Convocadas as indemnizacións para compensar os danos ocasionados polo oso pardo

As axudas comprenden os danos ocasionados polo oso pardo que se produzan desde o 1 de outubro de 2023 ata o 30 de setembro de 2024

Convocadas as indemnizacións para compensar os danos ocasionados polo oso pardo

Colmenar. / Arquivo.

A Xunta de Galicia volve abrir unha convocatoria de axudas para indemnizar os danos ocasionados polo oso pardo. Esta nova liña segue á anterior na que se concederon apoios de máis de 15.000 euros a sete produtores afectados polos danos do animal na montaña de Lugo. As novas axudas comprenden os danos ocasionados polo oso entre o 1 de outubro e o 30 de setembro de 2024.

Poderán ser beneficiarias as persoas titulares de explotacións gandeiras que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega) de Galicia. No caso de danos ás colmeas, estas deberán cumprir cos requisitos establecidos en materia de rexistros, identificación e programas de control e vixilancia de enfermidades obrigatorios, de acordo coa normativa de aplicación. No resto dos casos, deberase cumprir cos requisitos sanitarios establecidos nos programas de control, vixilancia e erradicación de enfermidades que poden afectar as especies gandeiras, así como estar identificados, de acordo coa normativa de aplicación.

No prazo máximo de tres días hábiles desde que se produza o dano, as persoas beneficiarias deberán poñelo en coñecemento da Consellería de Medio Ambiente. Deben facelo mediante unha chamada ao teléfono 012, na que se lles facilitará unha clave que servirá para acreditar a chamada e identificar o expediente. Para os danos constatados entre as 17.30 horas dos sábados e as 8.00 horas dos luns, a comunicación da constatación do ataque realizarase nas vinte e catro horas seguintes contadas desde as 20.00 horas do domingo. É importante non manipular o escenario para non obstaculizar o labor do persoal da escala de axentes facultativos ambientais que se desprace ao lugar para valorar os feitos e elaborar a correspondente acta.

O importe das compensacións dos danos establecerase en función das contías fixadas na orde, por animais e por danos causados. O importe asignado é de 38.000 euros. Poderá ampliarse en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Para os danos que fosen comunicados entre o 1 de outubro de 2023 e a data de publicación desta orde, o prazo de presentación será dun mes contado a partir da entrada en vigor desta orde. Para os danos ocasionados desde a entrada en vigor desta orde, o prazo de presentación será dun mes contado desde o día seguinte ao da comunicación do dano realizado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información