A Xunta advirte de que redistribución de fondos da PAC que propón Andalucía prexudica ao sector lácteo

A Consellería do Medio Rural considera que aumentar as axudas ao olivar en pendente, uva pasa e trigo duro restará fondos europeos para o sector lácteo. Este xoves as Comunidades Autónomas debaterán a redistribución de fondos da PAC no Consello Consultivo

A Xunta advirte de que redistribución de fondos da PAC que propón Andalucía prexudica ao sector lácteo

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez

A Consellería do Medio Rural trasladará a súa oposición no Consello Consultivo deste xoves á redistribución de fondos da PAC que propón Andalucía. O executivo andaluz considera que a súa Comunidade foi penalizada na última distribución de fondos da PAC polo que reclama aumentar as axudas acopladas ligadas á produción de olivar en pendente, uva pasa e trigo duro, entre outros. Para a Xunta de Galicia esta redistribución “iría en detrimento dos fondos vinculados ao lácteo, unha decisión que Galicia non está disposta a asumir”.

Ademais, dende a Consellería do Medio Rural pedirán no Consello Consultivo, órgano que reúne aos conselleiros de Agricultura das Comunidades Autónomas e ao Ministerio, que “as modificacións que se poidan facer sobre a aplicación da PAC en España gocen do mesmo consenso que se alcanzou cando se aprobou o actual modelo de distribución, que foi moi amplo”. “Este modelo -subliñan dende o departamento que dirixe Ángeles Vázquez- permitiu outorgarlle ao lácteo o que se lle tiña denegado durante anos e a Xunta non está disposta a perdelo”.

A Consellería tentará aglutinar un bloque opositor a que se reduzan as axudas ao sector lácteo

Ante a demanda de Andalucía, a conselleira anunciou que a Xunta buscará aliados entre as comunidades autónomas gandeiras para crear un bloque opositor, “en tanto que Castela e León, Castela-A Mancha e Aragón xa mostraron a súa oposición tamén a esta proposta”.

Para preparar a reunión do Consello Consultivo do xoves a conselleira do Medio Rural, Ánxeles Vázquez, mantivo unha reunión de traballo este luns coa directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e outros técnicos do servizo do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), que xestiona as axudas da PAC. Estes días tamén están convocados os representantes de sindicatos e da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) para solicitar o seu apoio e sumar forzas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información