A Xunta asegura que este mes rematará o ingreso da PAC 2015

Publicidade
A Xunta asegura que este mes rematará o ingreso da PAC 2015

Ángeles Vázquez, conselleira do Medio Rural, esta mañá na sede do Fogga en Lugo

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, acudiu hoxe ao consello reitor do Fondo Galego de Garantía Agraria onde se fixo balance do estado dos pagos directos da PAC e do que se desprende que Galicia non terá que acollerse á ampliación de prazo ata o 15 de outubro autorizada pola Unión Europea dado que este mes de xuño estará finalizado o abono da campaña 2015-2016.

Segundo explicou Vázquez, actualmente a Xunta de Galicia xa ten abonado o 96% das axudas e antes de que remate o mes ingresarase o resto. Polo tanto, non será preciso que Galicia recorra á ampliación de prazo que permite aos países facer fronte a estes pagos ata o 15 de outubro sen ningún tipo de penalización. A Unión Europea tomou esta decisión antes as dificultades que estaban tendo os Estados membros para abonar as axudas.

A Xunta asegura que xa aboou o 96% das axudas da PAC

A día de hoxe, lévanse pagados 172 millóns de euros, “unha cifra moi superior á de outros anos a estas alturas”, salientan dende a Consellería, xa que o orzamento de toda a campaña anterior foi de 165,5 millóns de euros. “Unha semana antes de que remate o prazo ordinario, xa se ten pagado máis que en toda a campaña anterior”, salientou a conselleira aos medios. Ademais, subliñou que “ste balance sitúa a nosa comunidade á cabeza de España no nivel de pagos”, só superada por Asturias, aínda que a comunidade veciña manexa un volume orzamentario da PAC moito menor, en torno a uns 60 millóns de euros.

En concreto, dende a Consellería salientan que Galicia está 17,34 puntos por riba da media de España, por diante de Andalucía, Aragón, Cantabria, Castela-A Mancha, Castela e León, Cataluña, Madrid, Murcia, Navarra, A Rioxa, comunidade Valenciana e as illas Baleares e Canarias.

A Consellería confía en tramitar en outubro os anticipos da PAC 2016

Esta situación permitirá que de cara ao final do prazo dispoñible para abonar a PAC 2015-2016, a Consellería do Medio Rural xa estará preparando os pagos da seguinte. Estes datos son aínda máis relevantes nesta campaña, xa que foi a máis complicada de tramitar pola implantación dun novo sistema.

“Sabiamos que os gandeiros estaban a pasar por un momento complicado e centramos todos os nosos esforzos en axilizar ao máximo posible esta tramitación para darlles liquidez”, sinalou Ángeles Vázquez, que agradeceu o traballo feito ao Fogga e aos seus traballadores. Actualmente xa está en tramitación a PAC 2016-2017 e de cara a outubro, se poderán estar tramitando os anticipos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información