A situación actual dos mercados alimentarios caracterízase por un elevado nivel de concentración da gran distribución comercial, cun gran poder de negociación, fronte a unha industria máis atomizada e con menor poder de negociación dos prezos e das condicións. Esa situación de desprotección aumenta aínda máis no último elo da cadea, as explotacións agrarias e ganderías.
“Esta realidade fai que sexa preciso equilibrar o poder de negociación ó longo da cadea”, explica José Manuel Andrade Calvo, director da Fundación Juana de Vega, unha das entidades galegas que está a traballar de xeito activo nesta liña.
Cómpre lembrar que o fortalecemento do papel dos produtores ao longo da cadea é un dos obxectivos prioritarios marcados pola PAC no novo ciclo 2023-2027. Tanto institucións públicas como entidades ligadas ao sector agrario están a implicarse nesta liña de traballo, por medio de medidas, organismos e ferramentas específicas.
Debullamos a continuación o papel que están desempeñando na cadea alimentaria distintas entidades públicas e tamén as organizacións de produtores, un instrumento impulsado por Bruxelas como vía para fortalecer a posición do agro na cadea de valor. É de destacar que son entidades ás que se lle recoñecen excepcións na normativa de competencia da UE, no sentido de que se lles permite negociar e pactar prezos en conxunto para as producións dos seus asociados.
O papel da AICA
Dende a súa creación no ano 2014, a axencia española AICA (Axencia de Información e Control Alimentarios) realizou máis de 6.700 controis de oficio en toda España, a maioría no sector da froita e hortalizas (1.763), seguido do sector do viño (1.216) e o lácteo, onde efectuaron 1.048 controis. Nestes 9 anos de traxectoria, a AICA tramitou un total de 1.978 expedientes de sanción, onde a maior parte deles débense a incumprimentos dos prazos de pago e á falta de contratos escritos entre as partes.
Coa última modificación da Lei de mellora da cadea alimentaria, introducida en 2021, as comunidades autónomas pasan a asumir funcións de control no seu territorio, que ata o momento desenvolvía exclusivamente a AICA.
Galicia: o Servizo da Cadea Alimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais
Con este fin, Galicia habilitou a finais do ano pasado o Servizo da Cadea Agroalimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais. “A posta en marcha do novo servizo está producindo unha maior concienciación por parte dos operadores da cadea alimentaria na necesidade do cumprimento das obrigas legalmente establecidas nas súas relacións comerciais”, indican dende Medio Rural.
As principais actuacións coas que nace este servizo son:
– Mellorar o funcionamento e a vertebración da cadea agroalimentaria.
– Ofrecer un maior equilibrio e transparencia nas relacións comerciais.
– Fortalecer o sector produtor e potenciar actividades das organizacións interprofesionais agroalimentarias.
– Garantir a unidade de mercado para a mellora da competitividade da cadea alimentaria.
– Elaborar un observatorio de prezos e de custos de produción.
– Manter un intercambio de información e coordinación coa AICA e outras comunidades autónomas.
“Este servizo permitirá obter un coñecemento máis profundo do funcionamento da cadea alimentaria en Galicia e das relacións comerciais dos seus operadores. Iso permitirá detectar posibles desequilibrios no sistema e buscar medidas correctoras en colaboración cos membros da cadea”, explican dende Medio Rural.
Os primeiros controis realizados pola Administración galega prestaron especial atención ós contratos e ás prácticas comerciais abusivas, eixos da Lei de Mellora da Cadea Alimentaria. “Ata o momento, as actividades desenvolvidas centráronse en labores informativos e de inspección realizadas cos operadores de diversos sectores da cadea alimentaria”, indican.
Control da cadea de valor en Portugal
Portugal tamén aborda xa no Plan Estratéxico da PAC a necesidade de mellorar a posición dos agricultores na cadea de valor, unha liña de traballo na que xa vén traballando dende o 2011 por medio da Plataforma de Acompañamento das Relacións na Cadea Alimentaria, un órgano impulsado polo Goberno portugués, con participación de distintos Ministerios (Economía, Agricultura e Mar, Medio Ambiente e Ordenación do Territorio).
A Plataforma creouse co obxectivo de fomentar o equilibrio na cadea alimentaria, promovendo o diálogo para aumentar a transparencia e un axeitado reparto do valor entre os sectores da produción, da transformación e da distribución dos produtos agrícolas e agroalimentarios.
No marco do traballo da Plataforma, creouse no outono do 2022 o Observatorio de Prezos Nacional e Sostible, orientado a facer un seguimento das cotizacións medias dos produtos agroalimentarios, tanto dos vexetais como dos procedentes da gandería. O obxectivo do Observatorio é facer unha comparación de series homólogas entre a evolución dos prezos ó produtor e dos prezos ó consumidor, con actualizacións mensuais.
