Oito buses do viño partirán de diversos puntos de Galicia e León os días 6 e 7 de maio para visitar a Denominación de Orixe Valdeorras

O presidente da Ruta do Viño, Joaquín Sánchez, e a vicepresidenta da entidade, Montse Rodríguez, presentaron as diferentes actividades que se poñerán en marcha na comarca con motivo da iniciativa promovida desde Turismo de Galicia

Publicidade
El presidente y de la vicepresidenta de la Ruta del Vino de Valdeorras, Joaquín Sánchez y Montse Rodríguez, durante la presentación de la iniciativa

O presidente e a vicepresidenta da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez e Montse Rodríguez, durante a presentación da iniciativa

Co obxectivo de favorecer a afluencia de visitantes á Primavera de Portas Abertas da Ruta do Viño de Valdeorras, a organización dispoñerá a saída de autobuses desde cinco cidades (catro galegas e unha de Castela e León). Cada un destes autobuses (oito en total) leva aparellada un roteiro concreto con paradas e actividades específicas nas que os viaxeiros poderán participar á súa chegada ao territorio amparado valdeorrés.

Así o puxeron de manifesto este xoves, diante dos medios de comunicación, o presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez, e a vicepresidenta da entidade, Montse Rodríguez, nun encontro que serviu tamén para presentar as diferentes actividades que se realizarán na comarca dentro da fin de semana da Primavera de Portas Abertas, promovida pola Axencia Turismo de Galicia, entre o 5 e o 7 de maio.

Axente dinamizador do turismo

Joaquín Sánchez puxo en valor que “cada vez máis, a Ruta do Viño de Valdeorras actúa como un auténtico axente dinamizador do turismo na comarca”. Ao seu xuízo, “o enoturismo está de moda, pero é necesario incentivalo” ofrecendo ás visitantes “propostas e circuítos atractivos” que poñan en valor un territorio.

Neste sentido, resaltou que Valdeorras conta con innumerables activos paisaxísticos, naturais, patrimoniais e arquitectónicos, entre os que singularizou as covas, auténticos exemplos de construcións baseadas na premisa da eficiencia enerxética e utilizadas antigamente para a conservación do viño, construcións que hoxe conforman parte do patrimonio etnográfico da zona.

Máis de 2.000 visitantes en 2022 grazas á Ruta do Viño

Montse Rodríguez indicou que a Primavera de Portas Abertas é unha iniciativa importante para desestacionalizar o turismo na comarca, que adoita concentrarse nos meses do verán. O ano pasado, no marco das diversas accións promovidas desde a Ruta do Viño, visitaron Valdeorras preto de 2.000 persoas (600 delas durante a fin de semana das xornadas de portas abertas). “Unha cifra que esperamos aumentar neste 2023”, asegurou.

As viaxes partirán da Coruña, Santiago, Vigo, Ourense e Ponferrada para trasladar a Valdeorras aos interesados en participar en diferentes actividades

Para iso a organización dispuxo, un ano máis, a saída de diferentes “buses do viño” desde diversas urbes galegas e de Castela e León. Así, na xornada do sábado 6 de maio sairán cinco autobuses desde A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Ponferrada con destino a Valdeorras e, ao día seguinte, o domingo 7 de maio farano tres máis desde A Coruña, Santiago e Vigo.

Actividades diversas e ofertas especiais

No marco desta iniciativa, que alcanza a súa XII edición este ano, organízanse diferentes eventos durante a fin de semana. Estas actividades inclúen visitas a adegas, viñedos e ás covas máis singulares da comarca, así como degustación de viños e de produtos gastronómicos típicos. Tamén se propoñen roteiros específicos polo territorio amparado para coñecer algúns enclaves singulares de Valdeorras.

Todos os buses teñen xa o seu aforo completo, excepto os que parten da Coruña e Santiago (tanto na xornada do sábado, como na do domingo) nos que aínda quedan prazas dispoñibles. Tamén existe dispoñibilidade para asistir ás diferentes actividades programadas dentro da Primavera de Portas Abertas, cuxa listaxe completa pode consultarse na páxina web da ruta do viño, na que é posible inscribirse ás diferentes iniciativas que se poñerán en marcha e na que tamén se pode reservar praza nalgún dos buses do viño que aínda non completou o seu aforo.

A organización da Primavera de Portas Abertas da Ruta do Viño de Valdeorras quere lembrar, ademais, que tamén son benvidos todos aqueles visitantes que veñan pola súa conta, utilizando o seu propio vehículo. Neste sentido, o sector hostaleiro e de restauración da comarca articulou ofertas especiais de aloxamento e de menús para todos os que se acheguen ata a comarca na fin de semana do 5 ao 7 de maio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información