Aberto o prazo de solicitude de axudas para o fomento de razas autóctonas galegas

A finalidade destas achegas é apoiar a creación ou mantemento dos libros xenealóxicos e as actuacións que se deriven do desenvolvemento do programa de cría oficialmente aprobado para a raza

Aberto o prazo de solicitude de axudas para o fomento de razas autóctonas galegas

O prazo de solicitude das axudas xa está aberto. / Fonte: Imaxe de arquivo

Hoxe publicáronse no Diario Oficial de Galicia as axudas para o fomento de razas autóctonas galegas, polo cal, queda aberto o prazo de solicitude un mes. Concederanse 220.000 euros a organizacións e asociacións de criadores de razas autóctonas galegas, recoñecidas pola Comunidade Autónoma de Galicia. Serán subvencionables a creación ou mantemento dos libros xenealóxicos, e as actuacións que se deriven do desenvolvemento do programa de cría oficialmente aprobado para a raza. 

As entidades que se poderán beneficiar son aquelas oficialmente recoñecidas para a xestión do Libro Xenealóxico das razas bovinas cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa; a ovella galega; a cabra galega; o porco celta; o cabalo de pura raza galega e a galiña de Mos. O investimento total procede dos orzamentos xerais tanto da Xunta, como do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA). 

Os obxectivos que se perseguen con esta convocatoria de axudas son acadar unha explotación sostible dos recursos autóctonos e o mantemento da súa rendibilidade; a recuperación da variabilidade xenética das razas autóctonas de Galicia, e a súa potenciación de ser o caso; a diversificacións das  actividades económicas no medio rural e favorecer a fixación de rendas complementarias a través da produción con estas razas; o aproveitamento dos recursos naturais e o apoio e difusión da mellora xenética destas razas.

Segundo o censo oficial, con data do 31 de decembro de 2022, en Galicia hai 6.029 vacas de raza cachena, 2.958 de vianesa; 1.626 de caldelá; 1.577 de limiá; 947 de frieiresa; 5.385 exemplares de ovella galega; 1.342 de cabra galega; 4.173 de porco celta; 2.098 de cabalo de pura raza galega; e 21.466 exemplares de galiña de Mos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información