taxa de crecemento da produción de alimentos de orixe animal e vexetal en España

A cabana gandeira tamén sufriu unha importante transformación no último medio século. Hai menos cabras e ovellas e máis vacas, pero, sobre todo, moitos máis polos e porcos. De feito, o número de aves multiplicouse por tres e o de porcos por catro.

A configuración da cabana gandeira tamén mudou. O número de polos multiplicouse por tres e o de porcos por catro

Esa evolución é parella á dos hábitos alimenticios. En España consómese sobre todo carne de porco (consómese máis carne de porco ca todas as outras xuntas), seguida da de polo, vacún e ovino e caprino. Cada español come uns 50 quilos de carne de porco ao ano, 10 máis ca un europeo e 20 máis ca un norteamericano.

Cal é o impacto climático da dieta galega?

A partir dos datos da FAO é posible achegarse á dieta media do Estado español: aproximadamente 2 kg de alimentos cada día, o que equivalería a unhas 3000 kcal por persoa e día, das que o 26% proceden de cereais, o 22% de aceites vexetais, o 15% de carnes, o 10% de ovos e leite, outro 10% de azúcares, un 7% de froitas e hortalizas, un 3,5% de tubérculos e o 3% de peixes.

No caso galego, os patróns de consumo son algo diferenciados (consómese menos carne (213 gramos/día fronte a 281no caso español) pero máis peixe (270 gramos/día fronte a 116). Tendo en conta isto, poderíase estimar o impacto climático da nosa dieta en 5,22 kg de CO2 por persoa e día (onde o consumo de carne e peixe son as partidas de maior nivel de emisións).

Comer produtos de orixe animal ten un impacto ambiental moito maior ca comer produtos vexetais, xa que as dietas baseadas en proteínas animais contribúen máis ao quecemento global do planeta que as dietas máis vexetarianas

Na nosa dieta, os produtos de orixe animal representan o 46% e os de orixe vexetal o outro 56%. Sen embargo, analizado en termos de emisión de gases de efecto invernadoiro, os investigadores asignan case o 90% do impacto sobre o quecemento global do planeta aos alimentos de orixe animal que comemos e só un 11% aos procedentes dos vexetais. “Máis verduras frescas, froita e legumes podería permitir unha redución do impacto climático entre un 25 e un 45 % en relación cos nosos padróns de consumo actuais”, conclúen.

Que foi do esterco?

HORTA_MONDOÑEDO_esterco e novos invernadoiros“En Galicia son moi importantes os animais. En case todas as casas había vacas, porcos, ovellas, cabras, galiñas ou coellos. Eses animais producían carne, leite, ovos e esterco. O máis importante do sistema agrario tradicional de Galicia era a produción de esterco. Hoxe xa case non se produce esterco, mércanse fertilizantes minerais derivados do petróleo que chegan en barco desde as minas de África e as industrias mundiais”, afirma o estudo da Universidade de Vigo.

Nas casas galegas os porcos eran auténticas máquinas da economía circular

A modernización tamén estabulou o gando. “Se os animais se moven menos e comen máis cereais e pensos, é dicir, máis calorías e proteínas ca pastos, engordan antes e producen máis”, argumenta o estudo.

Para os seus autores, é preciso voltar a prácticas agrícolas e técnicas de manexo do gando que permitan unha xestión máis sostible dos ecosistemas agrarios, reducindo as repercusións ambientais e mantendo a fertilidade do solo mediante rotacións, policultivos e abonado orgánico.

Moitos destes saberes propios dos sistemas agrarios tradicionais estanse a perder

“Moitos destes saberes propios dos sistemas agrarios tradicionais estanse a perder, entre outras cousas porque a modernización implicou un distanciamento da cultura agraria tradicional que a cualificou como atrasada, e agora moitos e moitas de nós non sabemos nin como se cultiva unha leituga”, evidencian.

Das vacas tolas á soia

importacion soja

750.000 toneladas de soia procedentes de Brasil, Arxentina ou EEUU chegan a Galicia en barco cada ano

Cando en novembro do ano 2000 se detectou no concello de Carballedo o primeiro caso de vaca tola de España, de nome Parrula, destapouse, ademais dun problema de seguridade alimentaria, as consecuencias do novo modelo industrializado de alimentación do gando que fora implantado nas décadas anteriores: producir o máis barato posible a base de dar de comer ás vacas fariñas procedentes de restos triturados de animais.

As proteínas procedentes de fariñas animais nos pensos foron substituídas por proteínas de orixe vexetal

A prohibición do uso de proteínas animais para a alimentación do gando (a través do Regulamento UE 999/2001 de maio de 2001), a raíz dos casos de encefalopatía esponxiforme bovina, levou aparellado un incremento do consumo (e importación) de soia. Dos 34 millóns de toneladas de soia importadas anualmente pola UE, 13,5 proceden de Brasil, 7,2 de Arxentina, 8,5 de EEUU, 1,3 de Paraguai, 1,1 de Canadá e 0,7 de Ucraína.

Un terzo da soia importada pola UE procede na actualidade de zonas do planeta deforestadas

Os PATs seguen prohibidos para rumiantes a día de hoxe na UE, que estuda sen embargo autorizalos para porcino ou avicultura, ao igual que xa o están na acuicultura. Búscase deste xeito reducir as importacións de soia de aquí a 2030 dentro da Estratexia Da Granxa ao Garfo.

