Os viños da DO. Valdeorras promocionaranse en París no mes de febreiro

Publicidade
Os viños da DO. Valdeorras promocionaranse en París no mes de febreiro

O Pleno do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, reunido esta mañá, deu o seu visto bo á participación do organismo na feira Vinexpo, unha das máis relevantes de Europa, que se celebrará en París entre o 12 e o 14 de febreiro.

O Consello Regulador acudirá a esta feira baixo o paraugas da “Asociación de Consellos Reguladores do Viño, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (Acruaga)”, constituída ao abeiro dun convenio entre as diferentes denominacións de orixe vitivinícolas galegas e a de augardentes e licores e o Igape.

Deste xeito, a promoción dos viños que se realice en París será conxunta coa doutros territorios amparados galegos e apoiada pola Xunta de Galicia, se ben o espazo expositivo común no salón parisino contará con corners específicos para cada un dos consellos reguladores. O prazo para as adegas da comarca interesadas en participar na feira poidan enviar os seus viños ao Consello Regulador permanecerá aberto ata mediados de xaneiro.

Doutra banda, o Pleno do organismo aprobou a celebración da que será a XXV Feira do Viño de Valdeorras no mes de xullo. En concreto, as datas elixidas son o 8 e o 9 de xuño.

Intensificación da promoción

“A xuntanza plenaria de hoxe evidencia que un dos obxectivos fundamentais do organismo para 2024 vai ser o da intensificación da promoción dos nosos viños e adegas. Á potente campaña que acabamos de presentar, hai poucas semanas, sumarase a nosa presenza en diferentes foros nacionais e internacionais para seguir dando a coñecer os brancos e tintos da nosa comarca entre novos públicos”, destaca o presidente do Consello Regulador, José Ramón Rodríguez Castellanos.

“Tamén será moi especial a Feira do Viño de Valdeorras o ano que vén, posto que o foro acada o seu 25 aniversario e isto merece ser celebrado dun xeito especial, cunha coidada planificación de actividades que iremos comunicando paseniñamente”, conclúe o máximo responsable da D.O.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información