O 39,9% dos viticultores de España están en Galicia

As actividades de viticultura, elaboración e comercialización de viño en Galicia xeran en torno aos 890 millóns de euros de Valor Engadido Bruto (VEB) ao ano. O sector do viño xera emprego, a tempo completo, para 15.900 persoas: o 55,5% son postos de traballo directos.

Publicidade
O 39,9% dos viticultores de España están en Galicia

Cunha cifra de 219.356 persoas dedicadas á viticultura, Galicia suma o 39,9% de viticultores de España, segundo o estudo La importancia económica y social del sector vitivinícola en Galicia, publicado pola Interprofesional del Vino de España (OIVE).

Galicia conta cun tecido empresarial vitivinícola atomizado, indica o texto, onde o 79% das empresas da mostra tomada en 2019 para o informe son microempresas. En canto á súa forma xurídica, o 7% das empresas son cooperativas.

Con todo, o sector vitivinícola achega un 1,4% do PIB galego e as actividades de viticultura, elaboración e comercialización de viño supoñen uns 890 millóns de euros de Valor Engadido Bruto (VEB) ao ano, dos cales 484 millóns son unha contribución directa do sector, 208 son xerados por outras actividades subministradoras do sector (comercio, enerxía, transporte etc.) e 198 son de efecto inducido.

O estudo apunta á contribución positiva do sector á balanza de pagos, cun superávit comercial superior aos 50 millóns de euros anuais. Os dous principais mercados de destino son Estados Unidos e Reino Unido, que concentran o 43,2% do total exportado.

En canto ao seu impacto social, o sector xera 15.900 empregos a tempo completo (o 55,5% en postos de traballo directos) e hai presenza de vides en 150 concellos de Galicia (un 47,3% do total), cunha superficie aproximada de 33.283 hectáreas, o que indica presenza de minifundismo aínda que pode tamén supoñer un factor de fixación de poboación no medio rural.

Respecto á produción, Galicia achega o 2,3% do viño nacional, con 777.123 hectolitros ao ano que proceden, nun 86,7%, das provincias de Pontevedra e Ourense.

Dende a OIVE afirman que co informe “se pon unha vez máis de manifesto a importancia socioeconómica do sector vitivinícola en España e en cada unha das súas Comunidades Autónomas”.

O documento é parte dunha liña de informes (a nivel nacional e rexional) que poñen de relevo a relevancia do viño no plano económico, social e ambiental. “Desenvolver e consolidar a información relevante do sector é unha das accións contempladas tamén na Estratexia do sector vitivinícola español 2022-2027, unha folla de ruta consensuada por todo o sector para afrontar os retos de futuro”, afirman.

Infografia-vino-Galicia infografia-vino-nacional

Descargar Informe “La relevancia del sector vitivinícola en Galicia”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información