Co Observatorio gáñase en transparencia do mercado e facilítase o traballo da Autoridade de Seguridade Alimentaria e Económica (ASAE), creada no 2005 para velar polo cumprimento da normativa na cadea alimentaria, entre outros cometidos. Desde setembro do 2022 a marzo deste ano, a ASAE inspeccionou un total de 1.223 operadores económicos e cursou 93 denuncias por especulación e 115 procesos por infraccións administrativas.
A maiores das medidas de control gobernamentais, son de destacar tamén as medidas de autorregulación pactadas pola cadea agroalimentaria de Portugal, con participación de asociacións de todos os elos (produción, transformación e distribución). En concreto, o sector impulsou un Código de Boas Prácticas na Cadea Alimentaria, que inclúe un mecanismo de mediación e resolución de litixios entre as partes.
As organizacións de produtores (OP) en Galicia e Norte de Portugal
Con gran importancia na teoría para fortalecer a capacidade de negociación do agro, a aplicación práctica das organizacións de produtores foi polo de agora limitada en Galicia, con presenza puntual en sectores como o leite e o vacún de carne.
En Galicia, hai unha OP recoñecida en vacún de leite, Ulega, se ben con pouca incidencia no volume de leite negociado. Tamén hai OPs en proceso de inscrición en vacún de carne, como as ligadas a Gandeiros Galegos de Suprema ou a Unións Agrarias.
No Norte de Portugal, en cambio, hai 20 organizacións de produtores recoñecidas, de distintos ámbitos: 5 de froitas e produtos hortícolas, 5 de froitos secos (castaña, améndoa), 3 de viño, 3 de leite, 2 de carne, 1 de vacún de carne e produtos apícolas, e 1 de aceite.
Unha das organizacións de produtores que está a operar no norte de Portugal é a xerada hai 3 anos no seo da cooperativa vitivinícola Favaios, situada na rexión do Alto Douro e considerada unha das máis grandes e recoñecidas do país, cunha traxectoria de máis de 70 anos.
“Convertémonos nunha organización de produtores porque deste xeito podíamos obter vantaxes económicas. Foi un paso máis no camiño da Cooperativa e que os produtores aceptaron de bo grao, ó ver que era unha vía positiva, que tamén lles redunda a eles en apoios adicionais do 5-10% nas axudas da PAC que reciben”, sinala Mário Monteiro, presidente da adega cooperativa Favaios.
En Galicia, varios colectivos de gandeiros de vacún de carne están traballando na actualidade para constituír organizacións de produtores que lles axuden a ter unha mellor posición de negociación na cadea alimentaria.
É o caso de Gandeiros Galegos de Suprema: “Os socios demandan constituír unha organización de produtores para tratar de salvar as ganderías, xa que os custos de produción están afogándonos e non damos subsistido”, explica Santiago Rego, gandeiro e presidente da Asociación de Gandeiros Galegos de Suprema, unha asociación que se constituíu hai un ano e que na actualidade conta cuns 600 socios, boa parte deles da provincia de Lugo.
A asociación calcula que ten o apoio xa do 50% dos produtores para botar a andar a OP este ano e que logo se sigan sumando máis produtores. O seu obxectivo é conseguir mellores prezos para a carne das súas ganderías.
Ferramentas para proporcionar maior transparencia
Para promover maior facilidade nas negociacións -individuais ou colectivas- entre as partes, un dos eixos nos que cómpre avanzar é no coñecemento dos custos de produción. Con este obxectivo, en Galicia creáronse dúas ferramentas informáticas: Conta Láctea e Contacarne, desenvolvidas pola Fundación Juana de Vega, cun convenio de colaboración coa Consellería de Medio Rural.
Trátase de dúas aplicacións informáticas para uso das ganderías de leite e de vacún de carne,respectivamente. Foron deseñadas para un funcionamento sinxelo e intuitivo, de xeito que ó introducir unha serie de datos técnicos e económicos da granxa se poidan estimar os custos de produción.
A Conta Láctea suma xa máis de 450 usuarios de alta e mesmo se deseñou un módulo de usuario profesional, -xestor de varias granxas-, atendendo á demanda do sector. “Outras comunidades como Cantabria acaban de incorporar tamén esta ferramenta, que resulta de gran utilidade para establecer os custos de produción e defender a correcta aplicación da Lei da Cadea Alimentaria”, informa José Manuel Andrade Calvo, director da Fundación Juana de Vega.