Aberto o prazo de inscripción nos concursos de gando frisón de Cimag-Gandagro

O certame desenvolverase entre o 26 e o 28 de xaneiro na Feira Internacional de Galicia, en Silleda

Aberto o prazo de inscripción nos concursos de gando frisón de Cimag-Gandagro

Imaxe dos certames de gando frisón da pasada edición. / Imaxe: Gandagro.

A segunda edición da feira profesional Cimag-Gandagro, adicada á maquinaria agraria e ó sector gandeiro, desenvolverase no recinto da Semana Verde de Silleda entre o 26 e o 28 de xaneiro. Un dos puntos fortes do certame son os concursos de gando frisón da Federación Frisona Galega (Fefriga), que se celebrarán o venres 27 e o sábado 28 de xaneiro.

O prazo de inscripción para apuntarse xa está aberto, co incentivo este ano de que todas as ganderías que se inscriban por primeira vez optarán ó premio Mellor Gandería de Nova Participación. Os concursos que se desenvolverán en Cimag-Gandagro son o XXI Concurso Autonómico de Raza Frisona Fefriga e o XXXIV Open Internacional da Raza Frisona Gandagro, que se converterán nun punto de encontro do mellor da cabana gandeira galega e do resto da península.

Este ano, todas as granxas que se inscriban por primeira vez optarán ó premio Mellor Gandería de Nova Participación

Os exemplares participantes competirán polo título de Campioa de Galicia, no Autonómico, e de Campioa Internacional, no Open Internacional, nas categorías de becerra, xovenca, vaca xoven, vaca intermedia e vaca adulta. Tamén haberá premios de Gran Campioa de Galicia e Internacional nas categorías de xovenca e vaca. Este ano, a diferenza da anterior edición, a distinción de Gran Campioa irá acompañada de premios en metálico.

Os premios complétanse cos galardóns de Mellor Criador de Galicia, Mellor Criador Internacional e Mellor Gandería de Nova Participación.

Xóvenes manexadores e preparadores
A estes certames sumarase, tamén de man de Fefriga, o venres 27, o XXXIII Concurso Internacional de Xóvenes Manexadores “Memorial Luís Louzao”, no cal os gandeiros máis novos demostrarán a súa habilidade na presentación en pista dos animais. Ademais, engadirase, o día anterior, o X Concurso de Xóvenes Preparadores de Gando GandAgro´17, no que os participantes amosarán a súa destreza preparando ao gando para logo presentalo.

Aberto o prazo de inscrición
O prazo de inscrición para participar nestes catro concursos xa está aberto. No caso dos morfolóxicos Autonómico e Internacional, as inscricións pecharanse o día 19 de decembro, mentres que no de Manexadores e Preparadores farano o día 15 de xaneiro. A documentación está dispoñible na páxina web da feira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información