Actividades para todos os públicos nunha Feira do Viño de Valdeorras con proxección nacional

Publicidade
Actividades para todos os públicos nunha Feira do Viño de Valdeorras con proxección nacional

Un total de 20 adegas da comarca participarán, os vindeiros 8 e 9 de xullo, na XXIV edición da Feira do Viño de Valdeorras, que se celebrará na praza barquense de Viloira. O foro vén acompañado dun completo cartel de actividades paralelas con propostas diversas e para todos os públicos, incluídos os cativos, que foi deseñado conxuntamente polo Consello Regulador e polo Concello do Barco de Valdeorras.

Na rolda de prensa de presentación da vindeira edición da feira participaron precisamente o máximo responsable do CRDO Valdeorras, José Ramón Rodríguez Castellanos, e o rexedor barquense, Alfredo García. O primeiro apuntou durante a súa intervención que o foro pretende este ano incrementar a súa proxección mediática a nivel nacional e para iso convidouse a visitar a comarca a un grupo de xornalistas especializados co obxectivo de que coñezan de primeira man, e durante a celebración da feira, o potencial vitivinícola da zona e o poidan difundir amplamente a través dos seus medios.

Xunto a isto, Rodríguez Castellanos puxo en valor a figura do pregoeiro elixido este ano para dar o pistoletazo de saída ao foro, “o escaparate promocional por excelencia dos nosos viños”, Manuel Jabois, ao que se referiu como un dos autores máis sobranceiros do panorama español actual.

Actividades

Tras o pregón, que terá lugar na mañá do sábado día 8 en Viloira, desenvolverase o tradicional acto institucional de inauguración. A continuación, abrirase ao público o recinto feiral en horario de 12,30 a 14,30 horas e de 20,00 a 00,00 noras, na xornada do sábado, e no mesmo horario (coa salvidade de que se pechará unha hora antes, ás 23,00 horas) durante o domingo.

Tal e como destacou Rodríguez Castellanos “música, cultura, gastronomía e oferta para os cativos daranse a man na programación que imos despregar durante o foro”.

Nos xardíns da Casa Grande de Viloira haberá inchables para os máis pequenos nas xornadas do sábado 8 e domingo 9. O recinto feiral estará amenizado coa música da Charanga Brexit o primeiro día da feira, pola tarde.

Tamén nese sábado, se promoverá unha cata maridada de viños de Valdeorras con queixos de diferentes denominacións de orixe galegas. Finalizarase a xornada cun concerto do grupo “En mala hora”.

Durante o domingo, a música correrá a cargo do Grupo de Cantos de Taberna “Os Pándega”. E, nese día, desenvolverase unha curiosa e inovadora iniciativa: “unha cata popular cunha selección dos mellores viños da feira, que se concibe como unha actividade gratuita para todo o público adulto coa que poderán experimentar -en primeira persoa- o traballo que realizan os catadores oficiais que participan en concursos e certames vitivinícolas”, tal e como destacou Rodríguez Castellanos.

Completarán as actividades do domingo un obradoiro de cociña infantil, unha cata maridada de viños valdeorreses con pinchos elaborados polo Bar Bajo Cinco do Barco e un showcooking a cargo do chef Héctor López, do Grupo Nove. Finalmente, a última hora do día 9 de xullo entregaranse os premios da cata popular.

Cata Oficial

Previamente á apertura do recinto feiral, durante o serán do venres, o Consello Regulador entregará no Complexo Hostaleiro Paladium os Premios da XXIV Cata Oficial dos Viños de Valdeorras. Entre outras persoas, participarán como catadores neste certame os membros do grupo de xornalistas que visitarán a comarca, convidados polo Consello Regulador.

Finalmente, Rodríguez Castellanos amosou a súa seguridade de que a Feira contribuirá a axudar a situar “os nosos viños en novos mercados, que conquisten novos territorios” e incentivar de xeito indirecto a “que participen en diferentes concursos e catas de renome”. “Temos brancos marabillosos e tintos cada vez máis demandados, e estou seguro de que seguirán recibindo numerosos premios”, concluíu o presidente do Consello Regulador.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información