Os portos da Coruña, Marín e Vilagarcía

Aos portos españois chegan anualmente catro millóns de toneladas de soia procedentes de países como Brasil, Arxentina ou EEUU (delas 750.000 toneladas desembarcan nos portos galegos da Coruña, Marín e Vilagarcía). As importacións supoñen o 100% da soia utilizada na produción de pensos (en España, onde as condicións climáticas non son adecuadas para este cutivo, só se producen 3.200 toneladas en comunidades como Castela e León, Castela A Mancha e Estremadura, destinadas na súa totalidade a fabricación de bebidas de soia).

Impórtase o 13% de trigo, o 50% de millo e o 100% da soia utilizados na fabricación de pensos en España

España é o principal produtor de pensos da UE e a súa alta dependencia da importación de materias primas fai ás empresas fabricantes de produtos para alimentación animal tremendamente vulnerables diante de subas bruscas como as que se están producindo desde principios do pasado mes de setembro en ingredientes como o millo, a cebada, a soia ou a colza.

No global de pensos en España as oleaxinosas representan, dependendo da especie, entre o 15 e o 18%. O porcino e a avicultura teñen maiores necesidades proteicas que os ruminantes, polo que a importancia destes sectores (España exporta por exemplo o 52% do porcino que produce, que vai para países europeos como Francia ou países extracomunitarios como China) equivale a maior consumo e, por tanto, tamén maior importación de soia.

O porcino e a avicultura teñen maiores necesidades proteicas que os ruminantes

A produción anual de pensos en España pasou de 31,3 millóns de toneladas en 2015 aos 37,4 millóns de 2019, dos que o 10% (3,1 millóns) prodúcense en Galicia. Do total, 11,5 millóns destínanse a gando porcino (o 72% a cebo) e 4,5 millóns a aves (48% a avicultura de carne).

A globalización da comida

Moitos dos produtos que podemos atopar nos supermercados dos países desenvolvidos proceden de lugares alonxados

Moitos dos produtos que podemos atopar nos supermercados galegos proceden de lugares afastados

Pero non só viaxan materias primas como a soia, tamén é crecente o número de alimentos que hai viaxando polo planeta. Isto fai que no mundo desenvolvido, máis aló de diferenzas culturais, se estea a dar unha homoxeneización na produción e no consumo de alimentos. “Producimos e comemos de formas moi semellantes esteamos onde esteamos e iso é algo que se debería corrixir”, defenden.

Hai unha tendencia á igualación das dietas, producimos e comemos de formas moi semellantes esteamos onde esteamos

A tendencia á igualación das dietas fai que os alimentos viaxen máis. Mesmo os que poderían producirse a nivel local proceden moitas veces da outra punta do planeta. Moitos dos legumes e froitas que forman parte habitualmente da cesta da compra percorren case 5.500 quilómetros até chegaren aos supermercados e tendas galegas, mentres materias primas dos pensos para animais como a soia fan 7.000 quilómetros até chegaren aos portos galegos.

Efectos ambientais e sanitarios

A globalización alimentaria implica un maior impacto ambiental, non só polas viaxes da comida dunha punta á outra do planeta, senón porque “producimos cunha alta pegada ambiental e producimos moitos alimentos que se desperdician”, explica a guía. Calcúlase que o 20% dos alimentos producidos na propia UE acaban no lixo como refugallos.

Pero a dieta dominante, ademais de efectos ambientais, tamén ten efectos na saúde das persoas. Máis do 50% da poboación europea ten sobrepeso e máis do 20% é obesa. As dietas non saudables son o principal factor de risco de enfermidades e de mortalidade en Europa e afectan en maior medida aos grupos sociais máis pobres.

A concentración empresarial no ámbito alimentario é un proceso alarmante

Os autores do estudo alertan de que “a concentración empresarial no ámbito alimentario é un proceso alarmante”. Aportan algúns datos: “o 70% da industria agroquímica que produce fitosanitarios para a agricultura está en mans de só tres empresas; só as dez empresas máis grandes controlan o 73% do mercado global de sementes e até o 90% do comercio mundial de grans está controlado por catro multinacionais”. Sen embargo, din, “a agricultura familiar de pequena escala segue a ser a responsable da alimentación do 70% da poboación mundial, sobre todo nos países pobres”.

Ler a etiquetaxe

Algunhas medidas sinxelas para corrixir a actual situación que se dá na produción e consumo de alimentos son dous consellos que dan na propia guía: “Revisa as etiquetas dos produtos que comes e aposta por produtos de proximidade e de tempada”.

Revisa as etiquetas dos produtos que comes e aposta por produtos de proximidade e de tempada

“Ao pensarmos onde se producen os alimentos estamos tentando coñecer cales son os medios de transporte usados para levar eses alimentos desde o campo ata o prato e nos impactos ambientais producidos cando se transportan, e tamén se non sería posible producilos aquí ao lado”, argumentan.

A publicidade fai moi ben o seu traballo: mostrar atractivos os produtos pouco saudables independentemente dos seus custos sociais e ambientais

“Os padróns de consumo alimentarios non son fixos, senón que van mudando no tempo e teñen un forte compoñente cultural que está moi influenciado pola publicidade, que fai moi ben o seu traballo: mostrar atractivos os produtos pouco saudables independentemente dos seus custos sociais e ambientais”, aseguran.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información