Aclaracións sobre a diversificación de cultivos e o barbeito na PAC 2016

A Consellería do Medio Rural publica unha nota aclaratoria respecto da diversificación de cultivos e superficies de interese ecolóxico (SIE) na PAC 2016. A principal novidade é que non se obriga a deixar barbeito, podendo plantar no outono veza, trevo ou chícharo

Aclaracións sobre a diversificación de cultivos e o barbeito na PAC 2016

Autor: CIAM Mabegondo

O día 1 de febreiro publicouse no DOG a Orde do 29 de xaneiro de 2016 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema integrado de xestión e control.

Unha das principais novidades da Orde é a posibilidade de declarar cultivos secundarios ademais do principal. Co fin de evitar as confusións que poidan xurdir en relación co cumprimento das prácticas do greening ou pago verde en 2016 compre aclarar o seguinte:

Mantemento de pastos permanentes: non hai novidades respecto do ano 2015.

Diversificación de cultivos:

De acordo co indicado no artigo 33 da Orde o período principal de cultivo no que se levará a cabo a verificación do número de cultivos e o cálculo das súas correspondentes porcentaxes irá dos meses de maio a xullo (3 meses), de forma que, maioritariamente, os cultivos se encontren no terreo durante ese período (que é o cultivo principal).
De acordo co anterior e segundo se indica no artigo 11.3, os solicitantes terán que declarar como cultivo principal o cultivo presente en cada parcela durante a maior parte dese período. É dicir, non é posible cumprir a diversificación con cultivos secundarios.

Superficies de interese ecolóxico (SIE):

En 2015 as SIE (barbeitos ou cultivos fixadores de nitróxeno) había que telas e declaralas dentro do período principal de cultivo. Non obstante, en 2016 segundo se indica no artigo 11.3, os solicitantes que o desexen poderán declarar, nas terras de cultivo como cultivo secundario, un cultivo fixador de nitróxeno co obxectivo de que se teña en conta na verificación do 5% de SIE.

É dicir, a declaración das SIE en 2016 pode ser:

– Totalmente con cultivos principais. Poden existir barbeitos ou cultivos fixadores de nitróxeno que cumpran os requisitos establecidos para as SIE (igual que se fixo en 2015) ou ben,

– Total ou parcialmente con cultivos secundarios. Esta posibilidade permite que os cultivos fixadores de nitróxeno sexan sementados despois da colleita do cultivo principal.

Exemplo:

Unha explotación con 50 ha, 10 ha de pastos permanentes e 40 de terras de cultivo, e que non cumpre ningunha das excepcións previstas na normativa.

Ten máis 30 ha de terras de cultivo polo que :

A efectos da diversificación de cultivos ten que ter polo menos 3 cultivos, o principal non pode supoñer máis do 75% e a suma dos dous principais no pode supoñer máis do 95%. O número e porcentaxe de cultivos ten que respectalos cos cultivos que cumpran o indicado para o período principal de cultivo.

A efectos das SIE ten que ter polo menos 2 ha (5% de 40 ha) que no caso de ser cultivos fixadores de nitróxeno terían que ser 2,86 ha (2/0,7).

En 2016 as opcións do plan de sementeira serían:

A) Facer o mesmo que en 2015, é dicir, cumprir as esixencias da diversificación de cultivos e das SIE no período principal de cultivo, (polo tanto, cos cultivos principais). Por exemplo:

10 ha de pastos permanentes
30 ha de millo
8 ha de pradeira temporal
2 ha de barbeito

B) Cumprir a diversificación de cultivos no período principal de cultivo (cos cultivos principais) e as SIE con cultivos secundarios (total ou parcialmente), por exemplo:

Diversificación (período principal de cultivo):
10 has de pastos permanentes
30 ha de millo
8 ha de pradeira temporal
2 ha de xirasol

SIE:
2,86 ha de cultivos fixadores de nitróxeno sementados no outono despois do millo ou do xirasol (veza, trevo, chícharo ou outros do anexo VIII do RD 1075/2014)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información