Na última década, desde o ano 2013 ao 2022, Galicia perdeu máis de 30.000 vacas reprodutoras destinadas á produción cárnica (o 39% da súa cabana) e máis de 1.000 ganderías (o 37% das granxas existentes hai 10 anos).
Pero esa diminución non foi homoxénea nin afectou a todas as razas por igual, senón que castigou especialmente á principal raza cárnica galega, a rubia galega, que perdeu neste período o 52% do seu censo de animais (pasando de 65.469 cabezas rexistradas a 31.390) e o 42% das explotacións (caendo de 2.282 a 1.310).
Razas como a limusín, a charolesa ou a blonde medran a costa da rubia galega, que perdeu máis da metade dos seus animais rexistrados
Esta tendencia á baixa na rubia galega coincide tamén no tempo cun momento de limpeza no censo, o que levou a dar de baixa no libro xenealóxico grande cantidade de animais por parte de Acruga, un purgado moi acusado que se deu precisamente no ano 2013.
Pero o goteo de peche de granxas e perda de cabezas continuou nos anos sucesivos, reverténdose esa tendencia unicamente no último ano, no 2022, onde a rubia galega gañou no conxunto do Estado 10 explotacións e 15 animais (ademais de en Galicia, hai rexistrados machos e femias de rubia galega en Castela e León, Madrid, Aragón, Andalucía, Estremadura e Castela-A Mancha).
Caída en picado dos animais censados
Galicia conta neste momento con 21.331 vacas nodrizas e 468 touros de raza rubia galega, máis 9.591 xatos e xatas tanto de cebo como de recría rexistrados no libro xenealóxico.
Estas cifras forman parte da base de datos oficial ARCA (Sistema Nacional de Información de Razas), dependente do Ministerio de Agricultura, e que contén datos censais actualizados de todas as razas presentes no territorio español con data 31 de decembro de 2022.
O ARCA inclúe exclusivamente a aqueles animais das razas do Catálogo Oficial e que forman parte das asociacións correspondentes (no caso de Galicia, serían os animais con carta pertencentes a ACRUGA, CACHEGA, CALDEGA, FRIEREGA, LIMIAGA e VIANEGA).
Moita rubia galega fóra de Acruga
Se comparamos estes datos cos incluídos no Sistema Integral de Trazabilidade Animal (SITRAN), tamén dependente do Ministerio de Agricultura, a cifra para a rubia galega elévase a 75.171 animais, segundo o último informe do 2021, con datos do 2020, o que evidencia que hai tanta rubia galega fóra do libro xenealóxico e de Acruga coma dentro da asociación, que non foi quen de aglutinar no seu medio século de historia a todos os animais e produtores no seu seo.
Outro tanto pasaría noutras razas, como a limusín, e en moita menor medida coa cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa, onde as asociacións xogan un papel vertebrador fundamental que está a servir para recuperar os censos de animais, impulsados tamén polas primas nas axudas da PAC.
Cada vez máis limusín
Sexa como for, a rubia galega segue a ser a principal raza cárnica presente na comunidade, pero cunha clara tendencia á baixa. Nos últimos 10 anos (2013-2022), o censo de rubia galega pasou de 66.162 animais en 2013 a 32.145 animais no ano 2022, o cal supón unha perda de máis da metade das cabezas.
Pola contra, no mesmo período a limusín aumentou un 150% o número de animais rexistrados. Isto fai que lograse xa dar o sorpasso á raza galega no ránking estatal. Segundo os datos do ARCA a nivel nacional, a Rubia Galega sigue sendo a raza autóctona de Galicia mellor clasificada, no posto número 7, pero perdendo 4 posicións na clasificación en 10 anos.
No mesmo periodo, mentres a limusín aumentou nun 150%, a rubia galega caeu en máis dun 50%
Tanto a raza de Lidia como a Asturiana dos Valles manteñen a primeira e segunda posición, respectivamente, na listaxe das principais razas de carne españolas, mentres que a Rubia Galega perde o terceiro posto, que é ocupado agora pola raza Limusina.
Esta raza de orixe francés ten unha forte suba nos últimos 10 anos, cun aumento aproximado do 60% en España e do 150% en Galicia, en comparación co descenso de máis do 50% da Rubia Galega. Tamén a raza Blonde de Aquitania gaña presencia en Galicia, o mesmo que a Charolesa.
Peche de granxas
En canto ao número de explotacións, baixa en todas as razas autóctonas da comunidade galega, sendo a Cachena a que menor baixada ten (-1,2%), e a Rubia Galega a que máis descende (-42%).
Tendo en conta as razas do Top 10 do ranking nacional, a Rubia Galega é a peor parada en todos os aspectos. Os censos de animais da raza Rubia Galega teñen un descenso dramático, que supón a perda de máis da metade das cabezas nos últimos 10 anos, en paralelo á caída producida no número de explotacións.
A rubia galega perde produtores e animais, mentres o resto de razas autóctonas galegas logran aumentar o seu censo malia pechárense explotacións
No resto de razas autóctonas galegas dase un aumento no número de animais e un descenso no número de granxas, o que indica claramente unha maior profesionalización nos últimos anos, con explotacións cada vez máis grandes.
Pero a pesar de que ACRUGA perdeu un 42% das explotacións que tiña hai 10 anos, a Rubia Galega séguese mantendo na 2ª posición do ranking estatal en canto a número de explotacións con animais rexistrados.
Ao igual que pasa no número de animais, a Limusina está a medrar de maneira significativa tamén no número de granxas, ao igual que o fan as razas Blonde e Charolesa.
Recuperación dos censos de cachena, vianesa, caldelá, limiá e frieiresa malia á diminución de produtores
No territorio español hai un total de 40 razas autóctonas de bovino, das cales 6 razas son orixinarias de Galicia: Rubia Galega, Cachena, Vianesa, Caldelá, Limiá e Frieiresa.
A análise da evolución dos censos e do número de explotacións revela a recuperación das razas autóctonas galegas en perigo de extinción. Todas as razas de morenas galegas teñen unha evolución positiva no período 2013-2022. A Limiá é a raza que mais medra, xa que case duplica o número de animais. A raza Vianesa ten un aumento do 19% da súa cabana, mentres que as outras 3 razas (Cachena, Caldelá e Frieiresa) aumentan aproximadamente un 25% no número de animais.
A Limiá mellora o seu posto no ranking estatal de razas, a Caldelá e a Cachena mantéñense, e a Vianesa e a Frieiresa perden posicións, a pesar de que a evolución do censo de todas as razas é positivo.
Profesionalización das explotacións
Tendo en conta o número de explotacións, obsérvase unha tendencia clara á perda de granxas e ao redimensionamento das que quedan. Todas as razas autóctonas galegas perden produtores, de maneira moi moderada nas razas Cachena e Limiá e máis acusada na Frieiresa e na Vianesa.
Así, a Cachena mantén o posto 17º no ranking español de razas por número de explotacións, a Limiá mellora 3 postos, e as outras tres razas galegas (Caldelá, Frieiresa e Vianesa) empeoran.