A Consellería do Medio Rural anuncia que sacará unha orde de axudas destinada ao sector apícola galego cun orzamento de case 1,5 millóns de euros. A finalidade destas axudas é mellorar a competitividade do sector a través da modernización e a optimización de equipamentos. Tamén busca loitar contra a perda de poboación das abellas e outros insectos polinizadores como consecuencia da expansión de patoloxías, o incremento de especies inimigas, como a vespa asiática, ou o cambio climático.
O orzamento total para estas axudas é de 1.457.810 euros para actividades realizadas entre o 1 de agosto de 2023 e o 31 de xullo de 2024, período da campaña apícola. Entre os gastos subvencionables desta orde de axudas están os servizos de asesoramento e asistencia técnica; os tratamentos contra a varroase; a adquisición de produtos para incrementar a vitalidade das colmeas en estados de risco para a supervivencia da colonia; a renovación e acondicionamento de ceras; a adquisición de material necesario para a captura, eliminación, disuasión e control da avespa velutina ou doutras especies exóticas invasoras; ou os investimentos en equipamentos que permitan a adaptación a fenómenos climáticos adversos das explotacións apícolas, para a cría e adquisición de raíñas ou para a mellora de maquinaria. Ademais, tamén se inclúen aquelas accións destinadas a mellorar a orientación ao mercado e aumentar a competitividade, facendo maior fincapé na investigación, a tecnoloxía e a dixitalización; e sobre a posición dos apicultores na cadea de valor.
A Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura estima que dos 100 cultivos que proporcionan o 90 % da alimentación mundial, 71 deles dependen da polinización de abellas e a produción de certas froitas, sementes e froitos secos, que podería decrecer en máis do 90 % sen a presenza dos insectos polinizadores. En Galicia, a actividade das abellas ten un grande efecto na produción de cultivos de polinización entomófila, como a maceira, a cerdeira ou o tomate, de aí a importancia de apoiar este sector, valora a Xunta.
Os fondos procederán nun 50 % do Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria (Feaga), cunha achega de 743.905 euros, e o restante repartirase a partes iguais con fondos procedentes do Ministerio de Agricultura e da Xunta, con 371.952,5 euros. A orde de axudas do 2024 publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 8 de xaneiro e o prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte a que sexa recollido no DOG.